Noticias

Cerceda presenta a terceira edición da carreira de obstáculos Poseidon Race

O Concello de Cerceda presentou esta mañá a terceira edición da proba deportiva Poseidon Race organizada polo club local OCR Cerceda, en colaboración co Concello. Esta proba deportiva consiste nunha carreira de obstáculos que terá lugar o 25 de maio no Aquapark cercedense e as súas inmediacións.

A proba deuse a coñecer hoxe, ás 13:45 horas, no salón de plenos da Casa do Concello e no acto interviñeron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; e o presidente do OCR Cerceda, Álvaro Sánchez.

A carreira contará coas categorías Elite, Starter e Popular. A primeira terá un percorrido de 10 quilómetros e 60 obstáculos, mentres que as restantes, a diferencia da edición do ano pasado, terano de 8 quilómetros. Iso si, terán que superar o mesmo número de obstáculos, nos que se porá a proba a forza, o equilibrio ou a puntería dos e das participantes.

A primeira categoría que tomará a saída será a Elite e producirase ás 15:00 horas. A continuación, ás 16:20 horas, arrancarán os ‘starters’ e as categorías populares sairán cada 20 minutos dende as 16:40 ata as 18:00 horas.

Esta proba forma parte da Liga OCRA Galicia 2024, Liga AOCO, Liga North Finals e será clasificatoria para o mundial de California OCRW.

ÉXITO DE PARTICIPACIÓN

Esta III edición da Poseidon Race apunta a que será un éxito rotundo de participación, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. A máis de dous meses da proba, o número de anotados roza os 660, a menos de 50 inscritos do récord establecido o ano pasado, cando participaron 700 persoas. Para formar parte da proba, as persoas interesadas deberán apuntarse a través da páxina www.ccnorte.com

En Cerceda daranse cita os mellores atletas nacionais e internacionais deste tipo de carreiras con deportistas de elite chegados dende países como Portugal, Dinamarca, Bélxica, Sudáfrica ou Alemaña.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou “a aposta decidida deste goberno pola colaboración con este tipo de eventos, que fomentan o deporte e que lle dan visibilidade a recursos que son de moito interese para nós”.

“Co noso apoio imos tratar de darlle un novo impulso a unha cita que non deixa de medrar, tanto a nivel de participación como de calidade, nas verbas dos propios participantes”, insistiu o rexedor.

O presidente do club organizador da carreira, Álvaro Sánchez, agradeceu a colaboración do Concello de Cerceda, pois “sen ela sería totalmente imposible darlle ao evento a magnitude que ten a día de hoxe”.

Amosou a súa “felicidade” polo grande éxito de inscricións e “animo á xente a que sigan anotándose”. Fixo fincapé en que “este ano formarán parte da Poseidon Race algúns e algunhas dos mellores corredores/as do mundo”, o que definiu como “un soño para nós”.