Tanto se vives aquí como se te achegas a visitarnos, atoparás en Cerceda unha rede de espazos e equipamentos culturais pensados para que lle saques todo o proveito ao teu tempo de ocio.
Rede Municipal de Bibliotecas
Unha das finalidades da acción cultural municipal reside na recuperación de espazos para a lectura e na posta en marcha de iniciativas que incidan na súa promoción e dinamización.
Con este obxectivo, deséñase a rede municipal de bibliotecas que está integrada pola Biblioteca Municipal de Cerceda, a Biblioteca Municipal da Silva e a Aula de Lectura de Meirama.
Estes centros, ademais de cumpriren un servizo público como lugares de préstamo de libros tanto en sala como a domicilio, tamén desenvolven campañas de promoción e dinamización da lectura. As bibliotecas municipais de Cerceda e da Silva tamén dispoñen de equipamentos informáticos a disposición dos/as usuarios/as e están integradas na
Rede Galega de Bibliotecas.
Subir
Os nosos museos
A rede de museos do Concello de Cerceda está integrada polo Museo do Moucho e o Ecomuseo.
Museo do Moucho
Inaugurado o 24 de decembro de 1994, conta na actualidade con máis de 5.000 pezas que inclúen esculturas, cadros de pintores galegos, libros e artigos de xoiería e unha grande vidrieira policromada de José de Esprona, que sitúa un gran moucho na árbore do paraíso.
O museo conta, á súa vez, con instalacións interactivas que permiten ao visitante ver, tocar e escoitar o mundo destas particulares aves.
Para realizar unha visita é preciso concertala previamente no teléfono 981 686215.
Ecomuseo
Estamos ante un museo interactivo que nos permite aproximarnos ás características do medio ambiente do noso concello e coñecer a historia, a evolución da economía e da sociedade de Cerceda no último século.
Para realizar unha visita é preciso concertala previamente no teléfono 981 686 209.
Subir
Auditorio
O auditorio municipal de Cerceda, integrado no edificio do Centro Cívico municipal, conta cun aforo de 196 persoas; equipos de son e iluminación; dous camerinos con espello, luz e auga; e vestiarios masculino e feminino.
Neste espazo desenvólvese o programa de teatro anual e diferentes actividades e encontros como a Cabalgata de Reis, a Gala do Deporte, etc...
Subir