O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, foi o convidado que participou esta mañá no proxecto ‘Biblioteca Humana’ do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro, da Silva, e con motivo da recente celebración do Día da Constitución. Noutras ocasións participaran nestes encontros Moncho Vila, escritor da Tablilla ou mamás traballadoras con motivo do Día da Muller.
As pequenas e pequenos de 3º e 4º de Educación Primaria fixéronlle preguntas referentes ao documento magno, como “Mellorou España coa Constitución?”, “A Constitución Española vai existir sempre?”, “Cal foi a primeira Constitución?” ou “Que pasa si non cumples coa Constitución?”, pero tamén outras de índole persoal, como “Cantos anos levas como alcalde?” ou “Cal é o teu horario?”
O rexedor cercedense contestou “con moito gusto” unhas preguntas dun público “sempre moi especial”. O alcalde destacou que a Constitución é unha ferramenta ao servizo da xente, “e foi un gran exemplo de acordo entre ideas diferentes e iso é moi importante, saber defender os principios dun pero tamén chegar a acordos”.
Alicia, a nena gañadora do concurso de marcapáxinas do centro, fíxolle entrega dun exemplar a Juan Manuel Rodríguez, quen tamén asinou no libro de honra do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro.