Cerceda, 14 de xuño de 2022 – Hoxe tivo lugar a entrega do Premio “Recíclate con Sogama” 2021-2022, que ten por obxectivo divulgar a oportunidade que representa para o medio ambiente transformar os residuos en recursos. Nesta ocasión os alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva recibiron o terceiro premio, dotado co 700 euros polo seu deseño orixinal sobre a concienciación da reciclaxe como ferramenta fundamental para protexer o medio ambiente.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, acompañado da concelleira Cristina Capelán, asistiron a entrega de premios e destacaron o compromiso dos alumnos e alumnas do CEIP Celso Emilio Ferreiro co medio ambiente. “Quixera agradecer a Sogama a convocatoria destes premios e felicitar aos alumnas e alumnos da Silva e ao propio centro educativo polo seu traballo en defensa do noso medio ambiente”, asegurou o primeiro edil. Os alumnos recibiron o premio de mans do propio presidente de Sogama, Javier Domínguez.
O proxecto dos alumnos e alumnas da Silva contaba con imaxes deles mesmos suxeitando residuos que tiñan que ser reciclados e convidando á sociedade a activar os seus sentidos a tomar conciencia da realidade e “pasar á acción para gañar a loita ao cambio climático. Baixo o lema: “Non deixes que os residuos bloqueen os teus sentidos: observa, escoita, reivinda, móvete. Segrega!”, os estudantes de Cerceda acadaron un premio moi merecido.
Sogama destacou o nivel das propostas deste ano canto a súa creatividade, orixinalidade e a mensaxe medioambiental que transmite e que logrou un impacto positivo de concienciación da poboación sobre a necesidade da reciclaxe.