O Concello de Cerceda vén de sumarse ó protocolo de adhesión ó servizo de asistencia técnica e dinamización da participación das Administracións públicas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España, no que están recollidos cinco grupos de actividades incluídas no servizo e ás que se pode optar ó completo ou parcialmente, unha vez asinada a documentación. 

Estas actividades son: dinamización da participación das Administracións públicas no PRTR e soporte á tramitación da adhesión do servizo; asistencia técnica na participación, seguimento e execución de subproxectos; asistencia técnica no emprego do sistema de información integrado (COFFEE); asistencia técnica no cumprimento das obrigacións de xestión do PRTR e recompilación e difusión de boas prácticas. 

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, indica que “con fondos do IDAE vimos de afrontar un mandato con melloras moi importantes en iluminación, mobilidade peonil e aforro enerxético”. 

Neste sentido, explica o rexedor, “este último é de especial transcendencia, dado que sempre libera recursos para investir en favor das veciñas e dos veciños. De cara aos vindeiros catro anos, a día de hoxe xa temos garantidos uns 5 millóns de euros en investimento comprometidos por distintas liñas de axudas, dos cales 2,5 millóns fan directamente fincapé no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”.

Rodríguez avanza que “inclúense aquí proxectos de tal importancia e magnitude como os que estamos barallando, os referentes á renovación no Paseo Fluvial, Aquapark ou a senda Ribasoutas-Xermar, e a nosa adhesión á asistencia técnica non é máis que un proceso lóxico para seguir estando á vangarda e non deixar nada ao azar. Boa parte do futuro de Cerceda, en distintos ámbitos, pasa por este precepto”.

O Concello de Cerceda finaliza a elaboración do Informe de seguimento do PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible), unha iniciativa europea na que os gobernos locais e rexionais comprometéronse de forma voluntaria a implantar no seu territorio os compromisos en materia de clima e enerxía da Unión Europea.

A Administración local adheriuse ao Pacto das Alcaldías en marzo de 2021 e elaborou o seu primeiro informe PACES en novembro de 2021. Entre os compromisos que se adquiriron está o de reducir en, polo menos, un 40% as emisións de CO2 no concello de cara ao ano 2030, tomando como ano de referencia o 2015. Outro dos compromisos adquiridos é o de aumentar a capacidade de resiliencia do concello mediante a adaptación ao cambio climático.

Tras dous anos, e tal como establece o Pacto das Alcaldías, debe avaliarse o estado das medidas que se propuxeron para comprobar se o concello de Cerceda está en boa dirección para alcanzar o compromiso de redución das emisións de cara ao 2030. Ademais, o Concello de Cerceda, en consonancia co seu compromiso coa sustentabilidade e a mellora ambiental, no presente informe inclúe novas medidas orientadas á adaptación ao cambio climático e á loita contra a pobreza enerxética.

Nos últimos meses, Vertia, a empresa contratada para a elaboración do informe de seguimento, volveu a facer un novo Inventario de Emisións de Referencia (IER) do ano 2022 facendo unha análise comparativa co IER do ano 2015.

No ano 2022 no concello de Cerceda acadouse unha redución do 14,6% das emisións de CO2 respecto ao ano 2015, o equivalente a 3.506 toneladas de CO2Esta redución de emisións permite afirmar que o Concello vai polo bo camiño para alcanzar o seu obxectivo de redución do 40% no 2030.

O rexedor de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salienta que “estamos enmarcados na consecución dos obxectivos da Axenda 2030, e neste caso dun modo moi tanxible, que foi unha das críticas que se lle fixera a este escenario, a dificultade de medir os seus obxectivos. Isto sitúanos á vangarda e ten plena coherencia do que é un Concello que traballa pola redución das emisións de dióxido de carbono, a mobilidade peonil e nos obxectivos que veñen marcados por Europa. Estes beneficios vai moito máis aló da consecución do obxectivo marcado, que xa é unha causa importante en si mesma”, aplica. 

Tal e como lle foi comunicado ao seu Concello, tras o inicio do servizo de telefonía móbil de nova xeración (4G e 5G) na zona, podían producirse afectacións na recepción de televisión dixital terrestre (TDT).

Para solucionar estas afectacións e garantir que a posta en servizo das estacións base de telefonía móbil non afecte á TDT, a entidade LLEGA700 leva a cabo as actuacións técnicas necesarias nas instalacións de recepción dos usuarios de TDT. Estas actuacións son de carácter gratuíto para os cidadáns afectados.

De acordo á Orde Ministerial1 que regula este proceso, o prazo para solicitar as actuacións en caso de afectación por parte dos usuarios de TDT, é de seis meses desde a data de posta en servizo das estacións de telefonía móbil.

Mediante a presente comunicación informámoslle que está a piques de finalizar o prazo habilitado de 6 meses, desde o aceso dunha ou varias das estacións que afectan o seu municipio, para resolver incidencias na recepción da TDT sen custo para os cidadáns.

Non obstante o anterior, infórmase que o 31-07-2023, finalizará definitivamente o prazo para solicitar as actuacións gratuítas, por parte dos usuarios da TDT, polas posibles afectacións ocasionadas polos nodos de 4G e 5G.

No futuro, no seu municipio poderíanse acender novas estacións base de telefonía móbil, se así o considerasen necesario os operadores para mellorar este servizo, nese caso volveríase a informar o seu Concello e atenderíanse de forma gratuíta as incidencias que se producisen, abríndose un novo prazo de seis meses desde a data de aceso.

En caso de calquera dúbida ou de requirir información máis detallada sobre as estacións do seu municipio pode chamar ao teléfono gratuíto da Oficina Técnica de Concellos de LLEGA700, 900 831 902, onde se lle facilitará toda a información referente ás posibles afectacións ocasionadas por estacións base de telefonía móbil no seu municipio ou en municipios lindeiros.

Lembramos que para poder atender no centro de atención ao usuario e poder resolver as incidencias, terán que comunicarse ao teléfono gratuíto 900 833 999.

Logo da celebración do Pleno de investidura, no que tomou posesión Juan Manuel Rodríguez novamente como alcalde do Concello de Cerceda o pasado 17 de xuño, o Salón de Plenos acolleu esta mañá a sesión de organización, na que se deu a coñecer o organigrama da corporación cercedense para o vindeiro mandato 2023-2027. 

Así, por parte do Partido Socialista de Cerceda e equipo de goberno, serán concelleiras e concelleiros da nova corporación o propio rexedor, Juan Manuel Rodríguez, acompañado de Cristina Capelán Cancelo, Francisco Javier Boquete, Jesús Rama, María del Carmen Martínez, Catrina Queijo, Silvia Lois, Ángel Gestal e José Óscar Golán. 

Por parte do Partido Popular, serán edís David Lamas, Marta Grela e Alfonso Mosquera, e polo Bloque Nacionalista Galego, Alberte Sánchez. As sesións plenarias ordinarias celebraranse os últimos xoves de cada mes impar ás 21:00 horas.

As competencias serán repartidas da seguinte maneira: 

  • Cristina Capelán: concelleira de Cultura, Educación e Turismo.
  • Francisco Boquete Cambón, concelleiro de Obras, Urbanismo, Contratos e Vida Saudable.
  • Catrina Queijo: concelleira de Benestar Social, Igualdade e Comunicación. 
  • María Carmen Martínez Barreiro, concelleira de servizos de tecnoloxía, dixitalización e innovación. 
  • Jesús Rama Bello, concelleiro de Medio Ambiente, Instalacións Deportivas e Persoal. 
  • Ángel Gestal, concelleiro de Festas e Medio Rural. 
  • Silvia Lois, concelleira de Relacións Veciñais e Comercio. 
  • Óscar Golán, concelleiro de Deportes e Dinamización.

A Xunta de Goberno Local estará conformada polas e polos edís Catrina Queijo, Silvia Lois, Ángel Gestal e María Carmen Martínez. Celebraranse as súas sesións ordinarias os mércores de semanas alternas ás 13:30 horas. En caso de ser festivo, trasladarase ao día hábil inmediatamente posterior.

 

Tenencias de alcaldía

As tenencias de alcaldía estarán repartidas da seguinte maneira: a primeira tenente de alcalde será Catrina Queijo; a segunda María Carmen Martínez Barreiro; o terceiro Ángel Gestal Gómez e a cuarta Silvia Lois Fraga. 

O IMSERSO abre o prazo para novas solicitudes de turismo dende o 29 de xuño ata o 25 de xullo de 2023

 

Solicitantes:

Persoas residentes en España que reúnan calquera dos seguintes requisitos:

  • Ser pensionista de xubilación do Sistema Público español de Pensións.
  • Ser pensionista de viuvez e ter 55 anos cumpridos.
  • Ser pensionista por outros conceptos ou perceptor de prestacións ou subsidios de desemprego, en todos os casos con 60 anos cumpridos.
  • Ser titular ou beneficiario do Sistema da Seguridade Social, con 65 anos cumpridos.
  • Deberán valerse por si mesmos e non  padecer alteracións de comportamento que impidan a normal convivencia nos hoteis.

 

Para máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 686 068

O Concello de Cerceda presenta a súa programación cultural para os meses de xuño, xullo e agosto. Teatro, cine e maxia capitalizan a escolma de actividades para público familiar os meses de verán. 

Así, dará comezo o domingo 25 de xuño ás 12:00 horas con “Teatro ó cubo”, no Xardín Botánico. En caso de chuvia será no Auditorio de Cerceda. O domingo 9 de xullo, ás 11:00 horas, quenda para “Tonto, loco y salvaje”, tamén unha obra de teatro para público familiar que se celebrará no Auditorio Municipal de Cerceda. 

En agosto, dúas citas para marcar no calendario. A primeira, o día 9 deste mes, co filme “Los Mitchells contra las máquinas”, ás 22:30 horas no Campo da Feira de Cerceda. O sábado 26, para pechar a programación estival, o Mago Antón estará no Campo da Feira da Silva ás 12:00 horas e no Campo da Feira de Cerceda ás 18:00, 19:00, 20:00 e 21:00 horas co seu espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos”. 

Non é necesario reserva previa para ningún dos espectáculos. 

O Concello de Cerceda, a través do departamento de Benestar Social, igualdade e comunicación, abre o prazo de solicitude do servizo de “ Bos Días Cole” curso 2023/2024.
A prestación do servizo, estará supeditada a un mínimo de 13 menores usuarios/as, así como a situacións sobrevidas que poidan darse r que afecten o seu funcionamento ou posta en marcha.


Os servizo que ofrecen son:
- Servizo de monitores
- Servizo de almorzo.


Tipo de matrículas:
- Menores usuarios fixos, de luns a venres.
- Menores usuarios fixos por días soltos: ata un máximo de 12 días ao mes.
- Menores usuarios ocasionais, no caso de que queden prazas vacantes.


O custo do servizo segundo o uso será:
1. Tódalas persoas que soliciten o servizo aboarán en concepto de matricula : 10,00€

2. As persoas usuarias fixas, con matrícula tódolos días da semana:
Poden escoller entre estas dúas opcións
2.1. Sen almorzo: 30,00 €/mes
2.2. Con almorzo: 55,00 €/mes.

3. As persoas usuarias fixas mensuais matriculadas por días soltos, ata un máximo de 12 días, a partir do día 13 aboarase o mes completo.
Poden escoller entre estas dúas opcións:
3.1. Sen almorzo: 2,50 €/día.
3.2. Con almorzo: 3,50 €/días.

4. Persoas usuarias ocasionais:
Poden escoller entre estas dúas opcións
4.1. Sen almorzo: 3,50 €/día
4.2. Con almorzo: 4,50 €/día


PRAZOS.

Abrirase un prazo de solicitude dende o 19 de xuño ao 7 de xullo, para todo o alumnado matriculado no centro.

 

Para máis información contactar

SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE CERCEDA

Teléfono: 981 686 068

>>> Ver ou descargar formulario de solicitude (pdf)

 

 

Con data 5 de xuño de 2023 a Comisión de Baremación, Coordinación e Seguimento da escola infantil municipal acordou a listaxe definitiva do alumnado admitido e do alumnado en agarda para o vindeiro curso escolar 2023-2024.

Informar ás persoas interesadas que disporán dun prazo de 15 días naturais, que contarán dende a data de recepción da notificación da concesión de praza, para confirmar a matrícula e formalizar o contrato. Deberán presentar a documentación no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00h. a 14.00h. e provistos de:

  • Confirmación da matrícula (o impreso será enviado xunto coa notificación da concesión da praza)
  • Contrato asinado (deberá recollerse e asinar previamente no departamento de Servizos Sociais
  • Certificado médico da/o menor, indicando que ten todas as vacinas actualizadas e non padece ningunha enfermidade infecto-contaxiosa
  • DNI orixinal daquelas persoas que queiran autorizar para que poidan recoller aos menores na escola

Se despois de rematar este período non se formalizase o contrato perderá o dereito á praza concedida.

Máis información no Departamento de Servizos Sociais no teléfono 981 68 60 68.

Attachments:
FileFile size
Download this file (ANEXO 1. RELACIÓN DE ALUMNADO ADMITIDO.pdf)ANEXO 1. RELACIÓN DE ALUMNADO ADMITIDO.pdf210 kB

EXPOSICIÓN PÚBLICA DO CENSO ELECTORAL
Faise saber, que en cumprimento da normativa electoral vixente (Lei orgánica 5/1985, de 19 de xuño e as súas modificacións) e de cara á convocatoria das Eleccións a Cortes Xerais 2023 (data de votación 23/07/2023), están a disposición do público os seguintes censos electorais : CENSO ELECTORAL DE ESPAÑOIS RESIDENTES EN ESPAÑA (CER), CENSO ELECTORAL DE ESPAÑOIS RESIDENTES NO ESTRANXEIRO (CERA), así como a lista das MESAS ELECTORAIS, para a súa CONSULTA OU POSIBLE RECLAMACIÓN ADMINISTRATIVA (por parte das persoas interesadas) ...

>>> Ver documento completo (pdf)

Con data 23 de maio de 2023 a Comisión de Baremación, Coordinación e Seguimento da escola infantil municipal acorda a listaxe provisional do alumnado admitido e do alumnado en agarda para o vindeiro curso escolar 2023-2024.

As persoas interesadas poderán presentar as reclamacións que consideren oportunas no prazo de 10 días naturais a contar a partir do día seguinte desta publicación, de acordo co establecido no artigo 19 do Regulamento da escola infantil (publicado no BOP da Coruña número 231 do 5 de decembro de 2017).

Máis información no Departamento de Servizos Sociais no teléfono 981 68 60 68.

Attachments:
FileFile size
Download this file (ANEXO 1. RELACIÓN DE ALUMNADO ADMITIDO.pdf)ANEXO 1. RELACIÓN DE ALUMNADO ADMITIDO.pdf205 kB

Páxina 3 de 25