O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, recibiu na Sala de Xuntas do Concello á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, con quen mantivo unha reunión de traballo. Durante o encontro abordaron diversas cuestións de interese para o municipio, entre as que destacou a expansión da cobertura 5G en Cerceda. O alcalde trasladoulle á subdelegada a importancia desta mellora para favorecer a conectividade, impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e ofrecer mellores servizos á cidadanía e ás empresas da localidade.
A ampliación da cobertura 5G en Cerceda supón un avance clave para reducir a fenda dixital e mellorar a competitividade do tecido empresarial. O alcalde incidiu na necesidade de dotar ao municipio dunha infraestrutura tecnolóxica moderna que permita o acceso a servizos dixitais de calidade, tanto para os veciños como para as empresas que operan na zona. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno reafirmou o compromiso do Executivo central en continuar impulsando este tipo de proxectos nos concellos galegos.
A subdelegada do Goberno destacou que o Goberno de España está a investir 9,3 millóns de euros para ampliar a rede en 51 concellos, algo que beneficiará a máis de 13.000 veciños.
Posteriormente, a subdelegada e o rexedor acudiron ao Viveiro de Empresas, situado no Polígono do Acevedo, onde se celebrou a xornada "Administración preto de ti", unha iniciativa promovida polo Goberno de España para facilitar a relación da cidadanía coas Administracións Públicas. Neste encontro, os asistentes recibiron asesoramento sobre diversos trámites administrativos e resolución de dúbidas, ademais de poder obter o certificado dixital e a Cl@ve permanente, ferramentas fundamentais para a realización de xestións telemáticas.
A xornada contou cunha importante participación de veciños e profesionais interesados en mellorar o seu acceso aos servizos dixitais. María Rivas destacou a importancia desta iniciativa para garantir que todas as persoas poidan acceder á administración electrónica dun xeito sinxelo e seguro, especialmente en municipios pequenos nos que o acceso a oficinas presenciais pode ser máis limitado. O alcalde tamén puxo en valor este tipo de eventos como unha ferramenta esencial para achegar a administración á cidadanía e facilitar os seus trámites cotiáns.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, subliñou que “agradecemos a visita á subdelegada do Goberno, tanto para o impulso da conectividade no noso municipio como traendo iniciativas como esta da Administración preto de ti, que son as que marcan a diferencia no trato coa cidadanía”.
Ademais, agradeceu tamén o compromiso inversor do Goberno central en Cerceda, lembrando os 25 millóns de euros entre actuacións xa realizadas e futuras. Entre estas encóntranse os 15 millóns de euros do PERTE do hidróxeno en Meirama, máis de 3 millóns do Instituto de Transición Xusta para impulsar 5 proxectos industriais, o nó da subestación de Meirama, 6 sendas peonís, a modernización da estación de tren Cerceda-Meirama, os 1,2 millóns para instalar placas fotovoltaicas no parque acuático, o medio millón para a rehabilitación do paseo fluvial do río Cabancos, a instalación de luminarias LED en Xesteda e a reforma do local social parroquial, a rehabilitación enerxética do Museo do Moucho, e a execución da obra da Vía Verde.
O Concello de Cerceda vén de sacar a licitación a ampliación da Escola Infantil "Os Pillabáns", unha actuación que permitirá mellorar a capacidade do centro e optimizar as instalacións para ofrecer un servizo de maior calidade. O proxecto, cun orzamento base de licitación de 151.536,26 euros, responde á crecente demanda de prazas e á necesidade de garantir un espazo adecuado para o benestar e o desenvolvemento dos nenos e nenas do municipio.
A intervención contempla a construción dunha nova aula de 70 metros cadrados na marxe sureste da parcela, aproveitando un espazo actualmente vacante. Esta aula, destinada ao grupo de idade de 1 a 2 anos, conectarase co edificio existente a través do comedor, asegurando unha integración funcional e facilitando a mobilidade dentro do centro. Ademais, a actuación permitirá reorganizar os espazos interiores, creando un ambiente máis cómodo e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.
Esta ampliación responde ao compromiso do Concello de Cerceda co reforzo dos servizos educativos e de conciliación familiar. Nos últimos anos, a Escola Infantil "Os Pillabáns" experimentou un incremento da demanda, polo que este proxecto permitirá dar cobertura a máis familias e mellorar as condicións nas que se prestan os servizos de atención á infancia.
O prazo de execución previsto para a obra será de doce meses, durante os cales o Concello velará por minimizar o impacto das actuacións sobre o funcionamento diario do centro. As familias serán informadas en todo momento sobre o avance dos traballos para garantir a máxima transparencia no proceso.
Desde o Concello destacan a importancia deste investimento, que non só reforza a infraestrutura educativa do municipio, senón que tamén supón un apoio fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños. Este proxecto forma parte dunha estratexia máis ampla de mellora dos servizos públicos, apostando por unha educación de calidade dende as primeiras etapas da vida.
Unha vez finalizadas as obras, a Escola Infantil "Os Pillabáns" disporá dunha capacidade ampliada e dunha mellor organización dos espazos, garantindo un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades da comunidade. Con esta iniciativa, o Concello de Cerceda reafirma o seu compromiso co futuro das familias e coa mellora continua das infraestruturas municipais.
Dende o 15 de marzo ao 15 de abril de 2025 está aberto o prazo de solicitude de renovación e praza nova na escola infantil "Os Pillabáns" para o curso 2025/2026.
A documentación precisa que se debe de adxuntar xunto co modelo de solicitude é a que se acompaña no anexo. Esta documentación debe ser presentada na Sede Electrónica do concello, no Rexistro Xeral ou en Servizos Socias do concello, en horario de 9.00horas a 14.00horas.
Máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 68 60 68
O Concello de Cerceda recibiu esta semana as obras de saneamento en Longo, as tubaxes de saneamento e abastecemento en Pao do Lobo e do sistema de depuración da Silva, que foran contratadas no seu día por un valor de 172.884,47 euros.
A Administración local xa ten en contratación, a través do POS da Deputación da Coruña, a depuradora de Meirama xunto coa extensión do saneamento en Ribasoutas, por un importe superior aos 200.000 euros; e tamén están moi próximas as aprobacións do saneamento cara a Gándara; en San Vicenzo (72.000 euros); en Campos de Alga (68.000 euros) e na Cortella e Albarda (279.000 euros).
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, asegura que “valoramos favorablemente a finalización destas tres obras, moi demandadas pola veciñanza. Pero xa estamos pensando no futuro, con máis de 600.000 € de obras aprobadas para seguir avanzando a prol do saneamento, como un dos grandes obxectivos en materia de desenvolvemento sostible e calidade de vida. Son actuacións que cobran coherencia cando existe unha demanda real e efectiva. Nese sentido, mención especial merece a depuradora de Meirama, unha das infraestrutura relevante que se van facer realidade no presente mandato".
A parroquia das Encrobas, neste ano 2025 se atopa (de novo) dentro da zona tampón delimitada pola Xunta, polo que deben facer a comunicación das plantacións de patacas, acorde ao modelo (ou sede)
Consellería del Medio Rural
RESOLUCIÓN de 24 de enero de 2025, de la Dirección General de Ganadería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por la que se actualizan las zonas demarcadas por la presencia de la plaga de cuarentena Tecia solanivora Povolny, o polilla guatemalteca de la patata, en la Comunidad Autónoma de Galicia .../...
Ver ou descargar resolución completa (pdf)
Tramitar en liña:
MR465C - Cultivo de pataca referencia SIXPAC das parcelas cultivadas.
Realizar solicitude presencial:
Descargar solicitude (Anexo II, pdf)
ASUNTO: ALEGACIÓNS DO CONCELLO DE CERCEDA AO RESPECTO DA SOLICITUDE DE AUTORIZACIÓN ADMINISTRATIVA PREVIA, AUTORIZACIÓN ADMINISTRATIVA DE CONSTRUCIÓN E ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL (EIA) DO PROXECTO DE LAAT 220 KV BUSTELO E BARALLÁNS-SET MEIRAMA (EXPTE IN408A/2021/047)
O Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), por medio do Instituto para la Transición Justa (ITJ) lanza o concurso do nó de transición xusta de Meirama o concurso do nó de transición xusta de Meirama 220kV, en Cerceda.
Este procedemento, que suma ata 408 MW de capacidade, priorizará os proxectos que minimicen a afección ambiental e maximicen os beneficios socioeconómicos locais. Deste modo, preténdese promover que a instalación de enerxías renovables impulse proxectos industriais, agrarios ou sociais adicionais que contribúan a mitigar o impacto do peche da central térmica.
O concurso busca beneficiar a zona de transición xusta de Meirama, composta por cinco municipios: Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, valora isto como “un paso importante de cara a converter en realidade os proxectos económicos do territorio”.
Ademais, sinala que “é un proceso que debe facer fincapé en factores como os beneficios socioeconómicos, sostibilidade, autoconsumo para os cidadáns e empresas da zona, xeración de emprego, plans de formación...”, e recalca que “esa pegada positiva para o interese público representa para nós unha razón de ser e estar”.
Beneficios para as zonas de transición xusta
Entre os criterios para a adxudicación do concurso, ademais de priorizar aqueles proxectos que minimicen a afección ambiental investindo en actuacións de economía circular ou de mellora da biodiversidade, valoraranse os beneficios socioeconómicos para o territorio: fomento do emprego, especialmente para traballadores excedentes da central e mulleres; o apoio a proxectos industriais, agrarios ou sociais locais; a formación para residentes da zona; o desenvolvemento de autoconsumo; os investimentos na cadea de valor principal e a participación de investimentos locais. O prazo para a recepción de solicitudes será de dous meses a partir do día 2 de febreiro.
O Concello de Cerceda certificou esta mañá unha serie de obras realizadas no termo municipal e que serviron de mellora e ampliación das conexións inter parroquiais.
Esta mañá o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e o concelleiro de Obras, Francisco Boquete, supervisaron os resultados finais da ampliación da senda na contorna do Museo da Minería; a mellora dun camiño en Trigueira; outro en Aroxeira; a adecuación da pista que une Carballás e Sandiáns; a optimización das beirarrúas na Silva e na rúa Laracha e a creación das beirarrúas que dan aceso á parte traseira do CEIP Celso Emilio Ferreiro da Silva.
En total, licitáranse cun orzamento aproximado de 162.000 euros.
O Concello de Cerceda foi designado como centro base de adestramento para o Mundial de Fútbol 2030, un fito que coloca ao municipio no mapa internacional como destino deportivo de primeiro nivel. Durante a cita mundialista, varias seleccións establecerán os seus adestramentos nas instalacións locais, atraendo numerosos afeccionados e medios de comunicación de todo o mundo.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, mostrou a súa satisfacción por este logro e subliñou o traballo realizado para acadalo: “No seu momento, fixemos unha consulta sobre se se podería optar, elaboramos unha memoria técnica e a partir de aí fomos dando todos os pasos pertinentes cos distintos representantes federativos. Quero agradecer especialmente a enorme implicación dende un principio do concelleiro de deportes, Óscar Golán”.
A elección de Cerceda reflicte a calidade das súas instalacións deportivas, que o Concello xa proxecta mellorar de cara ao 2025 con varios investimentos. Estas actuacións permitirán adaptar a oferta futbolística local ás esixencias do deporte actual e garantirán a súa competitividade para o resto da primeira metade do século XXI.
O impacto deste evento transcenderá o propio Mundial, abrindo novas posibilidades para o municipio. O alcalde sinalou que “o feito de ser base de adestramentos para un dos eventos deportivos máis relevantes do mundo, coa cobertura da FIFA, vainos introducir nun novo escenario a nivel de fondos e oportunidades, que van redundar en avances para o fútbol local”.
Cerceda prepárase para asumir este reto co convencemento de que marcará un antes e un despois para o municipio, tanto no ámbito deportivo como no económico e social.
Lugar do Acevedo s/n
15186 Cerceda
Teléfono: 981 685 001
Horario:
- Martes, xoves e sábado de 09:00 a 14:00


