Cerceda dálle a benvida ó curso escolar con varias melloras acometidas nos centros educativos do municipio. Ás melloras estruturais, hai que sumar as axudas en escolarización, o gasto en persoal e tamén os correntes, todos eles por riba dos 100.000 euros.

No CPI O Cruce realizouse unha reparación urxente da cuberta, así como a impermeabilización da terraza do patio, a falta da colocación do peche perimetral con malla. Tamén se executaron as reparacións eléctricas demandadas pola comunidade educativa. No CEIP Celso Emilio Ferreiro instalouse tarima nas aulas de infantil e renováronse os paramentos exteriores de todo o colexio.

“A educación é un dos piares básicos da sociedade, problablemente o fundamental. De aí que, indo en moitas ocasións máis aló das nosas competencias, o Concello sempre está para escoitar e, na medida das súas posibilidades, tratar de ser resolutivo. Cando falamos das necesidades dos nosos nenos e nenas, esa sensibilidade ten que estar por riba de todo”, asume o acalde, Juan Manuel Rodríguez.

O Concello de Cerceda xa traballa na posible instalación de varios puntos de recarga para vehículos eléctricos nos lindes municipais. Poderían ser ata tres os puntos que a Administración local poña a disposición da veciñanza e das e dos visitantes que acudan ó municipio cercedense.

A fórmula empregada sería unha concesión demanial a 12 anos, na que o Concello cedería os terreos e a empresa gañadora do concurso público se faría cargo da colocación dos tótems, a infraestrutura eléctrica e a conseguinte explotación, mantemento e xestión destes puntos. Puntuarase o despregue técnico e percibirase un investimento por canon e porcentaxe de facturación para as arcas públicas.

Contémplanse tanto elementos de carga rápida como de carga semi rápida, que van desde os 23 kW ós 100 kW. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, observa nesta iniciativa “outro paso adiante cara impulsar o aforro enerxético, logo das moitas iniciativas que temos levado a cabo desde o Concello, como por exemplo, a creación das sendas peonís e ciclables, a renovación do alumeado público ou as melloras nas instalacións como o Museo do Moucho ou no Centro Social de Xesteda”. 

O rexedor avanza que “estamos continuamente pensando na Cerceda do futuro. Traballamos nunha fórmula que sexa sostible para a Administración local e ao mesmo tempo, interesante para as compañías”. 

O Concello de Cerceda pon a disposición da veciñanza a actividade 'En forma mente e corpo', baseada na actividade física, actitude e alimentación saudable a través do mindfulness. As inscricións poden realizarse na sede electrónica ou no rexistro do Concello, do 12 ao 16 de setembro. Para máis información, a liña telefónica habilitada responde ó número 981 68 60 68. Serán 20 euros ó mes, todos os sábados, desde o 7 de outubro ó 18 de maio e con periodicidade quincenal. 

Attachments:
FileFile size
Download this file (SOLICITUDE EN FORMA MC(MENTE E CORPO) (1).pdf)SOLICITUDE EN FORMA MC(MENTE E CORPO) (1).pdf113 kB

 🏢A nova Oficina de Rexistro Cl@ve do Concello de Cerceda xa emite credenciais dixitais para relacionarse electronicamente coas administracións.

 🗣A obtención da identificación Cl@ve realízase de modo presencial na nova oficina, evitando desprazamentos fóra do concello.

 Calquera persoa que así o desexe poderá obter de modo presencial e sen desprazarse fóra da súa contorna, a identificación Cl@ve necesaria para acceder aos servizos dixitais. A acreditación da identidade faise na oficina ante un empregado público que verifica a identidade mediante a presentación do DNI e un número de teléfono móbil a onde chega a mensaxe (SMS) de benvida ao sistema.

 💻Cl@ve é un sistema que permite a identificación ante as administracións públicas para realizar trámites sen necesidade de certificado dixital instalado ou DNI electrónico. A credencial dixital proporcionada por este sistema está custodiada e almacenada pola Administración Pública de forma segura nos seus servidores, de modo centralizado e “na nube”. Así, a cidadanía pode relacionarse electronicamente coas administracións desde calquera dispositivo que teña conexión a internet e sen necesidade de instalar o certificado dixital no seu ordenador, tablet ou teléfono móbil.

 

O Concello de Cerceda ultima as melloras en camiños e estradas municipais, que están practicamente executadas, nunhas obras que presentan un valor de 112.527 euros. A mellora do camiño de Xermar, á zona dos eólicos, do límite municipal coa Laracha e a optimización do acceso á rúa Ordes na Silva, encaran a súa recta final. Ambas están incluidas no Plan Único da Deputación da Coruña. 

No que respecta á primeira intervención, preténdse a mellora do camiño na entre Xermar e a zona dos eólicos nunha lonxitude total de 650 metros e 5 metros de ancho, estendendo 15 centímetros de grava con tratamento asfáltico semi profundo. 

No referente á segunda, actuarase nun tramo de 1,2 quilómetros de lonxitude e 5 metros de ancho. En ambas contémplase tamén a apertura de gabias, a limpeza de salvagabias e a oportuna zanxa para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal. 

En tanto en canto á terceira, estase intervindo nunha lonxitude total de 230 metros e 4 de ancho, asfaltando con 15 centímetros de grava e tratamento asfáltico semi profundo. Como na anterior, tamén se contempla a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias. 

O Concello de Cerceda vén de sumarse ó protocolo de adhesión ó servizo de asistencia técnica e dinamización da participación das Administracións públicas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España, no que están recollidos cinco grupos de actividades incluídas no servizo e ás que se pode optar ó completo ou parcialmente, unha vez asinada a documentación. 

Estas actividades son: dinamización da participación das Administracións públicas no PRTR e soporte á tramitación da adhesión do servizo; asistencia técnica na participación, seguimento e execución de subproxectos; asistencia técnica no emprego do sistema de información integrado (COFFEE); asistencia técnica no cumprimento das obrigacións de xestión do PRTR e recompilación e difusión de boas prácticas. 

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, indica que “con fondos do IDAE vimos de afrontar un mandato con melloras moi importantes en iluminación, mobilidade peonil e aforro enerxético”. 

Neste sentido, explica o rexedor, “este último é de especial transcendencia, dado que sempre libera recursos para investir en favor das veciñas e dos veciños. De cara aos vindeiros catro anos, a día de hoxe xa temos garantidos uns 5 millóns de euros en investimento comprometidos por distintas liñas de axudas, dos cales 2,5 millóns fan directamente fincapé no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”.

Rodríguez avanza que “inclúense aquí proxectos de tal importancia e magnitude como os que estamos barallando, os referentes á renovación no Paseo Fluvial, Aquapark ou a senda Ribasoutas-Xermar, e a nosa adhesión á asistencia técnica non é máis que un proceso lóxico para seguir estando á vangarda e non deixar nada ao azar. Boa parte do futuro de Cerceda, en distintos ámbitos, pasa por este precepto”.

O Concello de Cerceda finaliza a elaboración do Informe de seguimento do PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible), unha iniciativa europea na que os gobernos locais e rexionais comprometéronse de forma voluntaria a implantar no seu territorio os compromisos en materia de clima e enerxía da Unión Europea.

A Administración local adheriuse ao Pacto das Alcaldías en marzo de 2021 e elaborou o seu primeiro informe PACES en novembro de 2021. Entre os compromisos que se adquiriron está o de reducir en, polo menos, un 40% as emisións de CO2 no concello de cara ao ano 2030, tomando como ano de referencia o 2015. Outro dos compromisos adquiridos é o de aumentar a capacidade de resiliencia do concello mediante a adaptación ao cambio climático.

Tras dous anos, e tal como establece o Pacto das Alcaldías, debe avaliarse o estado das medidas que se propuxeron para comprobar se o concello de Cerceda está en boa dirección para alcanzar o compromiso de redución das emisións de cara ao 2030. Ademais, o Concello de Cerceda, en consonancia co seu compromiso coa sustentabilidade e a mellora ambiental, no presente informe inclúe novas medidas orientadas á adaptación ao cambio climático e á loita contra a pobreza enerxética.

Nos últimos meses, Vertia, a empresa contratada para a elaboración do informe de seguimento, volveu a facer un novo Inventario de Emisións de Referencia (IER) do ano 2022 facendo unha análise comparativa co IER do ano 2015.

No ano 2022 no concello de Cerceda acadouse unha redución do 14,6% das emisións de CO2 respecto ao ano 2015, o equivalente a 3.506 toneladas de CO2Esta redución de emisións permite afirmar que o Concello vai polo bo camiño para alcanzar o seu obxectivo de redución do 40% no 2030.

O rexedor de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salienta que “estamos enmarcados na consecución dos obxectivos da Axenda 2030, e neste caso dun modo moi tanxible, que foi unha das críticas que se lle fixera a este escenario, a dificultade de medir os seus obxectivos. Isto sitúanos á vangarda e ten plena coherencia do que é un Concello que traballa pola redución das emisións de dióxido de carbono, a mobilidade peonil e nos obxectivos que veñen marcados por Europa. Estes beneficios vai moito máis aló da consecución do obxectivo marcado, que xa é unha causa importante en si mesma”, aplica. 

Logo da celebración do Pleno de investidura, no que tomou posesión Juan Manuel Rodríguez novamente como alcalde do Concello de Cerceda o pasado 17 de xuño, o Salón de Plenos acolleu esta mañá a sesión de organización, na que se deu a coñecer o organigrama da corporación cercedense para o vindeiro mandato 2023-2027. 

Así, por parte do Partido Socialista de Cerceda e equipo de goberno, serán concelleiras e concelleiros da nova corporación o propio rexedor, Juan Manuel Rodríguez, acompañado de Cristina Capelán Cancelo, Francisco Javier Boquete, Jesús Rama, María del Carmen Martínez, Catrina Queijo, Silvia Lois, Ángel Gestal e José Óscar Golán. 

Por parte do Partido Popular, serán edís David Lamas, Marta Grela e Alfonso Mosquera, e polo Bloque Nacionalista Galego, Alberte Sánchez. As sesións plenarias ordinarias celebraranse os últimos xoves de cada mes impar ás 21:00 horas.

As competencias serán repartidas da seguinte maneira: 

  • Cristina Capelán: concelleira de Cultura, Educación e Turismo.
  • Francisco Boquete Cambón, concelleiro de Obras, Urbanismo, Contratos e Vida Saudable.
  • Catrina Queijo: concelleira de Benestar Social, Igualdade e Comunicación. 
  • María Carmen Martínez Barreiro, concelleira de servizos de tecnoloxía, dixitalización e innovación. 
  • Jesús Rama Bello, concelleiro de Medio Ambiente, Instalacións Deportivas e Persoal. 
  • Ángel Gestal, concelleiro de Festas e Medio Rural. 
  • Silvia Lois, concelleira de Relacións Veciñais e Comercio. 
  • Óscar Golán, concelleiro de Deportes e Dinamización.

A Xunta de Goberno Local estará conformada polas e polos edís Catrina Queijo, Silvia Lois, Ángel Gestal e María Carmen Martínez. Celebraranse as súas sesións ordinarias os mércores de semanas alternas ás 13:30 horas. En caso de ser festivo, trasladarase ao día hábil inmediatamente posterior.

 

Tenencias de alcaldía

As tenencias de alcaldía estarán repartidas da seguinte maneira: a primeira tenente de alcalde será Catrina Queijo; a segunda María Carmen Martínez Barreiro; o terceiro Ángel Gestal Gómez e a cuarta Silvia Lois Fraga. 

O Concello de Cerceda presenta a súa programación cultural para os meses de xuño, xullo e agosto. Teatro, cine e maxia capitalizan a escolma de actividades para público familiar os meses de verán. 

Así, dará comezo o domingo 25 de xuño ás 12:00 horas con “Teatro ó cubo”, no Xardín Botánico. En caso de chuvia será no Auditorio de Cerceda. O domingo 9 de xullo, ás 11:00 horas, quenda para “Tonto, loco y salvaje”, tamén unha obra de teatro para público familiar que se celebrará no Auditorio Municipal de Cerceda. 

En agosto, dúas citas para marcar no calendario. A primeira, o día 9 deste mes, co filme “Los Mitchells contra las máquinas”, ás 22:30 horas no Campo da Feira de Cerceda. O sábado 26, para pechar a programación estival, o Mago Antón estará no Campo da Feira da Silva ás 12:00 horas e no Campo da Feira de Cerceda ás 18:00, 19:00, 20:00 e 21:00 horas co seu espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos”. 

Non é necesario reserva previa para ningún dos espectáculos. 

O Concello de Cerceda, a través do departamento de Benestar Social, igualdade e comunicación, abre o prazo de solicitude do servizo de “ Bos Días Cole” curso 2023/2024.
A prestación do servizo, estará supeditada a un mínimo de 13 menores usuarios/as, así como a situacións sobrevidas que poidan darse r que afecten o seu funcionamento ou posta en marcha.


Os servizo que ofrecen son:
- Servizo de monitores
- Servizo de almorzo.


Tipo de matrículas:
- Menores usuarios fixos, de luns a venres.
- Menores usuarios fixos por días soltos: ata un máximo de 12 días ao mes.
- Menores usuarios ocasionais, no caso de que queden prazas vacantes.


O custo do servizo segundo o uso será:
1. Tódalas persoas que soliciten o servizo aboarán en concepto de matricula : 10,00€

2. As persoas usuarias fixas, con matrícula tódolos días da semana:
Poden escoller entre estas dúas opcións
2.1. Sen almorzo: 30,00 €/mes
2.2. Con almorzo: 55,00 €/mes.

3. As persoas usuarias fixas mensuais matriculadas por días soltos, ata un máximo de 12 días, a partir do día 13 aboarase o mes completo.
Poden escoller entre estas dúas opcións:
3.1. Sen almorzo: 2,50 €/día.
3.2. Con almorzo: 3,50 €/días.

4. Persoas usuarias ocasionais:
Poden escoller entre estas dúas opcións
4.1. Sen almorzo: 3,50 €/día
4.2. Con almorzo: 4,50 €/día


PRAZOS.

Abrirase un prazo de solicitude dende o 19 de xuño ao 7 de xullo, para todo o alumnado matriculado no centro.

 

Para máis información contactar

SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE CERCEDA

Teléfono: 981 686 068

>>> Ver ou descargar formulario de solicitude (pdf)

 

 

EXPOSICIÓN PÚBLICA DO CENSO ELECTORAL
Faise saber, que en cumprimento da normativa electoral vixente (Lei orgánica 5/1985, de 19 de xuño e as súas modificacións) e de cara á convocatoria das Eleccións a Cortes Xerais 2023 (data de votación 23/07/2023), están a disposición do público os seguintes censos electorais : CENSO ELECTORAL DE ESPAÑOIS RESIDENTES EN ESPAÑA (CER), CENSO ELECTORAL DE ESPAÑOIS RESIDENTES NO ESTRANXEIRO (CERA), así como a lista das MESAS ELECTORAIS, para a súa CONSULTA OU POSIBLE RECLAMACIÓN ADMINISTRATIVA (por parte das persoas interesadas) ...

>>> Ver documento completo (pdf)

Páxina 5 de 26