Con data 14 de maio de 2025 a Concelleira Delegada aprobou a listaxe proviosional da concesión de prazas da Escola Infantil Municipal Os Pillabáns, a´si como a listaxe de agarda, para o curso 2025/2026. Infórmase que se concede un prazo de 10 días hábiles, dende o seguinte á publicación. para a presentación de alegacións ou reclamacións. No caso de non presentarse ningunha no citado prazo, entenderase aceptada a proposta de concesión, que adquirirá carácter definitivo .../...
>>> Ver ou descargar documento completo (pdf, 223K)
O Concello de Cerceda culminou a construción da nova senda peonil e ciclista que conecta os núcleos de Ribasoutas e Xermar, ao longo da estrada AC-400, nun itinerario de case dous quilómetros deseñado para mellorar a seguridade viaria e fomentar os desprazamentos sostibles dentro do municipio. Esta nova infraestrutura foi inaugurada hoxe co gallo dunha visita institucional encabezada polo alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
A obra, que contou cun orzamento de aproximadamente 754.000 euros, foi financiada a través do programa DUS 5000 do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), pertencente ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase da actuación máis relevante en materia de mobilidade peonil acometida polo goberno local neste mandato, tanto pola súa envergadura como polo seu impacto directo na calidade de vida dos habitantes da zona.
O itinerario, de 1.835 metros de lonxitude e dous metros de ancho, discorre pola marxe esquerda da AC-400 e inclúe unha pasarela peonil pilotada de 595 metros, cunha altura máxima de tres metros. A pasarela está equipada con varandas de madeira de cen centímetros en ambos laterais, garantindo así a seguridade dos peóns e ciclistas que a empreguen. Ademais, ao longo de todo o percorrido habilitouse unha rede de recollida de augas pluviais con cincuenta pozos de rexistro e instalouse un tubo para a futura canalización do alumeado público. A actuación completouse coa construción dun muro de pedra de granito de 307 metros de lonxitude, que permite estabilizar o terreo e mellorar a integración paisaxística da senda no contorno natural.
A nova infraestrutura supón un salto cualitativo na estratexia municipal de fomento da mobilidade sostible. Nos últimos anos, o Concello de Cerceda vén desenvolvendo múltiples actuacións para promover desprazamentos a pé seguros entre os diferentes núcleos do municipio, favorecendo así a conectividade, reducindo a dependencia do vehículo privado e mellorando a cohesión territorial.
O rexedor cercedense destacou que “esta senda de Xermar recibe un financiamento do IDAE de máis de 600.000 euros. Conecta a que xa se executara en San Vicenzo e outra en Ribasoutas”. Con estas actuacións estase a lograr unha interconexión peonil “moi importante”. Ademais, esta é xa a sexta senda peonil financiada no concello por parte do IDAE.
Juan Manuel Rodríguez lembrou outras actuacións que o Goberno de España está a desenvolver en Cerceda, que suman investimentos por valor de máis de 25 millóns de euros que afectan a eidos como a mobilidade, obras de rehabilitación ou impulso á industria verde.
Por último, agradeceu ao delegado todo o apoio que o Goberno lle está a brindar a Cerceda tanto en materia de financiamento como en materia de transición xusta.
Pola súa banda, Pedro Blanco afirmou que “Cerceda é un deses concellos que está aproveitar de mellor maneira os fondos do plan de recuperación”. A intención do Goberno é “darlle unha nova vida industrial a Cerceda e, ao mesmo tempo, facelo un lugar máis habitable e amable”.
O Concello de Cerceda está a facer unha enquisa para o estudo das necesidades de transporte a centros educativos de bacharelato e ciclos formativos medio e superior, esta equisa poderá realizarse ata o 30 de abril.
O Concello de Cerceda presentou esta mañá a cuarta edición da proba deportiva Poseidon Race organizada polo club local OCR Cerceda en colaboración coa Administración local. Esta proba deportiva consiste nunha carreira de obstáculos que terá lugar o 31 de maio no Aquapark cercedense e as súas inmediacións.
A proba deuse a coñecer hoxe no salón de plenos da Casa do Concello e no acto interviñeron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán e Álvaro Sánchez e Carlos Abal, do club OCR Cerceda.
A carreira contará coas categorías Elite, Starter, Parellas e Popular. A principal novidade deste ano é a celebración do Poseidon Cross Solidario a favor de ACEM, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltple.
A primeira terá un percorrido de 10 quilómetros e 60 obstáculos, namentres que as restantes será de 8 quilómetros. O número total de obstáculos serán de 50 para a quenda Starter e 45 para a Popular. Serán, como de costume, probas de suspensión, forza, equilibrio, puntería e axilidade.
A primeira categoría que tomará a saída será a Elite e a saída producirase ás 14:00 horas. A continuación, ás 15:20 horas, arrincarán os ‘starters’; as parellas ás 15:40 horas e a Popular das 16:00 horas en diante.
Esta proba forma parte da Liga OCRA Galicia, Liga Nacional AOCO, Liga North Finals e será clasificatoria para o mundial OCRW.
Inscricións
Para formar parte da proba, as persoas interesadas deberán apuntarse a través da páxina www.ccnorte.com.En Cerceda daranse cita os mellores atletas nacionais e internacionais deste tipo de carreiras con deportistas de elite chegados dende países como Portugal, Dinamarca, Bélxica, Sudáfrica ou Alemaña. Por algo é considerada, a nivel elite, como unha das carreiras máis esixentes e completas de Europa.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou “a aposta decidida deste goberno pola colaboración con este tipo de eventos, que fomentan o deporte e que lle dan visibilidade a recursos naturais que son de moito interese para nós”.
O presidente do club organizador da carreira, Álvaro Sánchez, agradeceu novamente a colaboración do Concello, pois “sen a súa axuda sería totalmente imposible darlle ao evento a magnitude que ten a día de hoxe, e agardamos seguir facéndoo medrar”.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, recibiu na Sala de Xuntas do Concello á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, con quen mantivo unha reunión de traballo. Durante o encontro abordaron diversas cuestións de interese para o municipio, entre as que destacou a expansión da cobertura 5G en Cerceda. O alcalde trasladoulle á subdelegada a importancia desta mellora para favorecer a conectividade, impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e ofrecer mellores servizos á cidadanía e ás empresas da localidade.
A ampliación da cobertura 5G en Cerceda supón un avance clave para reducir a fenda dixital e mellorar a competitividade do tecido empresarial. O alcalde incidiu na necesidade de dotar ao municipio dunha infraestrutura tecnolóxica moderna que permita o acceso a servizos dixitais de calidade, tanto para os veciños como para as empresas que operan na zona. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno reafirmou o compromiso do Executivo central en continuar impulsando este tipo de proxectos nos concellos galegos.
A subdelegada do Goberno destacou que o Goberno de España está a investir 9,3 millóns de euros para ampliar a rede en 51 concellos, algo que beneficiará a máis de 13.000 veciños.
Posteriormente, a subdelegada e o rexedor acudiron ao Viveiro de Empresas, situado no Polígono do Acevedo, onde se celebrou a xornada "Administración preto de ti", unha iniciativa promovida polo Goberno de España para facilitar a relación da cidadanía coas Administracións Públicas. Neste encontro, os asistentes recibiron asesoramento sobre diversos trámites administrativos e resolución de dúbidas, ademais de poder obter o certificado dixital e a Cl@ve permanente, ferramentas fundamentais para a realización de xestións telemáticas.
A xornada contou cunha importante participación de veciños e profesionais interesados en mellorar o seu acceso aos servizos dixitais. María Rivas destacou a importancia desta iniciativa para garantir que todas as persoas poidan acceder á administración electrónica dun xeito sinxelo e seguro, especialmente en municipios pequenos nos que o acceso a oficinas presenciais pode ser máis limitado. O alcalde tamén puxo en valor este tipo de eventos como unha ferramenta esencial para achegar a administración á cidadanía e facilitar os seus trámites cotiáns.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, subliñou que “agradecemos a visita á subdelegada do Goberno, tanto para o impulso da conectividade no noso municipio como traendo iniciativas como esta da Administración preto de ti, que son as que marcan a diferencia no trato coa cidadanía”.
Ademais, agradeceu tamén o compromiso inversor do Goberno central en Cerceda, lembrando os 25 millóns de euros entre actuacións xa realizadas e futuras. Entre estas encóntranse os 15 millóns de euros do PERTE do hidróxeno en Meirama, máis de 3 millóns do Instituto de Transición Xusta para impulsar 5 proxectos industriais, o nó da subestación de Meirama, 6 sendas peonís, a modernización da estación de tren Cerceda-Meirama, os 1,2 millóns para instalar placas fotovoltaicas no parque acuático, o medio millón para a rehabilitación do paseo fluvial do río Cabancos, a instalación de luminarias LED en Xesteda e a reforma do local social parroquial, a rehabilitación enerxética do Museo do Moucho, e a execución da obra da Vía Verde.
O Concello de Cerceda vén de sacar a licitación a ampliación da Escola Infantil "Os Pillabáns", unha actuación que permitirá mellorar a capacidade do centro e optimizar as instalacións para ofrecer un servizo de maior calidade. O proxecto, cun orzamento base de licitación de 151.536,26 euros, responde á crecente demanda de prazas e á necesidade de garantir un espazo adecuado para o benestar e o desenvolvemento dos nenos e nenas do municipio.
A intervención contempla a construción dunha nova aula de 70 metros cadrados na marxe sureste da parcela, aproveitando un espazo actualmente vacante. Esta aula, destinada ao grupo de idade de 1 a 2 anos, conectarase co edificio existente a través do comedor, asegurando unha integración funcional e facilitando a mobilidade dentro do centro. Ademais, a actuación permitirá reorganizar os espazos interiores, creando un ambiente máis cómodo e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.
Esta ampliación responde ao compromiso do Concello de Cerceda co reforzo dos servizos educativos e de conciliación familiar. Nos últimos anos, a Escola Infantil "Os Pillabáns" experimentou un incremento da demanda, polo que este proxecto permitirá dar cobertura a máis familias e mellorar as condicións nas que se prestan os servizos de atención á infancia.
O prazo de execución previsto para a obra será de doce meses, durante os cales o Concello velará por minimizar o impacto das actuacións sobre o funcionamento diario do centro. As familias serán informadas en todo momento sobre o avance dos traballos para garantir a máxima transparencia no proceso.
Desde o Concello destacan a importancia deste investimento, que non só reforza a infraestrutura educativa do municipio, senón que tamén supón un apoio fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños. Este proxecto forma parte dunha estratexia máis ampla de mellora dos servizos públicos, apostando por unha educación de calidade dende as primeiras etapas da vida.
Unha vez finalizadas as obras, a Escola Infantil "Os Pillabáns" disporá dunha capacidade ampliada e dunha mellor organización dos espazos, garantindo un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades da comunidade. Con esta iniciativa, o Concello de Cerceda reafirma o seu compromiso co futuro das familias e coa mellora continua das infraestruturas municipais.
Dende o 15 de marzo ao 15 de abril de 2025 está aberto o prazo de solicitude de renovación e praza nova na escola infantil "Os Pillabáns" para o curso 2025/2026.
A documentación precisa que se debe de adxuntar xunto co modelo de solicitude é a que se acompaña no anexo. Esta documentación debe ser presentada na Sede Electrónica do concello, no Rexistro Xeral ou en Servizos Socias do concello, en horario de 9.00horas a 14.00horas.
Máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 68 60 68
O Concello de Cerceda recibiu esta semana as obras de saneamento en Longo, as tubaxes de saneamento e abastecemento en Pao do Lobo e do sistema de depuración da Silva, que foran contratadas no seu día por un valor de 172.884,47 euros.
A Administración local xa ten en contratación, a través do POS da Deputación da Coruña, a depuradora de Meirama xunto coa extensión do saneamento en Ribasoutas, por un importe superior aos 200.000 euros; e tamén están moi próximas as aprobacións do saneamento cara a Gándara; en San Vicenzo (72.000 euros); en Campos de Alga (68.000 euros) e na Cortella e Albarda (279.000 euros).
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, asegura que “valoramos favorablemente a finalización destas tres obras, moi demandadas pola veciñanza. Pero xa estamos pensando no futuro, con máis de 600.000 € de obras aprobadas para seguir avanzando a prol do saneamento, como un dos grandes obxectivos en materia de desenvolvemento sostible e calidade de vida. Son actuacións que cobran coherencia cando existe unha demanda real e efectiva. Nese sentido, mención especial merece a depuradora de Meirama, unha das infraestrutura relevante que se van facer realidade no presente mandato".


