O Concello de Cerceda fai un balance moi positivo da segunda edición Cerceda Tapea, que se celebrou o 2, 3 e 4 de outubro coa participación de trece negocios de hostalería. Ao longo da fin de semana, os locais participantes en diversos puntos do municipio serviron arredor de 4.500 tapas, aproximadamente 1.500 máis que na primeira edición, nunha fin de semana na que se constatou un elevado interese pola iniciativa entre a veciñanza.
A actividade desenvolveuse en catro quendas: o venres pola noite, de 19:30 a 23:00 horas; o sábado ao mediodía, de 11:30 a 15:30 horas, e pola noite en horario idéntico ao venres, e o domingo ao mediodía no mesmo horario có sábado. Cada establecemento presentou as súas propostas para cada quenda, todas elas a un prezo único de 2 euros.
A carta combinou receitas de sempre, como polbo, lacón á feira, faceiras de porco ou os callos, con elaboracións máis innovadoras como gyozas, milfollas de peixe de rocha e langostinos con toque cítrico, ou tosta de solombo con queixo de cabra e marmelada de tomate caseira.
Os participantes recibiron ademais un rasca con cada tapa, co que podían obter agasallos e entrar en tres sorteos. Estes sorteos terán lugar esta semana. A entrega dos premios será este venres, 9 de outubro, ás 20:00 horas na Casa do Concello de Cerceda.
O Concello de Cerceda avanza substancialmente nas obras de humanización do Campo da Feira de Cerceda e a súa contorna coa realización do estudo xeotécnico, como un dos trámites previos á súa contratación. Os traballos desenvolveranse con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña tras aprobarse no pleno extraordinario de febreiro e suporán un investimento de 620.000 euros.
Cubrirase a área de xogos infantil, eliminaranse as barreiras arquitectónicas, construiranse dous accesos ao mesmo nivel da praza, estenderase a praza ata as inmediacións do parque infantil, colocaranse bancos periféricos, instauraranse pivotes para canalizar o tránsito dos vehículos en días ordinarios, baixándoos cando haxa cortes de circulación porque os eventos así o requiran e instalaranse baños públicos na caseta preexistente.
Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda, insiste na “relevancia dunha intervención que permitirá o uso dun espazo vertebral do núcleo de Cerceda durante todo o ano”, subliñando que “esta remodelación busca ampliar, principalmente e de xeito notable, o aproveitamento deste espazo, así como a súa funcionalidade, en especial nos días de acontecementos, celebracións ou eventos musicais, permitindo así a súa desestacionalización.”
O Concello de Cerceda, a través da Aula CeMIT situada no Centro Cívico, dá continuidade de cara á vindeira tempada aos cursos gratuítos de uso e manexo do teléfono móbil e de informática. As formacións arrancarán no mes de outubro e diríxense tanto a persoas adultas como a nenos e nenas, con grupos repartidos por distintos puntos do municipio para achegar a formación tecnolóxica a todas as parroquias.
Os cursos de manexo do teléfono móbil desenvolveranse en horario de mañá. Os luns haberá dous grupos en Cerceda, de 10:15 a 11:15 e de 11:30 a 12:30 horas. Os martes será a quenda da Silva, de 11:15 a 12:15 horas, mentres que os mércores as clases trasladaranse á Baixa, de 10:00 a 11:00 horas, e a Meirama, de 11:15 a 12:15 horas. Os venres, a formación chegará a Queixas, de 10:00 a 11:00 horas.
No caso da informática para adultos, as sesións tamén se impartirán pola mañá. Os martes terán lugar na Silva, de 10:00 a 11:00 horas, e os xoves en Cerceda, con dous grupos de 10:00 a 11:00 e de 11:30 a 12:30 horas. Pola súa banda, o curso de informática para nenos e nenas celebrarase os luns pola tarde en Cerceda, de 16:30 a 18:00 horas.
As persoas interesadas poden solicitar praza presencialmente no rexistro do Concello, situado na planta baixa, ou ben de xeito telemático a través da sede electrónica. Para calquera dúbida, tamén poden achegarse polas mañás ao Centro Cívico, onde se atopa a Aula de Informática, e solicitar máis información.
A iniciativa enmárcase na aposta do goberno municipal por reducir a fenda dixital e facilitar que a veciñanza de todas as idades adquira destrezas cada vez máis necesarias no día a día, desde a realización de xestións en liña ata a comunicación coas familias.
O Aquapark de Cerceda pechou o verán coa visita de 131.000 usuarios e usuarias, nunha tempada que se desenvolveu entre o 10 de xuño e o 6 de setembro. O balance é positivo tanto polas cifras de visitantes como polo desenvolvemento da propia tempada, marcada por unha entrada diaria moi estable.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, valorou positivamente o resultado destes tres meses: “Superar os 131.000 usuarios confirma que o Aquapark segue sendo un referente en Galicia e un motor de actividade económica e de emprego para o municipio durante todo o verán”.
Ao bo balance, o rexedor avanzou tamén as melloras previstas para a vindeira campaña: “De cara a 2027 imos ter en funcionamento o novo sistema de placas solares, que nos van permitir elevar a temperatura da auga e gañar en confort para as persoas que nos visitan. Temos gana de poñelas en marcha despois desta excelente tempada”.
Os días de maior afluencia foron o 28 de xullo e o 18 de agosto, ambos os dous martes, a xornada que adoita concentrar a maior concorrencia da semana sempre que o tempo acompaña. Nese sentido, a meteoroloxía foi favorable no conxunto do verán. Con todo, parte das mañás amenceron cubertas, un factor que inflúe de xeito directo na afluencia. A iso sumouse a choiva na última semana de agosto, unha das que rexistran máis público.
Por outra banda, o mes de xuño destacou polo bo tempo, o que permitiu que todos os grupos escolares con reserva puidesen gozar das instalacións. Trátase dun público especialmente valorado polo parque, xa que moitos nenos e nenas non terían a oportunidade de coñecer o recinto se non fose polas saídas organizadas polos centros educativos.
O Aquapark de Cerceda, referencia en Galicia, conta con 37.000 metros cadrados que acollen unha gran variedade de atraccións, desde piscinas de ondas a tobogáns xigantes para todas as idades, así como unha ampla zona verde de lecer.
O lago das Encrobas acollerá este sábado, 19 de setembro, a 1ª Regata Coventina Renovables, a primeira competición deportiva que se dispute nesta lámina de auga. A proba presentouse este luns nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; Antonio Romero, en representación da Federación Galega de Piragüismo; e Miguel Núñez, por parte de Coventina Renovables.
A competición, organizada pola Federación Galega de Piragüismo e patrocinada por Coventina Renovables, reunirá embarcacións de kayak e canoa nas categorías de base, desde os máis pequenos ata cadetes. O Concello de Cerceda colaborará no dispositivo con medios de Protección Civil e Policía Local, así como coa mellora dos accesos, o desbroce da contorna, o balizado e a preparación do aparcadoiro, entre outros.
O alcalde cualificou a cita como “un día histórico” e enmarcouna na traxectoria de apertura do lago que o goberno municipal vén articulando nos últimos anos: “Foi no seu día a apertura ao público, a autorización da pesca sen morte ou a navegación e os cursos que se viñeron desenvolvendo, e agora chegamos a un novo fito”. Rodríguez subliñou que o compromiso co lago é innegociable: “Este proxecto non só debe ser compatible cos usos lúdicos e recreativos, senón que debe contribuír a fortalecelos”.
Transición xusta
O rexedor situou a regata no contexto do primeiro concurso de transición xusta resolto en Galicia, que gañou o proxecto de almacenamento enerxético de Coventina Renovables, cun investimento previsto superior aos 400 millóns de euros. “Todos aqueles proxectos industriais de produción e almacenamento enerxético que reúnan o beneficio da veciñanza van ter o noso apoio decidido e determinado”, afirmou, lembrando os compromisos xa vinculados á iniciativa: o convenio subscrito co Concello, as 67.500 horas de formación para veciños e veciñas da contorna e os 2 megavatios de autoconsumo para o concello.
Juan Manuel Rodríguez volveu poñer o foco no esforzo municipal tras o peche da central térmica, que supuxo unha perda de retorno fiscal de máis de 1,3 millóns de euros: “Levamos conseguido nestes anos que a veciñanza practicamente non o notase en servizos e en infraestruturas, e conven repetilo”. Sobre o proceso de transición ecolóxica, advertiu de que “é ilusionante, pero tamén é lenta, porque a burocracia é tediosa e as axudas tardan”, aínda que se mostrou convencido de que dela sairá “unha Cerceda máis forte, máis sólida, con máis servizos e con máis oportunidades”.
Colaboración coa Federación e Coventina
Antonio Romero agradeceu a colaboración do Concello e a implicación de Coventina Renovables por levar a actividade federativa “a un lugar como este”, e lembrou que o piragüismo galego se desenvolve en ríos, encoros e mar. “É unha actividade que, ademais de deportiva, é cultural e histórica, porque leva a xente a coñecer a propia Galicia”, apuntou. O representante da Federación defendeu ademais o traballo coas categorías inferiores: “Non haberá olímpicos se non hai prebenxamíns e infantís; ese camiño faise constantemente desde a federación e a través dos clubs”.
Romero deixou aberta a porta a ampliar a cita en próximas edicións a categorías superiores e a outras especialidades, como os barcos dragón, e incluso amosou o seu interese na creación dun club de piragüismo en Cerceda. “Sería interesante porque revitalizaría a zona; os cativos terían outra saída a nivel deportivo”, indicou, ofrecendo o apoio da Federación para facelo posible.
Pola súa banda, Miguel Núñez salientou que a regata nace da vontade de promover “un deporte cos valores co que nos identificamos: disciplina, esforzo e superación”. O representante de Coventina Renovables engadiu que iniciativas como esta “contribúen de forma directa a xerar actividade, dinamismo e a atraer visitantes, clubs e talento” e que teñen “un significado especial na zona de transición xusta de Meirama”, onde a compañía se marca o obxectivo de impulsar proxectos de desenvolvemento socioeconómico. Núñez comprometeu unha colaboración a longo prazo: “Cando as entidades locais, o Concello, as federacións, os clubs e as empresas remamos na mesma dirección, conséguense resultados que deixan pegada no territorio”.
Os tres representantes animaron a palistas e á veciñanza a participar e a achegarse ao lago este sábado para gozar dunha xornada de piragüismo, coa vista posta en que a cita teña continuidade nos vindeiros anos.
O ‘Cerceda Tapea’ volve este outubro coa súa segunda edición, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de outubro. A ruta gastronómica reunirá trece bares e restaurantes das distintas parroquias do municipio, que ofrecerán máis de corenta tapas diferentes a un prezo popular de 2 euros cada unha.
Participan nesta edición A Taberna, O Muíño, O Parque e O Panadeiro, en Cerceda; A Estación, Pallas e O Lar 76, en Queixas; A Tella, Orlando e O Pallas, na Silva; o Estanco e Rodríguez, en Meirama, e Golán, na Tablilla. Deste xeito, a iniciativa volve estenderse ao conxunto do territorio municipal.
O evento articúlase en catro quendas para que veciñanza e visitantes poidan gozar da gastronomía en distintos momentos da fin de semana. O venres 2 abrirá a ruta en horario de noite, de 19:30 a 23:00 horas. O sábado 3 haberá dobre quenda, ao mediodía de 11:30 a 15:30 horas e pola noite de 19:30 a 23:00 horas. O domingo 4 pecharase a cita ao mediodía, de 11:30 a 15:30 horas.
A carta desta edición combina o receitario de sempre con propostas máis atrevidas. Entre as tapas de corte tradicional figuran os callos, a orella e o lacón á feira, as fabas con ameixas, o polbo con puré de pataca, as faceiras de porco, o churrasco con pementos, as troitas con cachelos, o rabo de tenreira ou o arroz con choupa.
A elas súmanse creacións como as gyozas de marisco, polo e verduras, o poke taberneiro, a francesiña, o cachopín astur-leonés, a empanada de cabaza con noces e tomate seco, a tosta de solombo con queixo de cabra e marmelada de tomate caseira ou as milfollas de peixe de rocha e langostinos con toque cítrico.
Como xa sucedeu na primeira edición, cada tapa virá acompañada dun rasca con premios directos e todos os participantes entrarán en tres grandes sorteos, un aliciente máis para percorrer os locais e descubrir os sabores do municipio.
Con esta iniciativa, o Concello de Cerceda busca dinamizar a hostalaría local e poñer en valor a riqueza culinaria do municipio, ofrecendo un plan para gozar en familia ou con amigos durante toda a fin de semana.
O Concello de Cerceda estreou esta tarde o renovado céspede artificial do anexo municipal do Roxo nun acto aberto ao público, no que a veciñanza puido comprobar por primeira vez a nova superficie. Á convocatoria acudiron clubs, deportistas e familias do municipio, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Óscar Golán.
A obra supuxo un investimento de 312.781,94 euros, dos que a Deputación da Coruña achegou o 80% (uns 250.000) e o Concello o restante con fondos propios. Permitiu substituír por completo o terreo de xogo, que acumulaba máis dunha década de uso intensivo, por un céspede artificial de última xeración e marcas para fútbol 11 e fútbol 7.
O alcalde defendeu que a actuación está chamada a ser a máis relevante das acometidas nas instalacións deportivas do municipio: “É enormemente importante polo servizo que dá, porque permite que todos os equipos poidan adestrar aquí e libera o resto de instalacións”. Rodríguez apuntou que o campo queda “nas mellores condicións para só ter que cinguirnos ao mantemento ata pasada a metade deste século”.
O rexedor puxo en valor o complexo do Roxo, “absolutamente privilexiado de cara ao fútbol afeccionado”, e lembrou que preto de 400 persoas federadas nos equipos do municipio empregan estas instalacións. Tamén agradeceu o respaldo da Deputación, salientando o papel clave da institución provincial no apoio dun concello en plena transición ecolóxica.
Formoso, pola súa banda, destacou a colaboración entre a institución provincial e os concellos para modernizar infraestruturas deportivas de uso cotián, e subliñou que a renovación permitirá ofrecer aos clubs e ás categorías de base “unhas instalacións máis modernas, seguras e adaptadas ás necesidades actuais”.
Céspede de última xeración
O terreo de xogo presentaba un deterioro acumulado que dificultaba a práctica deportiva e incluso aumentaba o risco de lesións. Ante esta situación, retirouse o antigo céspede e nivelouse a base asfáltica sobre a que se asentaba.
Posteriormente, colocouse unha lámina elástica que amortece os impactos e facilita a drenaxe, e enriba instalouse un céspede artificial de última xeración, máis resistente e con fibras que reproducen mellor as sensacións da herba natural. Completouse cun recheo de area e caucho, coa reparación da canaleta perimetral de drenaxe e coa nova marcaxe dun campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7.
A intervención no Roxo enmárcase no traballo municipal de mellora das instalacións deportivas de Cerceda. O pleno aprobou en marzo a renovación do terreo de xogo do campo do Outeiro, na Silva, cun investimento de máis de 409.000 euros, e o Concello ten tamén en marcha melloras no campo de Rodís, co obxectivo de que os equipos do municipio conten con instalacións nas mellores condicións durante todo o ano.
RESOLUCIÓN DEFINITIVA DA CONVOCATORIA DE AXUDAS MUNICIPAIS PARA A ESCOLARIZACIÓN CURSO 2026/2027 EXP: 2026/G003/000797
Visto o expediente 2025/A011/000002 tramitado neste Concello para a concesión das axudas municipais para a escolarización para o curso 2026/2027.
Considerando que a competencia para a resolución desta convocatoria atópase delegada na Xunta de Goberno Local.
Considerando a necesidade e urxencia de resolver o presente procedemento para proceder á publicación e xestión das axudas no menor tempo posible, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, estímase procedente advocar a dita competencia a favor desta Alcaldía .../...
>>> Ver documento completo decreto resolución (pdf, 106Kb)
XUSTIFICACIÓN DAS AXUDAS
O prazo para a presentación da documentación xustificativa do gasto subvencionable finalizará o 15 de outubro de 2026. A documentación remitirase preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello de Cerceda (https://sede.cerceda.es/sxc/gl/), ou ben mediante a súa presentación no Rexistro Xeral do Concello ou calquera das canles previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
A xustificación da axuda instrumentarase mediante a achega dos seguintes documentos:
- Solicitude de xustificación debidamente cumprimentada conforme ao modelo recollido no Anexo III
- Facturas acreditativas dos gastos realizados para o curso académico 2026/2027, as cales deberán estar datadas a partir do 1 de xuño de 2026.
As facturas deberán reunir os requisitos establecidos no Regulamento de facturación vixente e, especificamente:
Identificación completa da entidade emisora (Nome, razón social e NIF/CIF)
Desagregación do IVE ou imposto correspondente
Nome e NIF do beneficiario da axuda ou solicitante.
Relación pormenorizada de artigos, especificando o prezo unitario de cada concepto.
Número de factura, data, lugar de emisión e denominación expresa de “factura”, non sendo válidos os simples tiques de compra
Deberase acreditar de xeito efectivo o aboamento da factura mediante a achega de xustificantes de pago en efectivo ou por medios bancarios.
No caso de xustificación de material escolar e libros de texto, a factura deberá especificar expresamente “Xustificación de axudas a escolarización do Concello de Cerceda para o curso 2026/2027”. Aquelas facturas que non o expresen, non serán tidas en conta aos efectos de xustificación.
>>> Anexo III. Presentación xustificación (pfd,119kb)
Os campos do Roxo volverán acoller a gran festa do fútbol cercedense coa terceira edición do Torneo de Fútbol do Concello de Cerceda, que este ano dá un paso adiante coa ampliación do seu formato. Ao cuadrangular sénior masculino súmanse agora unha final feminina e un triangular de veteranos, que repartirán a competición ao longo da fin de semana do 29 e 30 de agosto.
O acto de presentación contou coa presenza da tenente de alcalde de Cerceda, Catrina Queijo, e do concelleiro de Deportes, Óscar Golán, xunto con representantes dos cinco clubs federados do Concello.
A competición arrancará o sábado 29 de agosto co torneo sénior masculino, un cuadrangular no que tomarán parte o Rodís FC, o CCD Queixas, a SD San Martiño e o Club Atlético Cercedense. O balón botará a rodar ás 16:00 horas coa primeira semifinal entre o Rodís e o Queixas, seguida ás 17:00 horas do enfrontamento entre o San Martiño e o Cercedense. Ás 18:00 horas disputarase o partido polo terceiro e cuarto posto entre os dous equipos derrotados, e ás 19:00 horas chegará a gran final entre os dous gañadores. Os encontros deste cuadrangular serán de 45 minutos e, en caso de empate, resolveranse desde os penaltis.
Ese mesmo sábado, ás 20:00 horas, celebrarase por primeira vez unha final feminina que enfrontará ao Club Atlético Cercedense e, como convidado, ao Cabana, nun partido completo de 90 minutos que se resolverá en penaltis en caso de táboas no marcador.
A xornada do domingo 30 de agosto quedará reservada para o torneo de veteranos. Ás 10:30 horas abrirá a competición o duelo entre a S.D. San Martiño e o Rodís F.C. Ás 11:30 horas, o Cerceda Veteranos medirase co perdedor do primeiro partido, e ás 12:30 horas fará o propio co gañador. Estes encontros serán a 45 minutos, con penaltis ao final de cada un para desfacer un posible empate a puntos na clasificación final do torneo.
Golán destacou que a cita se engade a outras como o Torneo de Fútbol Base e salientou a evolución dunha cita que non deixa de medrar: "Este torneo naceu como unha festa do fútbol dos nosos clubs e cada ano vai a máis. Este ano damos un paso importante ao ampliar o formato con categoría feminina e de veteranos, para que sexa unha xornada na que participen cada vez máis persoas”.
O concelleiro animou tamén á veciñanza a encher as bancadas dos campos do Roxo: "Convidamos a todos os veciños e veciñas a achegarse estes dous días a apoiar os equipos do noso concello e a gozar dunha fin de semana de deporte cercedense para facer comunidade".

Rematado o prazo para a presentar a documentación requirida e unha vez rematada a fase de instrución e verificación documental e, tal e como establece o artigo 11 da convocatoria das axudas, a Xunta de Goberno Local aprobou a listaxe provisional co resultado da avaliación individualizada de cada solicitude mediante a discriminación dos seguintes estados:
- Relación nominal de persoas que reúnen a totalidade dos requisitos e documentación exixida na convocatoria.
- Relación nominal das solicitudes que non cumpren os requisitos establecidos, indicando a causa motivadora que xustifica dita denegación.
As persoas interesadas teñen un prazo improrrogable de dez (10) días hábiles, computados a partir do día seguinte da publicación desta listaxe , para que poidan formular as alegacións que estimen procedentes ao abeiro do artigo 76 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No suposto de que non se presenten alegacións no prazo sinalado, a proposta provisional elevarase automaticamente a definitiva, procedendo o órgano competente á aprobación da resolución definitiva cos importes concedidos.
Máis información no Departamento de servizos sociais ou no teléfono 981 68 60 68
O Concello de Cerceda avanza no seu compromiso cos espazos públicos e a seguridade viaria cun novo conxunto de actuacións para o segundo semestre de 2026 en distintos puntos do municipio. O obxectivo é afondar no mantemento, unha tarefa esencial para garantir a calidade de vida dos veciños e veciñas.
En agosto arrancará unha campaña de sinalización horizontal dotada con 15.000 euros: pasos de peóns, prazas para persoas con mobilidade reducida, prazas en batería e en liña, zonas de carga e descarga, vaos, símbolos de "ceda o paso", paradas de autobús e taxi e outras marcas viarias para mellorar a ordenación do tráfico e a seguridade.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salientou a importancia de coidar o patrimonio viario existente: "Como alcalde debo dicir que levamos tempo facendo un esforzo por investir e crear novas infraestruturas, mais tamén é importante facer fincapé no mantemento do preexistente”.
Neste sentido, o rexedor recoñeceu que “cuestións como o pintado dos viais urbanos presentan a día de hoxe un claro marxe de mellora. Son pequenos detalles que significan moito no día a día. Por iso lle imos dar un lavado de cara, con cargo ao orzamento 2026 en vigor neste momento, que vai potenciar a imaxe do noso municipio".
Sinalización vertical, espazos peonís e traballos de roza
Tamén en agosto comezará renovarse a sinalización vertical, cunha primeira partida de 5.000 euros para sinais de STOP, limitacións e prohibicións, perigo, pasos de peóns, estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida, espellos viarios e pilonas, segundo as necesidades detectadas polos servizos técnicos municipais.
Tralos arranxos puntuais dos últimos meses, o Concello continuará renovando as beirarrúas do núcleo urbano, as beiravías e substituirá baldosas deterioradas nas rúas Tierno Galván, avenida de Galicia, avenida da Coruña e avenida do Mesón, para seguir despois noutras zonas do municipio. A campaña de reparación de firmes actuará inicialmente en Cobeláns e no polígono industrial, e a limpeza de gabias continuará nas Encrobas, Brazal, Rodís e Coence, mellorando a drenaxe e reducindo a vexetación nas marxes.
Nos traballos de roza combinaranse medios propios e contratación externa para completar as actuacións pendentes en Rodís e Monte Xalo, e continuará o mantemento en Xesteda, parcelas municipais e fincas destinadas a eventos do Concello. Así mesmo, os operarios reforzarán a limpeza en zonas peonís por mor do crecemento da vexetación propio desta época.
Todo isto forma parte da programación ordinaria de conservación das infraestruturas municipais e supón un importante esforzo de investimento para seguir mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e o estado dos espazos públicos en beneficio da veciñanza.


