O Concello de Cerceda acaba de aprobar unha liña de axudas individuais para atender a menores con trastorno do desenvolvemento ou que se atopen en situación de risco de padecelos.

Estas axudas están destinadas a favorecer a súa autonomía persoal mediante a concesión dun cheque para o cofinanciamento dos gastos de atención biopsicosocial e/ou terapética, así como o desprazamento a centros de atención biopsicosocial e/ou terapéutico públicos, a fin de garantirlle a máxima integración e a mellora do seu benestar e participación na vida comunitaria.

Dita subvención outorgará ata 300 euros anuais para atencións psicosociais e/ou terapéuticos e 75 euros anuais para desprazamentos de asistencia e tratamentos terapéuticos da rede pública.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro. Ademais, esta axuda será compatible con calquera outra establecida por outras administracións.

Tras o anuncio, a concelleira de Servizos Sociais, Catrina Queijo, destacou que “tras analizar a realidade do noso municipio, vemos necesario estar ao carón deses pais e nais que teñen que facer fronte a gastos sobrevidos para que as súas crianzas poidan recibir unha atención terapéutica e biopsicosocial e que teñan unha mellor
calidade de vida”.

As persoas interesadas poderán informarse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Cerceda. As bases para solicitar esta subvención poden atoparse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do día 16 de maio, que se pode consultar na ligazón que se insire a continuación.

>>> Ver ou descargar documento completo (BOP 95 16/05/2024; PDF)

 

Convocatoria de axudas ao fomento da natalidade e asentamento poboacional do Concello de Cerceda para a anualidade 2024.

Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o establecemento de axudas económicas ás familias do Concello de Cerceda, co obxecto impulsar estratexias para fixar e fomentar o aumento da poboación municipal e o seu rexuvenecemento, evitando o despoboamento rural ...

Prazo de presentación de solicitudes do 16 de maio ata o 30 de novembro de 2024.

 

>>> Ver ou descargar documento completo (BOP 94 15/05/2024)

>>> Ver ou descargar solicitude

 

O Concello está a facer a través dunha concesionaria un control da poboación de pombas no casco urbano de Cerceda.

No caso de ser coñecedores de puntos nos que existan niños ou afluencia de pombas, póñanse en contacto co número de teléfono 618.437.620 (Control de pragas Paderne. Alfredo Bruzos).

Dende o 15 ao 30 de abril de 2024 está aberto o prazo de solicitude de praza nova na escola infantil "Os Pillabáns" para o curso 2024/2025.

A documentación precisa que se debe de adxuntar xunto co modelo de solicitude é a que se acompaña no anexo. Esta documentación debe ser presentada na Sede Electrónica do concello, no Rexistro Xeral ou en Servizos Socias do concello, en horario de 9.00horas a 14.00horas.

Máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 68 60 68

Segundo o Real Decreto 637/2021, do 27 de xullo, cómpre rexistrar as explotacións avícolas existentes en todos os concellos de Galicia.

Con respecto a esta normativa, informámosvos:
• Esta obriga esténdese tamén ás explotacións (galiñeiros) dedicadas ao autoconsumo.

• Ademais de non comercializar coa carne ou os ovos, o número de aves das explotacións de autoconsumo non debe ser superior a trinta.

• O incumprimento desta medida pode dar lugar a sancións. É preciso presentar o código que recibirán ao presentar o trámite para mercar polos para repoñer no curral.

• No caso das explotacións que comercialicen os ovos ou a carne, ademais de cubrir o impreso específico, recoméndase contactar coa Xefatura Territorial de Medio Rural da Coruña.

O impreso da Xunta de Galicia a cubrir é o MR501A
https://acortar.link/7ZO0ai

O Concello de Cerceda presentou esta mañá a terceira edición da proba deportiva Poseidon Race organizada polo club local OCR Cerceda, en colaboración co Concello. Esta proba deportiva consiste nunha carreira de obstáculos que terá lugar o 25 de maio no Aquapark cercedense e as súas inmediacións.

A proba deuse a coñecer hoxe, ás 13:45 horas, no salón de plenos da Casa do Concello e no acto interviñeron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; e o presidente do OCR Cerceda, Álvaro Sánchez.

A carreira contará coas categorías Elite, Starter e Popular. A primeira terá un percorrido de 10 quilómetros e 60 obstáculos, mentres que as restantes, a diferencia da edición do ano pasado, terano de 8 quilómetros. Iso si, terán que superar o mesmo número de obstáculos, nos que se porá a proba a forza, o equilibrio ou a puntería dos e das participantes.

A primeira categoría que tomará a saída será a Elite e producirase ás 15:00 horas. A continuación, ás 16:20 horas, arrancarán os ‘starters’ e as categorías populares sairán cada 20 minutos dende as 16:40 ata as 18:00 horas.

Esta proba forma parte da Liga OCRA Galicia 2024, Liga AOCO, Liga North Finals e será clasificatoria para o mundial de California OCRW.

ÉXITO DE PARTICIPACIÓN

Esta III edición da Poseidon Race apunta a que será un éxito rotundo de participación, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. A máis de dous meses da proba, o número de anotados roza os 660, a menos de 50 inscritos do récord establecido o ano pasado, cando participaron 700 persoas. Para formar parte da proba, as persoas interesadas deberán apuntarse a través da páxina www.ccnorte.com

En Cerceda daranse cita os mellores atletas nacionais e internacionais deste tipo de carreiras con deportistas de elite chegados dende países como Portugal, Dinamarca, Bélxica, Sudáfrica ou Alemaña.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou “a aposta decidida deste goberno pola colaboración con este tipo de eventos, que fomentan o deporte e que lle dan visibilidade a recursos que son de moito interese para nós”.

“Co noso apoio imos tratar de darlle un novo impulso a unha cita que non deixa de medrar, tanto a nivel de participación como de calidade, nas verbas dos propios participantes”, insistiu o rexedor.

O presidente do club organizador da carreira, Álvaro Sánchez, agradeceu a colaboración do Concello de Cerceda, pois “sen ela sería totalmente imposible darlle ao evento a magnitude que ten a día de hoxe”.

Amosou a súa “felicidade” polo grande éxito de inscricións e “animo á xente a que sigan anotándose”. Fixo fincapé en que “este ano formarán parte da Poseidon Race algúns e algunhas dos mellores corredores/as do mundo”, o que definiu como “un soño para nós”.

Durante o mes de marzo conmemórase o Día da Árbore, unha data sinalada para lembrar a importancia de coidar as superficies arboladas e os bosques, e o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) quere celebralo cunha nova edición infantil das Conversas Naturalistas adicadas ás árbores e os libros.

A actividade terá lugar o vindeiro sábado, 16 de marzo, ás 12.00 h. nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, actual sede do Centro de Documentación, e terá unha duración aproximada de 2 horas. Está dirixida a rapazada de 7 a 14 anos, que poderán vir acompañados dun adulto, se o desexan.

Máis información e reservas en:

https://www.ceida.org/gl/novidades/conversas-naturalistas-arbores-e-libros

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se actualizan as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena tecia solanivora povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia.

>>> Ver resolución (D.O.G)

A parroquia de Encrobas foi incluía como zona tampón, por ser limítrofe coas zonas infestadas; para tratar de conter o avance da couza guatemalteca da pataca; por este motivo os agricultores desta parroquia deben comunicar os datos das súas plantacións de patacas antes do 1 de abril

>> Ver ou descargar modelo de comunicaicón (anexo II, pdf)

Cerceda acolle esta fin de semana do 17 e do 18 de febreiro a primeira proba do Circuíto de menores Padelprix, no que se dará cita o mellor do pádel galego en categorías de canteira.

Este novo torneo está na elite deste deporte a nivel de base na comunidade, pois é un dos únicos seis que se celebran en Galicia que é puntuable para o ránking nacional. Precisamente por isto, a inscrición, xa pechada, foi todo un éxito: 52 parellas federadas (104 inscritos), que xogarán por ser os mellores nas categorías Alevín masculino, Infantil masculino e feminino, Cadete masculino e feminino e Junior masculino.

Á inauguración do torneo, que se celebrará no Padelprix de Cerceda, asistirán o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Pádel, Poli Fernández; a xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Sofía Toro; e o director do torneo, Xoel Tejo.

A organización fai un chamamento á veciñanza de Cerceda para que pase a ver o torneo, pois a entrada será de balde.

Páxina 4 de 27