Natureza en Cerceda

O municipio de Cerceda conta con multitude de espazos para gozar da natureza e das actividades ao aire libre.

Fervenza en QueixasProtagonistas indiscutibles da nosa contorna son os ríos, entre os que destacan o Barcés e o Lengüelle, que percorren a nosa xeografía creando sinuosos vales cheos de verdor. Grazas a esa riqueza fluvial podemos presumir dun interesante patrimonio de muíños de auga, entre os que sobresae o Muíño de Guillín pola espectacular beleza da súa caída natural.


A pesca é un dos grandes atractivos do concello. Para a súa práctica contamos con lugares privilexiados como o Couto de Vilagudín, que supuxo a primeira concesión de pesca turística autorizada pola Xunta de Galicia. Trátase dun pequeno encoro, de 162 hectáreas, que recolle as augas de dous regatos -Paradela e Viduído- onde conviven dúas das especies máis abundantes da zona, as troitas e os salmóns, con exemplares de ata 10 quilos de peso. Este lugar representa un auténtico paraíso para os amantes deste deporte e un espazo de inmensa beleza paisaxística ideal para quen busca descanso e pracer desfrutando ao máximo da natureza.


Outro punto de visita obrigada polo seu interese ambiental é a Serra de Montemaior. Esta aliñación montañosa de orixe granítico esténdese polas parroquias de Soutullo e Montemaior (A Laracha), Rodís e Xesteda (Cerceda), cunha altitude superior aos 400 metros. Dous dos seus picos máis importantes son o Monte Xalo e Monte do Castelo, destino de moitos/as alpinistas e escaladores, nos que ademais poderás gozar dunha fermosa panorámica de Cerceda grazas aos miradoiros situados na zona. Tamén dispoñemos dun amplo conxunto áreas recreativas, entre elas as de Queixas, Xesteda, Meirama e A Silva, acondicionadas con numerosos servizos de uso público (mesas, bancos e asadores) para a realización de actividades ao aire libre.