Cerceda será centro base de adestramento no Mundial de Fútbol 2030

O Concello de Cerceda foi designado como centro base de adestramento para o Mundial de Fútbol 2030, un fito que coloca ao municipio no mapa internacional como destino deportivo de primeiro nivel. Durante a cita mundialista, varias seleccións establecerán os seus adestramentos nas instalacións locais, atraendo numerosos afeccionados e medios de comunicación de todo o mundo.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, mostrou a súa satisfacción por este logro e subliñou o traballo realizado para acadalo: “No seu momento, fixemos unha consulta sobre se se podería optar, elaboramos unha memoria técnica e a partir de aí fomos dando todos os pasos pertinentes cos distintos representantes federativos. Quero agradecer especialmente a enorme implicación dende un principio do concelleiro de deportes, Óscar Golán”.

A elección de Cerceda reflicte a calidade das súas instalacións deportivas, que o Concello xa proxecta mellorar de cara ao 2025 con varios investimentos. Estas actuacións permitirán adaptar a oferta futbolística local ás esixencias do deporte actual e garantirán a súa competitividade para o resto da primeira metade do século XXI.

O impacto deste evento transcenderá o propio Mundial, abrindo novas posibilidades para o municipio. O alcalde sinalou que “o feito de ser base de adestramentos para un dos eventos deportivos máis relevantes do mundo, coa cobertura da FIFA, vainos introducir nun novo escenario a nivel de fondos e oportunidades, que van redundar en avances para o fútbol local”.

Cerceda prepárase para asumir este reto co convencemento de que marcará un antes e un despois para o municipio, tanto no ámbito deportivo como no económico e social.