Noticias
O Concello de Cerceda organiza unha excursión ao Grove o sábado 26 de setembro. A saída será ás 9:15 de Cerceda, e incluirá unha visita ao Pazo Quinteiro da Cruz, unha mariscada en barco e unha parada en Sanxenxo na viaxe de regreso.
As inscricións estarán abertas dende as 9:00 horas do luns 10 de agosto ata as 14:00 horas do venres 14 de agosto. Poderanse presentar tanto nun formulario na páxina web municipal como de xeito presencial no Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
As prazas son limitadas e a viaxe ten un prezo de 40 euros por persoa.
O Concello de Cerceda organiza unha peregrinación ao Santuario dos Milagres de Caión o domingo 6 de setembro. A saída terá lugar ás 07:00 horas dende o Campo da Feira de Cerceda, e o goberno municipal convida a toda a veciñanza a participar nesta cita, que contribuirá a facer comunidade entre os cercedenses.
A actividade inclúe avituallamento e chalecos de sinalización para garantir a seguridade e benestar dos participantes ao longo do percorrido. As persoas que desexen apuntarse poderán facelo do 17 ao 31 de agosto no Viveiro de Empresas (881 98 15 53).
Coa proposta, o Concello de Cerceda facilita a participación dos interesados e interesadas nunha das citas máis sentidas da zona, ao tempo que fomenta a convivencia e o encontro entre a veciñanza.
O Concello de Cerceda organiza unha xornada de observación da eclipse solar total do 12 de agosto
* A actividade desenvolverase no Polígono do Acevedo a partir das 19:00 horas e entregaranse lentes homologados a todas as persoas inscritas
O Concello de Cerceda organiza unha xornada de observación da eclipse solar que terá lugar o vindeiro 12 de agosto, unha cita astronómica de carácter excepcional xa que o municipio se atopa dentro da faixa de totalidade. Isto significa que dende Cerceda poderá contemplarse a eclipse na súa fase máis espectacular, coa Lúa cubrindo por completo o disco solar.
A actividade celebrarase a partir das 19:00 horas no Polígono do Acevedo, nunha parcela situada entre Galopín e a nave de loxística de Malasa. Trátase dun espazo amplo e axeitado para acoller a veciñanza que queira gozar do fenómeno, con visión directa do punto no que se situará o sol.
Coa fin de garantir unha observación segura, o Concello entregará lentes homologados a todas as persoas que se inscriban previamente na actividade. As inscricións poden formalizarse do 3 ao 7 de agosto a través dun formulario web ou no teléfono 881 98 15 53.
Dende o goberno municipal anímase a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa, “unha oportunidade extraordinaria para vivir en primeira persoa este acontecemento astronómico de gran magnitude, que só resulta visible na súa totalidade nunha estreita franxa do territorio”.
A música electrónica será a protagonista do Cerceda Sound Fest, que se celebrará o venres 7 de agosto no Xardín Botánico do Aquapark de Cerceda. O evento, de entrada gratuíta, arrancará ás 23:00 horas.
O cartel reúne como principais reclamos os DJ Twins, un dúo procedente de Oviedo moi coñecido en TikTok. Acompañaranos Nyan Boe, Cotelo, Male e Rafa Astray, algúns dos nomes máis destacados da escena DJ da provincia. Ademais, a cita contará con foodtrucks, aseos públicos e servizo de cantina para comodidade dos asistentes.
Na presentación oficial da cita participaron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e Jonatan Rey, organizador do festival. Jonatan Rey destacou a importancia de que se trate dun “evento gratuíto para que toda a xuventude poida sumarse”, e agradeceu as facilidades para poder desenvolver o festival nun espazo singular como o parque acuático.
Pola súa banda, o alcalde puxo en valor o labor da organización e animou á veciñanza a participar: “Queremos agradecer o traballo da organización por traer unha cita coma esta a Cerceda e animamos a toda a xuventude a achegarse e gozar dunha gran noite de música no noso municipio”.
O Concello de Cerceda colabora sen achega económica directa, poñendo a disposición medios como valados ou baños públicos para que o evento poida saír diante. Ademais, o festival conta co apoio de Decoraciones Rodríguez, Impacto Disco Móvil e O Parque Cervecería.

Rematado o prazo para a presentar a documentación requirida e unha vez rematada a fase de instrución e verificación documental e, tal e como establece o artigo 11 da convocatoria das axudas, a Xunta de Goberno Local aprobou a listaxe provisional co resultado da avaliación individualizada de cada solicitude mediante a discriminación dos seguintes estados:
- Relación nominal de persoas que reúnen a totalidade dos requisitos e documentación exixida na convocatoria.
- Relación nominal das solicitudes que non cumpren os requisitos establecidos, indicando a causa motivadora que xustifica dita denegación.
As persoas interesadas teñen un prazo improrrogable de dez (10) días hábiles, computados a partir do día seguinte da publicación desta listaxe , para que poidan formular as alegacións que estimen procedentes ao abeiro do artigo 76 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No suposto de que non se presenten alegacións no prazo sinalado, a proposta provisional elevarase automaticamente a definitiva, procedendo o órgano competente á aprobación da resolución definitiva cos importes concedidos.
Máis información no Departamento de servizos sociais ou no teléfono 981 68 60 68
O Concello de Cerceda avanza no seu compromiso cos espazos públicos e a seguridade viaria cun novo conxunto de actuacións para o segundo semestre de 2026 en distintos puntos do municipio. O obxectivo é afondar no mantemento, unha tarefa esencial para garantir a calidade de vida dos veciños e veciñas.
En agosto arrancará unha campaña de sinalización horizontal dotada con 15.000 euros: pasos de peóns, prazas para persoas con mobilidade reducida, prazas en batería e en liña, zonas de carga e descarga, vaos, símbolos de "ceda o paso", paradas de autobús e taxi e outras marcas viarias para mellorar a ordenación do tráfico e a seguridade.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salientou a importancia de coidar o patrimonio viario existente: "Como alcalde debo dicir que levamos tempo facendo un esforzo por investir e crear novas infraestruturas, mais tamén é importante facer fincapé no mantemento do preexistente”.
Neste sentido, o rexedor recoñeceu que “cuestións como o pintado dos viais urbanos presentan a día de hoxe un claro marxe de mellora. Son pequenos detalles que significan moito no día a día. Por iso lle imos dar un lavado de cara, con cargo ao orzamento 2026 en vigor neste momento, que vai potenciar a imaxe do noso municipio".
Sinalización vertical, espazos peonís e traballos de roza
Tamén en agosto comezará renovarse a sinalización vertical, cunha primeira partida de 5.000 euros para sinais de STOP, limitacións e prohibicións, perigo, pasos de peóns, estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida, espellos viarios e pilonas, segundo as necesidades detectadas polos servizos técnicos municipais.
Tralos arranxos puntuais dos últimos meses, o Concello continuará renovando as beirarrúas do núcleo urbano, as beiravías e substituirá baldosas deterioradas nas rúas Tierno Galván, avenida de Galicia, avenida da Coruña e avenida do Mesón, para seguir despois noutras zonas do municipio. A campaña de reparación de firmes actuará inicialmente en Cobeláns e no polígono industrial, e a limpeza de gabias continuará nas Encrobas, Brazal, Rodís e Coence, mellorando a drenaxe e reducindo a vexetación nas marxes.
Nos traballos de roza combinaranse medios propios e contratación externa para completar as actuacións pendentes en Rodís e Monte Xalo, e continuará o mantemento en Xesteda, parcelas municipais e fincas destinadas a eventos do Concello. Así mesmo, os operarios reforzarán a limpeza en zonas peonís por mor do crecemento da vexetación propio desta época.
Todo isto forma parte da programación ordinaria de conservación das infraestruturas municipais e supón un importante esforzo de investimento para seguir mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e o estado dos espazos públicos en beneficio da veciñanza.
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.
>>> Ver ou descargar documento completo


O Concello de Cerceda beneficiouse na convocatoria para o ano 2023 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalación de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU (código de procedemento IN422O), das seguintes actuacións:
- “Instalación dunha caldeira de pellets na Escola Infantil de Cerceda”(Solicitude IN422O-166).
Orzamento: 48.450,00 euros máis IVE
Contía da axuda: 24.000 euros .
- “Instalación dunha estufa de pellets na Escola Unitaria de Queixas, Cerceda”(Solicitude IN422O-165).
Orzamento: 2.630,00 euros máis IVE
Contía da axuda: 2.386,72 euros .
O Concello de Cerceda recepcionou as obras correspondentes a dous contratos financiados pola Deputación da Coruña a través do Plan Único (POS+), cun investimento total que supera os 201.000 euros. As actuacións centráronse na mellora de viais e na canalización de redes de pluviais e de abastecemento.
O primeiro contrato, cun financiamento de 127.283,62 euros, incluíu a mellora dos accesos de Abelleira e Boedo, na parroquia de Queixas, onde se renovou o firme dun viario de 865 metros, canalizouse a rede de abastecemento de auga potable e consolidouse a calzada cun muro de pedra de granito. Desde o Concello avanzan que se producirán novas melloras.
Así mesmo, tamén se actuou en Brazal de Abaixo, na parroquia de Rodís, coa canalización da rede de pluviais, a execución de beiravías e un muro de formigón armado.
O segundo contrato, dotado con 73.884,78 euros, abrangue catro intervencións. En Sandián, canalizáronse as pluviais en ámbalas marxes do viario e adecuouse o firme. Nas localidades de Cova das Andes e Vilarvello, na parroquia de Rodís, mellorouse o firme con aglomerado en quente, e tamén se renovou un treito da rúa Gardería.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salientou a relevancia destas actuacións: "Son obras que melloran o día a día dos veciños e veciñas, tanto na mobilidade como na seguridade viaria e nos servizos básicos. Desde o Concello seguimos a traballar para manter e mellorar as infraestruturas en todas as parroquias".
Tempada do 20 de xuño ao 06 de setembro
Horario: 14:30-20:30 horas
Todas as 𝐩𝐞𝐫𝐬𝐨𝐚𝐬 𝐞𝐦𝐩𝐚𝐝𝐫𝐨𝐚𝐝𝐚𝐬 𝐭𝐞𝐧̃𝐞𝐧 𝐚𝐜𝐜𝐞𝐬𝐨 𝐠𝐫𝐚𝐭𝐮𝐢𝐭𝐨, para elo deben achegarse ao Rexistro Municipal para comprobar a que están empadroadas, entregarelles un bono nominativo,que deberán presentar ao acceder a piscina.
As persoas non empadroadas, deben comprar a súa entrada a través da ligazón
https://coruna.sacatuentrada.es/es
ou ben na Oficina Virtual Tributaria do Concello de Cerceda
Calquera dúbida 981685036


