Cerceda acollerá o vindeiro 16 de maio a quinta edición da Poseidon Race, unha carreira de obstáculos (OCR) organizada polo club OCR Cerceda coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña. Este mediodía tivo lugar o acto de presentación da proba, ao que asistiron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán, e o presidente da entidade deportiva, Álvaro Sánchez.
A organización agarda unha participación de preto de 800 persoas, consolidando a cita como unha das máis destacadas do calendario nacional e europeo. A competición inclúe as categorías Elite, Starter, Popular Parellas e Popular Party. As carreiras comezarán ás 14:00 horas coa saída da categoría Elite, rematando arredor das 20:00 horas coa entrega de premios das categorías populares.
A competición desenvolverase no Aquapark de Cerceda e nas súas inmediacións, un escenario que reforza o atractivo do evento ao combinar as instalacións acuáticas coa contorna natural.
A categoría Elite afrontará un percorrido de 10 quilómetros, mentres que as categorías Starter e Popular completarán 8 quilómetros, con arredor de 70 obstáculos ao longo do circuíto. Nas categorías populares estímase a participación de máis de 500 persoas, nun formato que fomenta o traballo en equipo ao permitirse a axuda entre competidores.
Inscricións e participantes
As persoas interesadas en inscribirse poden apuntarse na páxina web www.ccnorte.com. A recollida de dorsais terá lugar o propio día do evento, na zona de saída, a partir das 12:00 horas.
Está prevista a participación de atletas de numerosos países, entre eles Portugal, Venezuela, Colombia, Estonia, Bélxica, Dinamarca, Francia, Panamá, Chequia, Letonia, Polonia, Suíza ou Italia. De feito, a Poseidon Race será puntuable para as ligas Nacional AOCO, North Finals e para a clasificatoria do campionato do mundo OCRWC, o que dá mostra da súa relevancia.
O alcalde de Cerceda agradeceu o traballo do club e destacou a “total disposición” do Concello a apoiar citas deportivas como a Poseidon Race, que “contribúen a promover o deporte e a poñer en valor espazos como o Aquapark, ademais de proxectar Cerceda a nivel nacional e internacional”.
Pola súa banda, desde o club tamén agradeceron o apoio do Concello e da Deputación, “sen os que sería imposible celebrar un evento desta magnitude”.


