A Festa Gastronómica do Cochiño regresa a Cerceda o 25 de xullo coa súa XXVIII edición

O Concello de Cerceda celebrará o vindeiro sábado 25 de xullo a XXVIII edición da Festa Gastronómica do Cochiño, no lugar de Acevedo. Xa consolidada como unha das citas referentes no calendario festivo da contorna, reunirá a veciñanza e visitantes arredor deste prato estrela nunha longa xornada que rematará coas actuacións da París de Noia e Los Satélites.

Ás 14:00 horas terá lugar o xantar popular con degustación de cochiño, churrasco, polbo e produtos da cociña galega, cun custo de 15 euros por ración. Os tickets poderán adquirirse no Viveiro de Empresas de Acevedo, de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas ata o 21 de xullo.

Ás 20:00 horas será a quenda das orquestras Los Satélites e París de Noia. Con todo, a música comezará antes coa animación do grupo Faíscas da Pontraga e a charanga Santa Compaña ao longo da xornada.

Artesanía e marca de parcelas

Así mesmo, a Festa do Cochiño tamén deixará espazo á artesanía co mercado Brota do Norte, mentres que os nenos e nenas poderán divertirse en inchables gratuítos. A marca de parcelas para as carpas poderase facer a partir das 17:00 horas do 23 de xullo.

O Concello de Cerceda encárgase de organizar a festa coa colaboración de Turismo de Galicia, Galicia Calidade, Turismo da Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, animou a veciñanza e os visitantes a non faltar a esta cita: “A Festa do Cochiño é xa un clásico do noso verán e un motivo de orgullo para todo o municipio. Falamos dunha celebración que leva case tres décadas reunindo a xente arredor da nosa gastronomía e das nosas tradicións, e ese é o mellor reflexo do arraigo que ten entre a veciñanza”.

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar