O Concello de Cerceda culminou a construción da nova senda peonil e ciclista que conecta os núcleos de Ribasoutas e Xermar, ao longo da estrada AC-400, nun itinerario de case dous quilómetros deseñado para mellorar a seguridade viaria e fomentar os desprazamentos sostibles dentro do municipio. Esta nova infraestrutura foi inaugurada hoxe co gallo dunha visita institucional encabezada polo alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
A obra, que contou cun orzamento de aproximadamente 754.000 euros, foi financiada a través do programa DUS 5000 do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), pertencente ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase da actuación máis relevante en materia de mobilidade peonil acometida polo goberno local neste mandato, tanto pola súa envergadura como polo seu impacto directo na calidade de vida dos habitantes da zona.
O itinerario, de 1.835 metros de lonxitude e dous metros de ancho, discorre pola marxe esquerda da AC-400 e inclúe unha pasarela peonil pilotada de 595 metros, cunha altura máxima de tres metros. A pasarela está equipada con varandas de madeira de cen centímetros en ambos laterais, garantindo así a seguridade dos peóns e ciclistas que a empreguen. Ademais, ao longo de todo o percorrido habilitouse unha rede de recollida de augas pluviais con cincuenta pozos de rexistro e instalouse un tubo para a futura canalización do alumeado público. A actuación completouse coa construción dun muro de pedra de granito de 307 metros de lonxitude, que permite estabilizar o terreo e mellorar a integración paisaxística da senda no contorno natural.
A nova infraestrutura supón un salto cualitativo na estratexia municipal de fomento da mobilidade sostible. Nos últimos anos, o Concello de Cerceda vén desenvolvendo múltiples actuacións para promover desprazamentos a pé seguros entre os diferentes núcleos do municipio, favorecendo así a conectividade, reducindo a dependencia do vehículo privado e mellorando a cohesión territorial.
O rexedor cercedense destacou que “esta senda de Xermar recibe un financiamento do IDAE de máis de 600.000 euros. Conecta a que xa se executara en San Vicenzo e outra en Ribasoutas”. Con estas actuacións estase a lograr unha interconexión peonil “moi importante”. Ademais, esta é xa a sexta senda peonil financiada no concello por parte do IDAE.
Juan Manuel Rodríguez lembrou outras actuacións que o Goberno de España está a desenvolver en Cerceda, que suman investimentos por valor de máis de 25 millóns de euros que afectan a eidos como a mobilidade, obras de rehabilitación ou impulso á industria verde.
Por último, agradeceu ao delegado todo o apoio que o Goberno lle está a brindar a Cerceda tanto en materia de financiamento como en materia de transición xusta.
Pola súa banda, Pedro Blanco afirmou que “Cerceda é un deses concellos que está aproveitar de mellor maneira os fondos do plan de recuperación”. A intención do Goberno é “darlle unha nova vida industrial a Cerceda e, ao mesmo tempo, facelo un lugar máis habitable e amable”.