Adrián López “Piscu” traerá a Cerceda o primeiro evento formativo para deportistas de alto rendemento

Adrián López, coñecido no mundo do fútbol como “Piscu”, traerá a Cerceda os vindeiros días 8 e 9 o primeiro evento formativo para deportistas de alto rendemento, especialmente que estean a cursar estudos de bacharelato ou equivalentes, de idades entre os 18 e os 22 anos.

A idea do programa é contribuír e axudar a que “deportistas de toda Galicia” teñan unha oportunidade para compaxinar a competición de elite e os estudos académicos. Celebraranse tanto palestras informativas como encontros menos formais para que o que fose xogador do RCDeportivo, Wigan Athletic ou Club de Foot Montréal poida departir cos novos talentos. 

O Concello de Cerceda, que colabora na cesión das instalacións, quere apoiar esta fantástica iniciativa para visibilizar unha cuestión que afecta a ducias de profesionais deportivos.

“O soño de calqueira futbolista é xogar en Primeira División, pero tan só o 1% teñen a oportunidade de chegar a ese nivel”, afirma “Piscu”, que fai fincapé na relevancia de “encarar unha nova etapa vital cunha base sólida, e isto só o asegura unha boa formación”.

Por iso, a través de bolsas económicas en países como Estados Unidos ou Dinamarca, os novos talentos poden compaxinar ambas actividades para que na balanza “ningunha das dúas teñan máis peso”, subliña Adrián López, quen afirma que “acadar o equilibrio entre eses dous mundos é moi complicado, e por iso ter xente o teu carón que che facilite a tarefa é fundamental”. “Piscu” quixo agradecer “o Concello de Cerceda a fantástica acollida e todas as facilidades que me deron desde o primeiro momento”, advertiu.