O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a concelleira e deputada provincial Cristina Capelán asinaron esta mañá o convenio para cofinanciar as obras de mellora das instalacións deportivas do campo de fútbol “O Outeiro”.
A entidade provincial achegará o 80% do orzamento total, que ascende a 346.478,01 euros, mentres que a administración local completará o financiamento co 20% restante, que son 69.295,60 euros.
O proxecto contempla a instalación dunhas gradas cubertas que acollan a zona de vestiarios, almacén, sala de instalacións, aseos e a cantina no seu interior. Para isto levantarase unha estrutura de formigón armado en cimentación, colocando vigas e piares, placas alveolares e bancadas prefabricadas, ademais de engadir unha cuberta simple de chapa metálica fixada directamente sobre correas metálicas. O seu interior estará destinado a dous vestiarios para os xogadores, un vestiario para os árbitros, un almacén, unha cantina, unha sala de instalacións e dous aseos – dos que un estará adaptado para persoas con mobilidade reducida-.
O texto tamén prevé a mellora do terreo de xogo mediante a creación dunha gabia de drenaxe na zona noroeste da parcela intercepte o fluxo de auga subterránea e redirixa o caudal cara as beiravías do campo, a colocación de 4 torretas de iluminación artificial nos laterais e a reposición do firme da superficie de actuación que resulte danada polas obras.
Coa execución desta obra vaise mellorar unha infraestrutura moi importante para o Concello de Cerceda, que facilitará a práctica deportiva e redundará no beneficio da veciñanza.