Cerceda acollerá o vindeiro 13 de maio a proba deportiva ‘Os 11 das vías’ en favor da Asociación Española contra o Cancro

Cerceda acollerá o vindeiro 13 de maio a proba deportiva ‘Os 11 das vías’, un evento que pretende dar a coñecer a Vía Verde, que conecta actualmente Cerceda con Oroso, e tamén a área de lecer xerada na antiga Estación de Queixas-Cerceda, rehabilitada como albergue turístico. 

A proba, en favor da Asociación Española contra o Cancro (AECC), foi presentada esta mañá polo alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e Miguel García, que forma parte da organización. Está organizada polo Club Atlética A Silva, o Albergue da Estación de Queixas-Cerceda e o Concello de Cerceda. 

Dará comezo ás 17:00 horas coas carreiras para menores e ás 18:00 horas será o pistoletazo de saída para a carreira. Vinte minutos despois, ás 18:20 horas, celebrarase a andaina, con catro quilómetros de percorrido. As inscricións poderán formalizarse en www.carreirasgalegas.com e o prazo será ata o domingo anterior ó evento. O prezo para a carreira será de 6 euros. As carreiras de menores serán de balde e o paseo valerá 1 euros. As cantidades serán doadas parcialmente para a investigación oncolóxica e financiamento de proxectos que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. 

“Agardamos dinamizar con este evento toda a contorna da Vía Verde, poñer en valor a conexión entre Cerceda e Santiago de Compostela en termos de mobilidade peonil, sen tránsito motorizado, e tamén poñer en valor a zona do Paseo Fluvial do Acevedo e o Xardín Botánico e do Aquapark. Cerceda é unha zona moi posicionada para os deportes de resistencia, e hoxe presentamos unha proba máis desta nova realidade cara a que camiñamos”, sinalaba o rexedor.

Pola súa banda, Miguel García sinalaba que “será un trail de iniciación, con pequenos tramos de asfalto e pretendemos enxalzar a Vía Verde, un total de 11 quilómetros de ida e volta e queremos que sexa un evento familiar, polo que plantexamos carreiras de pequenos e un pequeno paseo, un sábado pola tarde para propiciar un ambiente familiar e de carácter deportivo”.