Cerceda, 6 de xuño de 2022 – O Concello de Cerceda vén de licitar unha actuación de mellora de seguridade viaria que contempla o arranxo do pavimento en cinco vías municipais e un total de dous quilómetros de lonxitude. O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que unha das prioridades do seu goberno é dotar de maior seguridade viaria a todo o concello, tanto para peóns como para vehículos. “Seguimos investindo en seguridade viaria, seguimos conectando as nosas parroquias e seguimos mellorando a mobilidade en Cerceda”, apuntou. As obras contemplan melloras nos sistemas viarios de acceso ao Viveiro de Empresas, Francelos, Virís-Touril, Boedo á Ponte e Tilleiro a Londoño.
As obras permitirán actuar no pavimento deteriorado que presenta o sistema viario de acceso ao Viveiro de Empresas , de 200 metros de lonxitude e, por outra banda, a construción dunha beirarrúa por unha das marxes da estrada dotando a este acceso de maior seguridade para os peóns. Na mesma liña, as obras prevén a mellora do vial en Francelos cun fresado de 600 metros cadrados e a demolición de 300 metros cadrados de pavimento, superficies sobre as cales se executará un novo firme que se completará coa substitución da barreira de seguridade existente.
Mellorarase tamén o Camiño Virís- Touril, cunha lonxitude total de 600 metros. Preténdese a mellora da superficie de rodaxe e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas.
Asemade, o camiño de Boedo á Ponte, cunha lonxitude de 500 metros, atópase dentro dos camiños a renovar. Renovarase o asfalto coa instalación de novas gabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como como o pintado de marcas viais para sinalización horizontal.
E, por último, actuarase nos accesos desde Telleiro a Londoño ata túnel ferrocarril. Unha conexión viaria de 650 metros de lonxitude e catro metros de ancho cun novo rego de selado a toda a plataforma. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias e a colocación de 6 metros de taxea de formigón para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.
O prazo para executar as obras unha vez estean adxudicadas é de seis meses-