O Concello de Cerceda recibiu esta semana as obras de saneamento en Longo, as tubaxes de saneamento e abastecemento en Pao do Lobo e do sistema de depuración da Silva, que foran contratadas no seu día por un valor de 172.884,47 euros.
A Administración local xa ten en contratación, a través do POS da Deputación da Coruña, a depuradora de Meirama xunto coa extensión do saneamento en Ribasoutas, por un importe superior aos 200.000 euros; e tamén están moi próximas as aprobacións do saneamento cara a Gándara; en San Vicenzo (72.000 euros); en Campos de Alga (68.000 euros) e na Cortella e Albarda (279.000 euros).
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, asegura que “valoramos favorablemente a finalización destas tres obras, moi demandadas pola veciñanza. Pero xa estamos pensando no futuro, con máis de 600.000 € de obras aprobadas para seguir avanzando a prol do saneamento, como un dos grandes obxectivos en materia de desenvolvemento sostible e calidade de vida. Son actuacións que cobran coherencia cando existe unha demanda real e efectiva. Nese sentido, mención especial merece a depuradora de Meirama, unha das infraestrutura relevante que se van facer realidade no presente mandato".


