O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, recibiu na Sala de Xuntas do Concello á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, con quen mantivo unha reunión de traballo. Durante o encontro abordaron diversas cuestións de interese para o municipio, entre as que destacou a expansión da cobertura 5G en Cerceda. O alcalde trasladoulle á subdelegada a importancia desta mellora para favorecer a conectividade, impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e ofrecer mellores servizos á cidadanía e ás empresas da localidade.
A ampliación da cobertura 5G en Cerceda supón un avance clave para reducir a fenda dixital e mellorar a competitividade do tecido empresarial. O alcalde incidiu na necesidade de dotar ao municipio dunha infraestrutura tecnolóxica moderna que permita o acceso a servizos dixitais de calidade, tanto para os veciños como para as empresas que operan na zona. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno reafirmou o compromiso do Executivo central en continuar impulsando este tipo de proxectos nos concellos galegos.
A subdelegada do Goberno destacou que o Goberno de España está a investir 9,3 millóns de euros para ampliar a rede en 51 concellos, algo que beneficiará a máis de 13.000 veciños.
Posteriormente, a subdelegada e o rexedor acudiron ao Viveiro de Empresas, situado no Polígono do Acevedo, onde se celebrou a xornada "Administración preto de ti", unha iniciativa promovida polo Goberno de España para facilitar a relación da cidadanía coas Administracións Públicas. Neste encontro, os asistentes recibiron asesoramento sobre diversos trámites administrativos e resolución de dúbidas, ademais de poder obter o certificado dixital e a Cl@ve permanente, ferramentas fundamentais para a realización de xestións telemáticas.
A xornada contou cunha importante participación de veciños e profesionais interesados en mellorar o seu acceso aos servizos dixitais. María Rivas destacou a importancia desta iniciativa para garantir que todas as persoas poidan acceder á administración electrónica dun xeito sinxelo e seguro, especialmente en municipios pequenos nos que o acceso a oficinas presenciais pode ser máis limitado. O alcalde tamén puxo en valor este tipo de eventos como unha ferramenta esencial para achegar a administración á cidadanía e facilitar os seus trámites cotiáns.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, subliñou que “agradecemos a visita á subdelegada do Goberno, tanto para o impulso da conectividade no noso municipio como traendo iniciativas como esta da Administración preto de ti, que son as que marcan a diferencia no trato coa cidadanía”.
Ademais, agradeceu tamén o compromiso inversor do Goberno central en Cerceda, lembrando os 25 millóns de euros entre actuacións xa realizadas e futuras. Entre estas encóntranse os 15 millóns de euros do PERTE do hidróxeno en Meirama, máis de 3 millóns do Instituto de Transición Xusta para impulsar 5 proxectos industriais, o nó da subestación de Meirama, 6 sendas peonís, a modernización da estación de tren Cerceda-Meirama, os 1,2 millóns para instalar placas fotovoltaicas no parque acuático, o medio millón para a rehabilitación do paseo fluvial do río Cabancos, a instalación de luminarias LED en Xesteda e a reforma do local social parroquial, a rehabilitación enerxética do Museo do Moucho, e a execución da obra da Vía Verde.