O alcalde de Cerceda visita as obras de mellora de Adif na estación de Meirama para comprobar o estado das actuacións

Unha representación do Concello de Cerceda, encabezada polo alcalde, Juan Manuel Rodríguez, comprobou o estado das obras que Adif está a executar na estación de Cerceda-Meirama. Á visita acudiron tamén as concelleiras Catrina Queijo, Cristina Capelán e María Carmen Martínez.

O obxectivo era avaliar o avance da actuación, destinada a mellorar a seguridade, a accesibilidade, a mobilidade e a interoperabilidade das instalacións ferroviarias. Os traballos forman parte dun plan de mellora impulsado por Adif xunto coas estacións de Ordes e Uxes que supera os 7 millóns de euros de investimento.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que estas actuacións responden parcialmente ás demandas trasladadas polo Concello nos últimos anos. “Estamos falando dunha infraestrutura que presentaba importantes carencias e que xeraba dúbidas entre as persoas usuarias, especialmente no relativo á accesibilidade e ás condicións do paso inferior”, indicou.

Na estación de Cerceda-Meirama, as actuacións inclúen a instalación de dous ascensores panorámicos para facilitar o paso entre vías, especialmente ás persoas con mobilidade reducida. Ademais, estase intervindo nas plataformas, o paso inferior, as ramplas e escaleiras.

O rexedor valorou positivamente que se estean a executar melloras na estación, aínda que advertiu de que será necesario comprobar o resultado final das actuacións unha vez rematadas: “Entendemos que vai supoñer un impulso importante para a estación e para o servizo ferroviario, pero tamén somos conscientes de que posiblemente non dea resposta a todas as necesidades existentes”.

Dende o Concello lembran que xa no ano 2023 se trasladara a Adif unha comunicación oficial advertindo das deficiencias existentes na estación. O documento ía acompañado de informes técnicos nos que se incidía nas condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións. Especialmente, nas inquedanzas sobre a luminosidade e seguridade do paso subterráneo.

Neste sentido, o alcalde lembrou tamén que a actual estación de Cerceda-Meirama se atopa afastada dos principais núcleos de poboación do municipio. Este feito obriga a moitas persoas usuarias a desprazarse expresamente ata a infraestrutura. En resposta a esta problemática, o Concello xa executara unha senda peonil de 300 metros de longo e dous metros de ancho para mellorar o acceso.

Dende o goberno municipal reiteran que seguirán realizando un seguimento das obras e trasladando a Adif todas aquelas cuestións que consideren necesarias para garantir “o mellor servizo posible” da estación á veciñanza de Cerceda.

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar