O Concello de Cerceda abre un período de consulta sobre actuación a desenvolver no lago das Encrobas. No 2022 venceron os dereitos mineiros deste espazo, co cal deixou de ser de dominio público mineiro. A partir de aí, para a Administración local abriuse a posibilidade de poñer en marcha os estudos previos de cara a promover un Plan Especial de protección e
regulación dos usos na súa contorna.
En virtude deses estudos xa se mantiveron distintas xuntanzas, e agora o Concello de Cerceda abre un período de consulta para que se lle dea traslado de iniciativas para desenvolver na zona, de cara a canalizalas e recollelas de maneira ordenada e coordinada nun plan especial urbanístico dende unha perspectiva de posta en valor do lago e o seu entorno, analizando todos os usos potenciais, para posteriormente ordenalos.
"A zona da central térmica xa está sendo tramitada como futura área empresarial, que sumará 58 Ha industriais ás 43 xa recalificadas na zona do Acevedo a Cobeláns. Pero agora toca traballar na ordenación do territorio vencellado o lago, unha vez que xa se desafectou o uso mineiro. O abano que se abre para o futuro de Cerceda é inxente, nunha confluencia entre actividades industriais e turísticas que reforzará o equilibrio que dende fai décadas caracterizou a Cerceda, e que explica o desenvolvemento económico e o emprego", sinala o alcalde, Juan Manuel Rodríguez.