O Concello amplía case un 20% o orzamento das axudas para a escolarización

O Concello de Cerceda abriu hoxe o prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse das axudas á escolarización do alumnado empadroado no municipio, unhas subvencións que este ano chegarán a máis familias ao medrar un 19% o orzamento destinado a esta cuestión.

O Concello dedicará 25.000 euros a estas bolsas no próximo curso, das que se poden beneficiar os e as residentes en Cerceda que estean matriculadas nun centro de ensino e que cursen: Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional de Grao Medio ou Superior.

A contía variará en función dos ingresos, e irán dende os 100 euros para un alumno ou alumna de Bacharelato ou FP que teña unha renda per cápita familiar entre o 100 e o 120% do IPREM mensual (fixado en 600 euros) ata os 250 euros que recibiría un neno ou nena de Educación Infantil cuxa renda per cápita familiar non acade os 600 euros mensuais.

Serán gastos subvencionables os derivados da compra de libros de texto, material escolar, vestiario básico ou equipamento informático para o alumnado que teña establecido o emprego da mochila dixital. Ademais, este apoio será compatible con calquera outro tipo de subvencións.

Transporte escolar

Así mesmo, hoxe tamén abriu o prazo para solicitar o apoio municipal para os desprazamentos con fin escolar de cara ao curso 24/25. A partida será idéntica á do ano pasado (5.000 euros) e poderá acceder o alumnado de Bacharelato, Ensinanza de Réxime Especial, FP ou universitario. Cada beneficiario recibirá 250 euros de axuda sempre que cumpra os requisitos establecidos nas bases, que se poden consultar na páxina web municipal.

O prazo de presentación de solicitude para estas bolsas está aberto dende hoxe ata o 18 de xuño. As instancias serán entregadas, preferentemente, a través da sede electrónica, aínda que tamén se poderán presentar no rexistro do Concello de Cerceda.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Comunicación, Catrina Queijo, insiste na “necesidade de que o Concello saiba atender as necesidades da veciñanza”, incidindo tamén en que “os comezos do curso escolar son, economicamente, complexos, e coas bolsas, podemos aliviar en parte este momento”.