Cerceda, 31 de maio de 2022 – O Concello de Cerceda comeza a reforma do interior do edificio municipal que se atopa preto da área recreativa de Xesteda para convertilo nun Centro Social e Cultural, nun proxecto que pretende dinamizar a parroquia, dando servizo e actividade á súa poboación cunha instalación acorde ás necesidades demandadas pola veciñanza.
O obxectivo do goberno local e que o inmoble acolla actividades de todo tipo, e para todas as idades, de diversa índole como culturais, educativas, lúdicas e asociativas, xa que actualmente esta parroquia non conta con ningún local destas características.
Así, actuarase no acceso cara o primeiro andar desde o exterior polo baixo, así como un espazo fóra que servirá como aparcadoiro. No que se refire o interior, adecuaranse os espazos referentes o vestíbulo de acceso, o aseo da planta baixa, o almacén da planta baixa, o vestíbulo e o aseo da primeira planta e as dúas salas multiusos do primeiro andar.
Tamén se executarán todos os acabados interiores, en tarima de madeira laminada nas salas multiusos do primeiro andar, e en gres cerámico nos restantes espazos. Colocaranse elementos de illamento térmico nas fachadas. Realizarase unha renovación total da carpintaría e executaranse as instalacións de fontanaría, saneamento, baixa tensión e alumeado.
O alcalde, Juan Rodríguez, acudiu hoxe ao comezo dunhas obras “coas que queremos dinamizar a vida asociativa, cultural e lúdica no noso municipio”, apuntou.