O Concello de Cerceda creará unha senda peonil para conectar o núcleo urbano co centro médico para continuar mellorando as conexións e prestar mellores servizos á veciñanza. A Administración local sacou a licitación un paquete de intervencións por un valor de 109.319,12 euros con cargo ao Plan Complementario da Deputación da Coruña, entre as que se encontran as melloras nun camiño na zona dos eólicos ata o límite municipal, nas beirarrúas do Museo do Moucho e no acceso a Recegulfe, ademais da xa mencionada. O prazo de presentación de ofertas remata o 3 de outubro de 2022.
Dentro do compendio de obras que saca a contratación o Concello, sen dúbida a de maior calado é a que comunicará o núcleo de Cerceda co centro de saúde a través dunha senda peonil de 200 metros de lonxitude e 2 metros de ancho na marxe dereita. Contémplase tamén o retranqueo de 180 metros de pechamento de postes de formigón e arame.
Tamén se pretende mellorar unha vía municipal na zona dos eólicos, nun total de 1200 metros, cun asfaltado de 15 centímetros, así como a apertura de gabias, limpeza de salvagabias e a colocación dunha franxa de formigón para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.
Crearanse tamén beirarrúas na contorna do Museo do Moucho, un dos espazos culturais máis senlleiros do municipio. Executaranse en baldosa para dar un servizo do que carecía o municipio ata o momento.
O acceso ao lugar de Recegulfe executarase nunha lonxitude de 250 metros e 3,50 metros de ancho, cunha mellora da capa de rodaxe de 6 centímetros, reparando previamente os baches e perfilando as mordentes con grava. Mellorarase tamén o entronque coa apertura dun sobre ancho nunha superficie de 50 metros cadrados, que se pavimentará con 15 centímetros de grava. Pintaranse tamén as marcas viais.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, resaltou que “ca ampliación no acceso ao CPI O Cruce moi avanzada, agora buscamos mellorar a seguridade na estrada que vai ao centro médico de Cerceda, outra edificación pública de gran trascendencia para a vida das persoas. Este mandato vai supoñer para o pobo un avance moi grande en materia de accesibilidade”.