O Concello de Cerceda culminou a renovación de dous viais clave na parroquia de Xesteda, a pista dende Campo Xesteda cara a Cruce da Brea e a pista ao monte. Este luns tivo lugar a entrega das dúas intervencións, que supuxeron un investimento total de 79.220 euros financiados cunha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Na pista de Campo Xesteda a Cruce da Brea, actuouse sobre un tramo de 940 metros e catro de ancho. Limpáronse as gabias en ambas marxes e mellorouse a capa de rodaxe con aglomerado asfáltico. Así mesmo, aplicouse sinalización horizontal e engadiuse un sinal de stop.
Na pista ao monte, a intervención abrangueu dous treitos de 540 e 160 metros, é dicir, un total de 660 metros, así como un entronque de 15x7 metros. Neste caso, mellorouse o firme cunha capa de zahorra e engadiuse un sinal de stop.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, supervisou as actuacións xunto coa tenente de alcalde, Catrina Queijo, e o concelleiro de Medio Rural, Ángel Gestal. O rexedor valorou que “desde o Concello seguimos mellorando a mobilidade e a seguridade viaria nas parroquias con actuacións como esta en Xesteda”.
Rodríguez subliñou que actuacións coma esta son esenciais para o goberno municipal: “Temos unha extensa rede de estradas municipais que debemos coidar e mellorar para garantir as boas conexións que temos”.



