O Concello de Cerceda vén de anunciar o inicio do proceso para rehabilitar a antiga escola unitaria de Meirama, un edificio histórico que deixou de ter uso educativo. Co obxectivo de devolvelo á vida comunitaria e garantir a súa conservación, o goberno local aposta por transformalo nun local social funcional, sostible e adaptado ás necesidades da veciñanza.
O proxecto concíbese como unha actuación integral, que incorpora a mellora da envolvente térmica, a renovación dos sistemas de climatización e a modernización da iluminación. O investimento total ascende a 90.482,41 euros, unha aposta do Concello pola rehabilitación de infraestruturas municipais e pola mellora da eficiencia enerxética. Está enmarcado no plan de rehabilitación de espazos públicos parroquiais ampliado desde o anterior mandato.
As obras previstas inclúen a renovación completa da cuberta con tella nova, a instalación dun sistema de illamento térmico exterior, a colocación dunha bomba de calor aire-aire, a substitución da iluminación existente por tecnoloxía LED e a incorporación dun sistema de monitorización que permitirá un control eficiente do consumo eléctrico. Con estas actuacións, o edificio alcanzará os estándares actuais de confort e sustentabilidade, garantindo o seu uso social. Con estas actuacións, o Concello estima que a redución do consumo de enerxía se reducirá un 25%, así como diminuirá un 30% as emisións de CO2.


