O Concello de Cerceda reforza o programa de Envellecemento Activo para as persoas maiores en 2025

O Concello de Cerceda, a través da Área de Benestar Social, continuará no ano 2025 co seu programa de Envellecemento Activo, unha iniciativa que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas a medida que envellecen. Para iso, desenvolveranse actividades como talleres de memoria, ximnasia de mantemento, formación en novas tecnoloxías, obradoiros, os xa tradicionais Sábados de Baile, así como a celebración de datas especiais como o Entroido ou o Nadal e diferentes excursións culturais.

Este programa, que leva anos en funcionamento, contará neste 2025 co apoio da Deputación Provincial da Coruña, sendo Cerceda un dos 21 concellos beneficiarios deste financiamento. Grazas a este respaldo económico será posible seguir impulsando novas iniciativas que fomenten o envellecemento activo e contribúan á loita contra a soidade non desexada, un dos grandes retos nas zonas rurais.

A finalidade principal deste proxecto é promover a saúde física e emocional das persoas maiores, favorecer a súa vida social e fortalecer a súa autonomía. O Concello aposta así por unha estratexia integral que combina o exercicio físico, a promoción de hábitos de vida saudables, a atención á saúde mental e a participación social.

A concelleira de Benestar Social, Catrina Queijo, destacou a importancia deste tipo de iniciativas afirmando que “queremos que a veciñanza maior de Cerceda se sinta activa, acompañada e parte da vida do municipio. O envellecemento pode e debe ser unha etapa chea de aprendizaxes, relacións sociais e benestar, e desde o Concello imos seguir traballando para facelo posible”.

Neste mesmo camiño, Cerceda colabora tamén co Sergas a través de dous programas de especial interese para a veciñanza maior: o programa Aloumiños e o programa Xanela Aberta á Familia. Trátase de iniciativas que buscan acompañar ás persoas, reforzar a súa saúde e mellorar o seu benestar no día a día, co obxectivo de que ninguén se sinta só ou desatendido, especialmente no ámbito rural.

Co conxunto destas accións, o Concello de Cerceda reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis activa, participativa e solidaria, na que as persoas maiores seguen a ocupar un lugar fundamental.

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar