O Concello finaliza a elaboración do informe de seguimento do PACES e inclúe medidas orientadas á adaptación contra o cambio climático e a loita contra a pobreza enerxética

O Concello de Cerceda finaliza a elaboración do Informe de seguimento do PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible), unha iniciativa europea na que os gobernos locais e rexionais comprometéronse de forma voluntaria a implantar no seu territorio os compromisos en materia de clima e enerxía da Unión Europea.

A Administración local adheriuse ao Pacto das Alcaldías en marzo de 2021 e elaborou o seu primeiro informe PACES en novembro de 2021. Entre os compromisos que se adquiriron está o de reducir en, polo menos, un 40% as emisións de CO2 no concello de cara ao ano 2030, tomando como ano de referencia o 2015. Outro dos compromisos adquiridos é o de aumentar a capacidade de resiliencia do concello mediante a adaptación ao cambio climático.

Tras dous anos, e tal como establece o Pacto das Alcaldías, debe avaliarse o estado das medidas que se propuxeron para comprobar se o concello de Cerceda está en boa dirección para alcanzar o compromiso de redución das emisións de cara ao 2030. Ademais, o Concello de Cerceda, en consonancia co seu compromiso coa sustentabilidade e a mellora ambiental, no presente informe inclúe novas medidas orientadas á adaptación ao cambio climático e á loita contra a pobreza enerxética.

Nos últimos meses, Vertia, a empresa contratada para a elaboración do informe de seguimento, volveu a facer un novo Inventario de Emisións de Referencia (IER) do ano 2022 facendo unha análise comparativa co IER do ano 2015.

No ano 2022 no concello de Cerceda acadouse unha redución do 14,6% das emisións de CO2 respecto ao ano 2015, o equivalente a 3.506 toneladas de CO2Esta redución de emisións permite afirmar que o Concello vai polo bo camiño para alcanzar o seu obxectivo de redución do 40% no 2030.

O rexedor de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salienta que “estamos enmarcados na consecución dos obxectivos da Axenda 2030, e neste caso dun modo moi tanxible, que foi unha das críticas que se lle fixera a este escenario, a dificultade de medir os seus obxectivos. Isto sitúanos á vangarda e ten plena coherencia do que é un Concello que traballa pola redución das emisións de dióxido de carbono, a mobilidade peonil e nos obxectivos que veñen marcados por Europa. Estes beneficios vai moito máis aló da consecución do obxectivo marcado, que xa é unha causa importante en si mesma”, aplica.