O Concello de Cerceda reafirma a súa aposta pola creación de novos servizos e o aumento de infraestruturas públicas ao longo e ancho do seu territorio.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez; e os concelleiros e concelleira Ángel Gestal, María del Carmen Rodríguez e Francisco Boquete visitaron hoxe varias das intervencións en marcha, e tamén a piques de rematar, no concello.
Trátase da creación da nova senda peonil Cerceda-Meirama, á que tan só lle queda por instalar unha baranda metálica e as novas luminarias; a execución da prolongación da senda peonil da Lousa; o camiño en rego asfáltico no Vilar; a creación dunha nova rede de pluviais e un muro de contención no Atrio e as novas beirarrúas na Silva, onde se actuou en 259 metros cadrados de extensión.
En tanto en canto á primeira, executouse así un tramo de 300 metros de senda peonil con 15 centímetros de formigón coloreado de 2 metros de ancho. Previamente realizáronse tarefas de demolición da cuneta existente e apertura de zanxas para realizar a instalación de tubaxes e arquetas de sumidoiros para a recollida de pluviais.
Trátase dunha aposta que se une á creación das xa existentes, como poden ser a de Gosende, A Silva-Tablilla ou de San Vicenzo. Tamén están proxectadas a do Roxo ou a de Ribasoutas a Xermar, “e todas elas cun claro obxectivo: fomentar a mobilidade non motorizada e promover os hábitos de vida saudables”, sinala o alcalde, Juan Manuel Rodríguez.
Na Lousa, amplíase a infraestrutura presente nalgo máis de 100 metros, e que presenta un ancho de practicamente dous metros e medio. No Vilar, mellorouse este camiño que da acceso a varias vivendas tras unha demanda veciñal.
Por outra banda, no Atrio, executouse unha nova rede de pluviais, a creación dun muro de contención e novas beirarrúas que dotarán a este lugar de Cerceda dun servizo co que non contaba ata o dagora.
No restante, as beirarrúas na Silva, trátase dunha execución, como decíamos con anterioridade, en 259 metros cadrados de novas beirarrúas para incrementar a seguridade peonil.
“Sempre queda por facer, por iso seguiremos traballando con firmeza e determinación, de aí que nos últimos días xa se iniciaran á parte novas actuacións ao longo do territorio”, asume o rexedor cercedense.
“Nos últimos días, desde o Concello iniciamos a mellora do acceso ao Piñeiro, o camiño en Carracedo e a cuneta transitable en Sucadío. Todos eles son traballos acometidos coa achega económica da Deputación Provincial da Coruña”, finaliza Rodríguez.