O Concello de Cerceda recepcionou os traballos de creación de varias sendas peonís nas marxes da estrada DP-2403, para conectar o Acevedo-Pao do Lobo-Ubal, por unha banda, e a Picota co Campo de Xesteda, por outra. Contaron cun orzamento de 236.124,00 euros.
No primeiro tramo, actuouse nun total de 1250 metros, nunha infraestrutura que conta con 2 metros de ancho. Executouse en pavimento de 20 centímetros de zahorra artificial e 15 centímetros de formigón en cor vermella, e conta con rede de pluviais nas zonas nas que así é preciso.
O segundo tramo consta de 750 metros cunha anchura igual que a anterior, 2 metros. Executouse da mesma maneira que a comentada con anterioridade, e en ambos tramos instaláronse árbores e bancos, para facilitar o descanso das persoas usuarias. Tamén se incorporaron muros de pedras de granito nalgunhas zonas.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinala que “sen contar a execución de novas beirarrúas, levamos investidos en sendas peonís preto de 1.300.000€ nos últimos dous anos. Con respecto ao inicio deste mandato, é moi evidente o profundo avance que se viviu na mobilidade peonil, algo que se seguirá implantando ao longo do territorio, con multitude de sendas xa aprobadas e outras que estamos presentando a distintas convocatorias”.