O Concello de Cerceda recibiu esta mañá cun acto institucional a Jonathan Barreiro, deportista cercedense actualmente nas filas do Unicaja de Málaga e que se proclamou a pasada semana campión da Copa do Rei de baloncesto, tras derrotar na final ao Lenovo Tenerife.
Tivo lugar esta mañá, venres 24 de febreiro, no Salón de Plenos do Consistorio e acudiron o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e o resto de concelleiros e concelleiras do goberno e parte dos integrantes da Corporación municipal.
Barreiro, de 26 anos, amosouse “moi agradecido por este recoñecemento” e confesa estar “feliz non só polo título, senón pola oportunidade de ganar unha competición no máis alto nivel do básquet nacional e que isto sirva para ser espello á mocidade. Con traballo, esforzo e máis traballo, hai posibilidades de chegar ao máis alto”, sentenciaba o profesional da canastra.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, destacou que “é un cercedense que xoga na segunda mellor liga de baloncesto do Mundo, compite na Euroliga e todos admiramos o seu éxito, que estácomposto or un talento innegable, pero tamén polo que máis admiramos: a súa capacidade de traballo, que coa súa resiliencia e a súa humildade leva o nome de Cerceda polo Mundo adiante”, resaltou.