O Concello de Cerceda rematará a vindeira semana a execución da senda peonil que une os núcleos de Cerceda e Meirama, nun proxecto que contou cun orzamento total de 117.850 euros e que inclúe tamén o camiño Sucadío-Carballal, o de entrada a Parada, a canalización de pluviais en Atrio, o camiño en Carracedo e o aumento da senda peonil na DP-2405. Enmárcanse no Plan Único 2021 da Deputación da Coruña e finalizaranse nas vindeiras semanas.
Executouse así un tramo de 300 metros de senda peonil con 15 centímetros de formigón coloreado de 2 metros de ancho. Previamente realizáronse tarefas de demolición da cuneta existente e apertura de zanxas para realizar a instalación de tubaxes e arquetas de sumidoiros para a recollida de pluviais.
“Supón un reforzo ao que se sumará a obra de mellora que ADIF vai a desenvolver a medio prazo na propia estación”, anuncia o alcalde, Juan Manuel Rodríguez.
Melloras na estación de tren
O pasado mes de novembro, o Concello de Cerceda trasladoulle a ADIF, entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, un informe para acadar as melloras necesarias na estación de tren Cerceda – Meirama.
A entidade, como resposta, afirmou que “de non mediar imponderables” o vindeiro ano 2024 comezarán as obas coa finalidade de modernizala, mellorando a seguridade e a súa inter operabilidade.
Instalaranse dous elevadores panorámicos coas súas respectivas pasarelas de unión e unha nova rampla no aparcadoiro para acceso de vehículos e maquinaria de mantemento ao andén, así como unha rampla de acceso peonil.