Os campos do Roxo volverán acoller a gran festa do fútbol cercedense coa terceira edición do Torneo de Fútbol do Concello de Cerceda, que este ano dá un paso adiante coa ampliación do seu formato. Ao cuadrangular sénior masculino súmanse agora unha final feminina e un triangular de veteranos, que repartirán a competición ao longo da fin de semana do 29 e 30 de agosto.
O acto de presentación contou coa presenza da tenente de alcalde de Cerceda, Catrina Queijo, e do concelleiro de Deportes, Óscar Golán, xunto con representantes dos cinco clubs federados do Concello.
A competición arrancará o sábado 29 de agosto co torneo sénior masculino, un cuadrangular no que tomarán parte o Rodís FC, o CCD Queixas, a SD San Martiño e o Club Atlético Cercedense. O balón botará a rodar ás 16:00 horas coa primeira semifinal entre o Rodís e o Queixas, seguida ás 17:00 horas do enfrontamento entre o San Martiño e o Cercedense. Ás 18:00 horas disputarase o partido polo terceiro e cuarto posto entre os dous equipos derrotados, e ás 19:00 horas chegará a gran final entre os dous gañadores. Os encontros deste cuadrangular serán de 45 minutos e, en caso de empate, resolveranse desde os penaltis.
Ese mesmo sábado, ás 20:00 horas, celebrarase por primeira vez unha final feminina que enfrontará ao Club Atlético Cercedense e, como convidado, ao Cabana, nun partido completo de 90 minutos que se resolverá en penaltis en caso de táboas no marcador.
A xornada do domingo 30 de agosto quedará reservada para o torneo de veteranos. Ás 10:30 horas abrirá a competición o duelo entre a S.D. San Martiño e o Rodís F.C. Ás 11:30 horas, o Cerceda Veteranos medirase co perdedor do primeiro partido, e ás 12:30 horas fará o propio co gañador. Estes encontros serán a 45 minutos, con penaltis ao final de cada un para desfacer un posible empate a puntos na clasificación final do torneo.
Golán destacou que a cita se engade a outras como o Torneo de Fútbol Base e salientou a evolución dunha cita que non deixa de medrar: "Este torneo naceu como unha festa do fútbol dos nosos clubs e cada ano vai a máis. Este ano damos un paso importante ao ampliar o formato con categoría feminina e de veteranos, para que sexa unha xornada na que participen cada vez máis persoas”.
O concelleiro animou tamén á veciñanza a encher as bancadas dos campos do Roxo: "Convidamos a todos os veciños e veciñas a achegarse estes dous días a apoiar os equipos do noso concello e a gozar dunha fin de semana de deporte cercedense para facer comunidade".



