O lago das Encrobas acolle este sábado a súa primeira competición deportiva coa 1ª Regata Coventina Renovables

O lago das Encrobas acollerá este sábado, 19 de setembro, a 1ª Regata Coventina Renovables, a primeira competición deportiva que se dispute nesta lámina de auga. A proba presentouse este luns nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; Antonio Romero, en representación da Federación Galega de Piragüismo; e Miguel Núñez, por parte de Coventina Renovables.

A competición, organizada pola Federación Galega de Piragüismo e patrocinada por Coventina Renovables, reunirá embarcacións de kayak e canoa nas categorías de base, desde os máis pequenos ata cadetes. O Concello de Cerceda colaborará no dispositivo con medios de Protección Civil e Policía Local, así como coa mellora dos accesos, o desbroce da contorna, o balizado e a preparación do aparcadoiro, entre outros.

O alcalde cualificou a cita como “un día histórico” e enmarcouna na traxectoria de apertura do lago que o goberno municipal vén articulando nos últimos anos: “Foi no seu día a apertura ao público, a autorización da pesca sen morte ou a navegación e os cursos que se viñeron desenvolvendo, e agora chegamos a un novo fito”. Rodríguez subliñou que o compromiso co lago é innegociable: “Este proxecto non só debe ser compatible cos usos lúdicos e recreativos, senón que debe contribuír a fortalecelos”.

Transición xusta

O rexedor situou a regata no contexto do primeiro concurso de transición xusta resolto en Galicia, que gañou o proxecto de almacenamento enerxético de Coventina Renovables, cun investimento previsto superior aos 400 millóns de euros. “Todos aqueles proxectos industriais de produción e almacenamento enerxético que reúnan o beneficio da veciñanza van ter o noso apoio decidido e determinado”, afirmou, lembrando os compromisos xa vinculados á iniciativa: o convenio subscrito co Concello, as 67.500 horas de formación para veciños e veciñas da contorna e os 2 megavatios de autoconsumo para o concello.

Juan Manuel Rodríguez volveu poñer o foco no esforzo municipal tras o peche da central térmica, que supuxo unha perda de retorno fiscal de máis de 1,3 millóns de euros: “Levamos conseguido nestes anos que a veciñanza practicamente non o notase en servizos e en infraestruturas, e conven repetilo”. Sobre o proceso de transición ecolóxica, advertiu de que “é ilusionante, pero tamén é lenta, porque a burocracia é tediosa e as axudas tardan”, aínda que se mostrou convencido de que dela sairá “unha Cerceda máis forte, máis sólida, con máis servizos e con máis oportunidades”.

Colaboración coa Federación e Coventina

Antonio Romero agradeceu a colaboración do Concello e a implicación de Coventina Renovables por levar a actividade federativa “a un lugar como este”, e lembrou que o piragüismo galego se desenvolve en ríos, encoros e mar. “É unha actividade que, ademais de deportiva, é cultural e histórica, porque leva a xente a coñecer a propia Galicia”, apuntou. O representante da Federación defendeu ademais o traballo coas categorías inferiores: “Non haberá olímpicos se non hai prebenxamíns e infantís; ese camiño faise constantemente desde a federación e a través dos clubs”.

Romero deixou aberta a porta a ampliar a cita en próximas edicións a categorías superiores e a outras especialidades, como os barcos dragón, e incluso amosou o seu interese na creación dun club de piragüismo en Cerceda. “Sería interesante porque revitalizaría a zona; os cativos terían outra saída a nivel deportivo”, indicou, ofrecendo o apoio da Federación para facelo posible.

Pola súa banda, Miguel Núñez salientou que a regata nace da vontade de promover “un deporte cos valores co que nos identificamos: disciplina, esforzo e superación”. O representante de Coventina Renovables engadiu que iniciativas como esta “contribúen de forma directa a xerar actividade, dinamismo e a atraer visitantes, clubs e talento” e que teñen “un significado especial na zona de transición xusta de Meirama”, onde a compañía se marca o obxectivo de impulsar proxectos de desenvolvemento socioeconómico. Núñez comprometeu unha colaboración a longo prazo: “Cando as entidades locais, o Concello, as federacións, os clubs e as empresas remamos na mesma dirección, conséguense resultados que deixan pegada no territorio”.

Os tres representantes animaron a palistas e á veciñanza a participar e a achegarse ao lago este sábado para gozar dunha xornada de piragüismo, coa vista posta en que a cita teña continuidade nos vindeiros anos.

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar