O Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), por medio do Instituto para la Transición Justa (ITJ) lanza o concurso do nó de transición xusta de Meirama o concurso do nó de transición xusta de Meirama 220kV, en Cerceda.
Este procedemento, que suma ata 408 MW de capacidade, priorizará os proxectos que minimicen a afección ambiental e maximicen os beneficios socioeconómicos locais. Deste modo, preténdese promover que a instalación de enerxías renovables impulse proxectos industriais, agrarios ou sociais adicionais que contribúan a mitigar o impacto do peche da central térmica.
O concurso busca beneficiar a zona de transición xusta de Meirama, composta por cinco municipios: Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, valora isto como “un paso importante de cara a converter en realidade os proxectos económicos do territorio”.
Ademais, sinala que “é un proceso que debe facer fincapé en factores como os beneficios socioeconómicos, sostibilidade, autoconsumo para os cidadáns e empresas da zona, xeración de emprego, plans de formación...”, e recalca que “esa pegada positiva para o interese público representa para nós unha razón de ser e estar”.
Beneficios para as zonas de transición xusta
Entre os criterios para a adxudicación do concurso, ademais de priorizar aqueles proxectos que minimicen a afección ambiental investindo en actuacións de economía circular ou de mellora da biodiversidade, valoraranse os beneficios socioeconómicos para o territorio: fomento do emprego, especialmente para traballadores excedentes da central e mulleres; o apoio a proxectos industriais, agrarios ou sociais locais; a formación para residentes da zona; o desenvolvemento de autoconsumo; os investimentos na cadea de valor principal e a participación de investimentos locais. O prazo para a recepción de solicitudes será de dous meses a partir do día 2 de febreiro.