Os campos do Roxo acollerán máis dun milleiro de xogadores no XVIII Torneo de Fútbol Base Concello de Cerceda

Os campos de fútbol do Roxo converteranse na capital do fútbol base durante o 29, o 30 e o 31 de maio con máis dun milleiro de xogadores da contorna. Será na decimooitava edición do Torneo de Fútbol Base Concello de Cerceda, organizado polo Concello de Cerceda, en colaboración co Atlético Cercedense, a Federación Galega de Fútbol e a Asociación Coruñesa de Epilepsia.

Este martes tivo lugar a presentación da cita deportiva, á que asistiron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; o director das Escolas de Fútbol Municipais, Alberto Pallas, e o presidente do Atlético Cercedense, Gabriel Bello.

Na presentación revelouse que participarán, polo menos, 56 equipos pertencentes a 16 clubs dunha ducia de concellos diferentes, á espera de posibles novas inscricións. A previsión é que xoguen en Cerceda máis de 1.100 nenos e nenas ao longo de toda a competición, xa asentada como unha das citas de referencia do fútbol base na zona.

Entre as novidades salientables está a ampliación da competición a tres días, en lugar dos dous nos que se viña celebrando ata agora; e a incorporación dunha nova categoría biberón, que se suma ás de prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes.

Durante a presentación do evento, os representantes municipais e da entidade deportiva destacaron o importante labor de coordinación entre o goberno municipal, o club e os colaboradores para facer posible unha competición desta entidade. A meta final é impulsar o deporte base, fomentar os valores do compañeirismo e da convivencia nas novas xeracións.

Juan Manuel Rodríguez destacou que “para nós é moi relevante organizar un torneo de fútbol base destas dimensións, impulsar o traballo dos clubs e promover o deporte entre os nenos e nenas”. O alcalde agradeceu aos colaboradores o seu traballo e convidou á veciñanza de Cerceda e da contorna a “acudir aos campos do Roxo, que se van converter nunha auténtica festa do balompé”.

Entre os clubs que presentarán escadras, atópanse, ademais do Atlético Cercedense, a SDC Órdenes, Unión Deportiva Carral, Escolas Deportivas O Dolmen de Tordoia, Xuventude Laracha, UD Paiosaco, Trazo CF, SD Sofán, Escolas Luis Calvo, Sporting Cambre, Sporting Burgo, Bergantiños FC, San Tirso SD, Betanzos CF, Santo Estevo Abellá SDC e SD Dubra.

Así mesmo, e do mesmo xeito que se fai con outras probas deportivas, o torneo estará caracterizado polo apoio social. Nesta ocasión o Concello colabora coa Asociación Coruñesa de Epilepsia, que instalará un stand nas inmediacións dos campos de fútbol para as persoas interesadas en apoiar o seu labor.

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar