O Concello de Cerceda celebra a excelente acollida do seu programa municipal de actividades culturais, deportivas e de envellecemento activo para o curso 2025-2026, que suma xa un total de 1.187 persoas inscritas. A cifra supón un novo fito na participación veciñal, consolidando a Cerceda como un concello comprometido coa promoción da vida activa, saudable e comunitaria.
A ampla oferta municipal, que inclúe disciplinas deportivas como fútbol, ximnasia rítmica, patinaxe ou judo; propostas de benestar como ioga, pilates ou zumba; e actividades culturais e de envellecemento activo como inglés, manuais, costura ou cociña, volveu demostrar a súa capacidade para atraer a públicos de todas as idades. A diversidade das propostas e a súa distribución ao longo da semana permiten adaptar horarios e intereses, facilitando a participación e contribuíndo á creación de hábitos saudables e ao fortalecemento do tecido social.
Desde o Concello destacan que esta elevada inscrición representa case unha cuarta parte da poboación censada, un indicador claro do impacto positivo destas iniciativas. Engaden ademais que o éxito de participación reafirma o compromiso municipal por seguir ampliando e mellorando a oferta, garantindo que Cerceda continúe sendo un referente en dinamización social, deportiva e cultural.
Co inicio das actividades, que foron visitadas por diferentes membros do goberno local, coma o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, ou os concelleiros Cristina Capelán, Óscar Golán ou Catrina Queijo. O goberno municipal agradece a confianza e implicación da veciñanza e reafirma a súa vontade de seguir traballando por un concello activo, participativo e cheo de vida.


