O Concello de Cerceda rematou os traballos de saneamento e da creación dunha senda peonil en Xesteda, intervencións que contaron cun orzamento total de 484.913,84 euros.
No caso da rede de saneamento, parte das intervencións contaron con fondos municipais e parte provinciais. No tramo de Xesteda ata o núcleo de A Picota, executáronse 274 metros de canalización en tubaxe, previa execución das gabias, e a instalación de 7 pozos de rexistro. As obras completáronse coas reposicións dos pavimentos afectados. O Concello investiu 56.408,67 euros.
Por outra banda, tamén se ampliou a rede desde Xesteda ata o cruce cara Londoño, estendendo este servizo en 735 metros de canalizacións e tamén coa instalación de 14 pozos de rexistro. Tamén incluíron as reposicións de pavimentos afectados. Con cargo ao Plan Único, a Deputación da Coruña aportou 55.126 euros.
En total, máis dun quilómetro de rede de saneamento completamente renovada, que se unen aos 24 pozos de rexistro instalados.
Por outra banda, tamén tivo lugar a creación dunha senda peonil neste núcleo, en dous tramos. O primeiro unía O Acevedo co Pao do Lobo e co Uval, rematada hai varios meses. Ten unha lonxitude de 1250 metros, e un ancho de 2 metros.
Fai unha semana que se finalizaron as intervencións entre A Picota e o Campo da Festa de Xesteda, na estrada DP-2403, e ambas contaron cun importe de 373.379,17 euros. Esta última ten unha lonxitude de 750 metros cunha anchura de 2 metros. O pavimento conta de 20 centímetros de zahorra artificial e 15 centímetros de formigón coloreado con malla electrosoldada. Tamén se instalaron bancos de pedra e árbores.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, afirma que “estes traballos contribúen a afianzar Cerceda como referente de cara a fomentar as posiblidades de tránsito peonil en materia de mobilidade non motorizada”.