Noticias

Dende o 15 ao 30 de abril de 2024 está aberto o prazo de solicitude de praza nova na escola infantil "Os Pillabáns" para o curso 2024/2025.
A documentación precisa que se debe de adxuntar xunto co modelo de solicitude é a que se acompaña no anexo. Esta documentación debe ser presentada na Sede Electrónica do concello, no Rexistro Xeral ou en Servizos Socias do concello, en horario de 9.00horas a 14.00horas.
Máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 68 60 68

Segundo o Real Decreto 637/2021, do 27 de xullo, cómpre rexistrar as explotacións avícolas existentes en todos os concellos de Galicia.
Con respecto a esta normativa, informámosvos:
• Esta obriga esténdese tamén ás explotacións (galiñeiros) dedicadas ao autoconsumo.
• Ademais de non comercializar coa carne ou os ovos, o número de aves das explotacións de autoconsumo non debe ser superior a trinta.
• O incumprimento desta medida pode dar lugar a sancións. É preciso presentar o código que recibirán ao presentar o trámite para mercar polos para repoñer no curral.
• No caso das explotacións que comercialicen os ovos ou a carne, ademais de cubrir o impreso específico, recoméndase contactar coa Xefatura Territorial de Medio Rural da Coruña.
O impreso da Xunta de Galicia a cubrir é o MR501A
https://acortar.link/7ZO0ai

O Concello de Cerceda presentou esta mañá a terceira edición da proba deportiva Poseidon Race organizada polo club local OCR Cerceda, en colaboración co Concello. Esta proba deportiva consiste nunha carreira de obstáculos que terá lugar o 25 de maio no Aquapark cercedense e as súas inmediacións.
A proba deuse a coñecer hoxe, ás 13:45 horas, no salón de plenos da Casa do Concello e no acto interviñeron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; e o presidente do OCR Cerceda, Álvaro Sánchez.
A carreira contará coas categorías Elite, Starter e Popular. A primeira terá un percorrido de 10 quilómetros e 60 obstáculos, mentres que as restantes, a diferencia da edición do ano pasado, terano de 8 quilómetros. Iso si, terán que superar o mesmo número de obstáculos, nos que se porá a proba a forza, o equilibrio ou a puntería dos e das participantes.
A primeira categoría que tomará a saída será a Elite e producirase ás 15:00 horas. A continuación, ás 16:20 horas, arrancarán os ‘starters’ e as categorías populares sairán cada 20 minutos dende as 16:40 ata as 18:00 horas.
Esta proba forma parte da Liga OCRA Galicia 2024, Liga AOCO, Liga North Finals e será clasificatoria para o mundial de California OCRW.
ÉXITO DE PARTICIPACIÓN
Esta III edición da Poseidon Race apunta a que será un éxito rotundo de participación, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. A máis de dous meses da proba, o número de anotados roza os 660, a menos de 50 inscritos do récord establecido o ano pasado, cando participaron 700 persoas. Para formar parte da proba, as persoas interesadas deberán apuntarse a través da páxina www.ccnorte.com
En Cerceda daranse cita os mellores atletas nacionais e internacionais deste tipo de carreiras con deportistas de elite chegados dende países como Portugal, Dinamarca, Bélxica, Sudáfrica ou Alemaña.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou “a aposta decidida deste goberno pola colaboración con este tipo de eventos, que fomentan o deporte e que lle dan visibilidade a recursos que son de moito interese para nós”.
“Co noso apoio imos tratar de darlle un novo impulso a unha cita que non deixa de medrar, tanto a nivel de participación como de calidade, nas verbas dos propios participantes”, insistiu o rexedor.
O presidente do club organizador da carreira, Álvaro Sánchez, agradeceu a colaboración do Concello de Cerceda, pois “sen ela sería totalmente imposible darlle ao evento a magnitude que ten a día de hoxe”.
Amosou a súa “felicidade” polo grande éxito de inscricións e “animo á xente a que sigan anotándose”. Fixo fincapé en que “este ano formarán parte da Poseidon Race algúns e algunhas dos mellores corredores/as do mundo”, o que definiu como “un soño para nós”.

Durante o mes de marzo conmemórase o Día da Árbore, unha data sinalada para lembrar a importancia de coidar as superficies arboladas e os bosques, e o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) quere celebralo cunha nova edición infantil das Conversas Naturalistas adicadas ás árbores e os libros.
A actividade terá lugar o vindeiro sábado, 16 de marzo, ás 12.00 h. nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, actual sede do Centro de Documentación, e terá unha duración aproximada de 2 horas. Está dirixida a rapazada de 7 a 14 anos, que poderán vir acompañados dun adulto, se o desexan.
Máis información e reservas en:
https://www.ceida.org/gl/novidades/conversas-naturalistas-arbores-e-libros
RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se actualizan as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena tecia solanivora povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia.
Ver resolución (D.O.G)
A parroquia de Encrobas foi incluía como zona tampón, por ser limítrofe coas zonas infestadas; para tratar de conter o avance da couza guatemalteca da pataca; por este motivo os agricultores desta parroquia deben comunicar os datos das súas plantacións de patacas antes do 1 de abril

Cerceda acolle esta fin de semana do 17 e do 18 de febreiro a primeira proba do Circuíto de menores Padelprix, no que se dará cita o mellor do pádel galego en categorías de canteira.
Este novo torneo está na elite deste deporte a nivel de base na comunidade, pois é un dos únicos seis que se celebran en Galicia que é puntuable para o ránking nacional. Precisamente por isto, a inscrición, xa pechada, foi todo un éxito: 52 parellas federadas (104 inscritos), que xogarán por ser os mellores nas categorías Alevín masculino, Infantil masculino e feminino, Cadete masculino e feminino e Junior masculino.
Á inauguración do torneo, que se celebrará no Padelprix de Cerceda, asistirán o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Pádel, Poli Fernández; a xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Sofía Toro; e o director do torneo, Xoel Tejo.
A organización fai un chamamento á veciñanza de Cerceda para que pase a ver o torneo, pois a entrada será de balde.

O Concello de Cerceda aprobou este martes a inclusión no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña un compendio de 26 intervencións por valor de 435.000 euros; aorredor de 10.000 euros para gasto corrente e 71.000 euros do Plan Único adicional para a liña de dependencia do Servizo de Axuda no Fogar, o cuarto piar do Estado do Benestar. En canto ás intervencións, estas son:
- Pista A Capela Parada, Cerceda.
- Acceso en Coence, Cerceda.
- Acceso en Lavandeiras, Cerceda.
- Ramal en Avenida da Coruña, Cerceda.
- Acceso a O Redondelo, Queixas.
- Viario en O Ubal, Queixas.
- Viario en Gustovedra, Encrobas.
- Sinalización horizontal da pista da estrada a Meirama cara o límite con Carral, Encrobas.
- Sinalización horizontal estrada Cerceda - Laracha.
- Mellora do viario de O Barreiro e As Cavadas, Rodís.
- Viario en O Castelo, Meirama.
- Pista en A Cardiña, Meirama.
- Pista en Picardel, Meirama.
- Senda en Piñeiro, Cerceda.
- Mellora de beirarrúas en A Silva, Avenida da Paz, Rodís.
- Pista de Costa Vella O Telleiro, Queixas.
- Piusta en Belsar, Encrobas.
- Acceso a Cabalar, Xesteda.
- Piusta de Folgar a Cerdeira, Rodís.
- Viario en Sartego, Rodís.
- Mellora da capa de rodaxe Portos-Gosende, Rodís.
- Mellora do acceso á parte traseira do cemiterio, Rodís.
- Acceso en Vila da Igrexa, Cerxceda.
- Mellora da capa de rodaxe Piñeiro nave ata cruce, Meirama.
O Concello de Cerceda recibiu hoxe de bo grao o comezo do concurso do nó de Transición Xusta de Meirama. Son proxectos onde a capacidade de acceso á rede eléctrica, liberada tras o peche de centrais térmicas, adxudícase mediante concurso para que sexa empregada por novas centrais de enerxías renovables.
O Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) fai pública hoxe unha consulta sobre esta cuestión, un trámite que busca coñecer a opinión das empresas que poderían formar parte do concurso antes de elaborar as bases deste proxecto, enfocado nas enerxías limpas.
Ábrese agora un período de participación e consulta no que as compañías interesadas enviarán as súas propostas. Os principais obxectivos deste nó son: xeración de emprego a longo prazo mediante proxectos asociados, autoconsumo para a cidadanía e empresas, plans de formación e recualificación de traballadoras e traballadores.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, asume que “desde hai tempo que resaltamos ante o Instituto de Transición Xusta a urxencia de habilitar conexión á rede eléctrica, de cara a converter en realidade os proxectos enerxéticos do territorio. Por iso hoxe estamos especialmente felices”, recalca.
“Acaba de publicarse a consulta previa á elaboración das bases do concurso de acceso ao nó de transición xusta de Meirama, un proceso que vai facer fincapénos factores que levamos ano reivindicando: beneficios socioeconómicos, sustentabilidade, autoconsumo para a cidadanía e empresas, xeración de emprego e plans de formación, valores que van a ser prioritarios. Que a reindustrialización deixe unha pegada positiva para o conxunto da veciñanza, non é só a nosa idea, é tamén a nosa razón de ser e estar”.

O Concello de Cerceda reafirma a súa aposta pola creación de novos servizos e o aumento de infraestruturas públicas ao longo e ancho do seu territorio.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez; e os concelleiros e concelleira Ángel Gestal, María del Carmen Rodríguez e Francisco Boquete visitaron hoxe varias das intervencións en marcha, e tamén a piques de rematar, no concello.
Trátase da creación da nova senda peonil Cerceda-Meirama, á que tan só lle queda por instalar unha baranda metálica e as novas luminarias; a execución da prolongación da senda peonil da Lousa; o camiño en rego asfáltico no Vilar; a creación dunha nova rede de pluviais e un muro de contención no Atrio e as novas beirarrúas na Silva, onde se actuou en 259 metros cadrados de extensión.
En tanto en canto á primeira, executouse así un tramo de 300 metros de senda peonil con 15 centímetros de formigón coloreado de 2 metros de ancho. Previamente realizáronse tarefas de demolición da cuneta existente e apertura de zanxas para realizar a instalación de tubaxes e arquetas de sumidoiros para a recollida de pluviais.
Trátase dunha aposta que se une á creación das xa existentes, como poden ser a de Gosende, A Silva-Tablilla ou de San Vicenzo. Tamén están proxectadas a do Roxo ou a de Ribasoutas a Xermar, “e todas elas cun claro obxectivo: fomentar a mobilidade non motorizada e promover os hábitos de vida saudables”, sinala o alcalde, Juan Manuel Rodríguez.
Na Lousa, amplíase a infraestrutura presente nalgo máis de 100 metros, e que presenta un ancho de practicamente dous metros e medio. No Vilar, mellorouse este camiño que da acceso a varias vivendas tras unha demanda veciñal.
Por outra banda, no Atrio, executouse unha nova rede de pluviais, a creación dun muro de contención e novas beirarrúas que dotarán a este lugar de Cerceda dun servizo co que non contaba ata o dagora.
No restante, as beirarrúas na Silva, trátase dunha execución, como decíamos con anterioridade, en 259 metros cadrados de novas beirarrúas para incrementar a seguridade peonil.
“Sempre queda por facer, por iso seguiremos traballando con firmeza e determinación, de aí que nos últimos días xa se iniciaran á parte novas actuacións ao longo do territorio”, asume o rexedor cercedense.
“Nos últimos días, desde o Concello iniciamos a mellora do acceso ao Piñeiro, o camiño en Carracedo e a cuneta transitable en Sucadío. Todos eles son traballos acometidos coa achega económica da Deputación Provincial da Coruña”, finaliza Rodríguez.