Actualidade
A partir do martes 4 de novembro de 2025 xa se poden presentar as solicitudes para participar no programa de termalismo do IMSERSO 2026.
Prazos para presentar solicitudes:
- Quendas de febreiro a agosto de 2026:
- Prazo prioritario: ata o 4 de decembro de 2025.
- Prazo para lista de espera: ata o 14 de maio de 2026.
- Quendas de setembro a decembro de 2026:
- Prazo prioritario: ata o 15 de maio de 2026.
- Prazo para lista de espera: ata o 31 de outubro de 2026.
Máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 68 60 68
Convocatoria subvencións municipais deportivas, culturais, ANPAS e deportistas 2025
Por xunta de goberno local de data 22 de outubro de 2025, aprobouse a convocatoria de subvencións municipais a deportistas, entidades culturais, deportivas e ANPAS para a realización de actividades.
Ver documento de bases - BOP 207 29/10/2025 (pdf)
SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPEPORTIVAS E ANPAS (pdf)
SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS E DEPORTISTAS (pdf)
XUSTIFICACIÓN DA SUBVENCIÓN PARA ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS

A Deputación da Coruña no seu programa dirixido a concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia da Coruña para a realización e actividades de promoción económica durante o ano 2024 contribuiu a financiación da tradicional Festa do Cochiño do noso concello, cunha subvención de 24.101,16 euros.
Publícase a resolución das axudas municipais á escolarización para o curso 2025/2026, solicitadas ao abeiro da convocatoria publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña número 110 do 11 de junio de 2025.
As persoas interesadas dispoñen dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte da resolución provisional, para presentar as alegacións que consideren oportunas, así como achegar a documentación ou xustificacións que estimen pertinente, de acordo co previsto no artigo 76 da Lei 39/2015, de 10 de outubro, do procedemento administrativo común. No caso de que non se presenten alegacións no prazo sinalado, a resolución provisional entenderase definitiva.
Así mesmo, de acordo co punto 12 das bases da convocatoria, as persoas beneficiarais das axudas, disporán de prazo ata o 13 outubro de 2025 para presentar ,no Rexistro Xeral do Concello de Cerceda, a documentación xustificativa do gasto realizado. No caso en que as persoas interesadas non presenten dita xustificación no prazo establecido, entenderase que desiste da súa petición e perderá o dereito a recibir a axuda recoñecida.
O Concello de Cerceda, a través da Área de Benestar Social, continuará no ano 2025 co seu programa de Envellecemento Activo, unha iniciativa que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas a medida que envellecen. Para iso, desenvolveranse actividades como talleres de memoria, ximnasia de mantemento, formación en novas tecnoloxías, obradoiros, os xa tradicionais Sábados de Baile, así como a celebración de datas especiais como o Entroido ou o Nadal e diferentes excursións culturais.
Este programa, que leva anos en funcionamento, contará neste 2025 co apoio da Deputación Provincial da Coruña, sendo Cerceda un dos 21 concellos beneficiarios deste financiamento. Grazas a este respaldo económico será posible seguir impulsando novas iniciativas que fomenten o envellecemento activo e contribúan á loita contra a soidade non desexada, un dos grandes retos nas zonas rurais.
A finalidade principal deste proxecto é promover a saúde física e emocional das persoas maiores, favorecer a súa vida social e fortalecer a súa autonomía. O Concello aposta así por unha estratexia integral que combina o exercicio físico, a promoción de hábitos de vida saudables, a atención á saúde mental e a participación social.
A concelleira de Benestar Social, Catrina Queijo, destacou a importancia deste tipo de iniciativas afirmando que “queremos que a veciñanza maior de Cerceda se sinta activa, acompañada e parte da vida do municipio. O envellecemento pode e debe ser unha etapa chea de aprendizaxes, relacións sociais e benestar, e desde o Concello imos seguir traballando para facelo posible”.
Neste mesmo camiño, Cerceda colabora tamén co Sergas a través de dous programas de especial interese para a veciñanza maior: o programa Aloumiños e o programa Xanela Aberta á Familia. Trátase de iniciativas que buscan acompañar ás persoas, reforzar a súa saúde e mellorar o seu benestar no día a día, co obxectivo de que ninguén se sinta só ou desatendido, especialmente no ámbito rural.
Co conxunto destas accións, o Concello de Cerceda reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis activa, participativa e solidaria, na que as persoas maiores seguen a ocupar un lugar fundamental.
O Concello de Cerceda continúa a executar a súa ambiciosa estratexia de mellora das instalacións deportivas municipais coa vista posta nun obxectivo claro: deixar os espazos deportivos en condicións óptimas para que, durante os próximos anos, o principal esforzo sexa no mantemento.
Precisamente hoxe tivo lugar a sinatura do convenio entre o Concello de Cerceda e a Deputación da Coruña para cofinanciar as obras de renovación do céspede artificial do campo anexo ao Roxo, que teñen un orzamento de arredor de 313.000 euros, dos cales a Deputación achegará 250.000.
Deste xeito, o campo de fútbol anexo ao Roxo mudará o seu céspede artificial, actualmente deteriorado polo uso continuado e o paso do tempo. Esta mellora, que suporá un salto cualitativo na calidade das instalacións, beneficiará a centos de deportistas locais que utilizan o campo para partidos e adestramentos, garantindo unha superficie segura, moderna e adaptada ás esixencias actuais do deporte.
Esta actuación complétase co recente cambio das luminarias no mesmo recinto, xa executado, que permitiu dotar o campo dunha iluminación máis eficiente e potente, facilitando o seu uso en horario nocturno e reducindo ao mesmo tempo o consumo enerxético.
Este esforzo engádese á importante obra que se está a desenvolver no campo do Outeiro, na Silva, e á intervención prevista en Rodís, nun conxunto de proxectos que deixará a práctica totalidade das infraestruturas futbolísticas do municipio plenamente renovadas.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que “este é o mandato dos investimentos nas instalacións futbolísticas. Isto persegue un obxectivo: ter unhas instalacións en boas condicións para a primeira metade do século XXI. Ao que me refiro con isto é que nos próximos anos teremos que encargarnos principalmente do mantemento, non de reformas, pois xa estarán acometidas”.
Rodríguez destacou que “é unha das instalacións deportivas máis importantes de Cerceda, pois é un lugar de adestramento de moitos equipos. Ademais, completa a gran oferta deportiva do Roxo, co pádel, o campo de herba natural e o campo de fútbol sete”.
O rexedor cercedense aproveitou a ocasión para agradecer ao presidente provincial “a gran axuda que a Deputación lle brinda ao Concello de Cerceda, que se exemplifica con esta actuación, pero que está presente en moitas outras, como as obras financiadas a través do Plan Único”.
Onte comezaron os traballos de ampliación das instalacións da Escola Infantil “Os Pillabáns”. Esta obra responde ao incremento constante de matriculacións e as previsións á alza de crecemento de poboación. Onte desprazáronse ata alí o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e os concelleiros Francisco Abuín, Cristina Capelán e Catrina Queijo.
Cabe destacar, como sinalou o alcalde, que Cerceda é un dos municipios que máis medrou o último ano segundo datos do Instituto Nacional de Estatística e que está rexistrando un bo número de nacementos cada ano (máis de 30 nos anos 2023 e 2024), sendo esta unha actuación prevista polo goberno local para o período 2023- 2027.
Para a culminación deste proxecto, que conta cun orzamento de arredor de 183.000 euros, empregarase un espazo vacante na marxe sureste do terreo no que se empraza o actual edificio, o cal permitirá executar unha nova aula que se conectará ao edificio existente a través do comedor.
En total, serán 70 metros cadrados aproximadamente os que se engadan á construción e os espazos quedarán totalmente reorganizados, para favorecer un óptimo desenvolvemento de actividades toda vez que se salvagarda a posibilidade de, no caso de aumentar o número de alumnas e alumnos, este espazo estea dotado de servizos para elo.
Melloraranse as condicións de illamento térmico do edificio, así como da humidade. Tamén se instalará unha nova rede de pluviais, que servirá para dotar dunha maior presión ao servizo, así como se contempla tamén a mellora da iluminación tanto interior como exterior.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou que o Concello “aporta 103.000 euros, que se suman aos 80.000 obtidos a través dunha subvención da Xunta de Galicia”. Lembrou o bo número de nacementos no municipio nos últimos anos e indicou que, se ben se deben a diversos factores, “algúns motivos son, sen dúbida, o apoio que se presta ás actividades culturais e deportivas, ter un bo servizo de Bos Días Cole, ou as axudas que se dan para a compra de material escolar”.
O rexedor lembrou “todo o apoio que se presta aos colexios públicos de Cerceda, con actuacións que incluso superan as competencias municipais”. Para rematar, fixo fincapé “no investimento que fai o Concello para o mantemento da Escola Infantil, pois aporta 139.000 dos 206.000 euros que custa cada ano, máis do 67%”.


