Actualidade
Onte comezaron os traballos de ampliación das instalacións da Escola Infantil “Os Pillabáns”. Esta obra responde ao incremento constante de matriculacións e as previsións á alza de crecemento de poboación. Onte desprazáronse ata alí o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e os concelleiros Francisco Abuín, Cristina Capelán e Catrina Queijo.
Cabe destacar, como sinalou o alcalde, que Cerceda é un dos municipios que máis medrou o último ano segundo datos do Instituto Nacional de Estatística e que está rexistrando un bo número de nacementos cada ano (máis de 30 nos anos 2023 e 2024), sendo esta unha actuación prevista polo goberno local para o período 2023- 2027.
Para a culminación deste proxecto, que conta cun orzamento de arredor de 183.000 euros, empregarase un espazo vacante na marxe sureste do terreo no que se empraza o actual edificio, o cal permitirá executar unha nova aula que se conectará ao edificio existente a través do comedor.
En total, serán 70 metros cadrados aproximadamente os que se engadan á construción e os espazos quedarán totalmente reorganizados, para favorecer un óptimo desenvolvemento de actividades toda vez que se salvagarda a posibilidade de, no caso de aumentar o número de alumnas e alumnos, este espazo estea dotado de servizos para elo.
Melloraranse as condicións de illamento térmico do edificio, así como da humidade. Tamén se instalará unha nova rede de pluviais, que servirá para dotar dunha maior presión ao servizo, así como se contempla tamén a mellora da iluminación tanto interior como exterior.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou que o Concello “aporta 103.000 euros, que se suman aos 80.000 obtidos a través dunha subvención da Xunta de Galicia”. Lembrou o bo número de nacementos no municipio nos últimos anos e indicou que, se ben se deben a diversos factores, “algúns motivos son, sen dúbida, o apoio que se presta ás actividades culturais e deportivas, ter un bo servizo de Bos Días Cole, ou as axudas que se dan para a compra de material escolar”.
O rexedor lembrou “todo o apoio que se presta aos colexios públicos de Cerceda, con actuacións que incluso superan as competencias municipais”. Para rematar, fixo fincapé “no investimento que fai o Concello para o mantemento da Escola Infantil, pois aporta 139.000 dos 206.000 euros que custa cada ano, máis do 67%”.
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
ORDE do 2 de xuño de 2025 pola que se determina a época de perigo alto de incendios.
O artigo 9 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece que, en consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto, que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia .../...
Con data 11/06/2025 foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña número 110, as bases polas que se rexerá a convocatoria das axudas municipais para a escolarización para o vindeiro curso escolar 2025-2026.
O prazo de solicitude das axudas será dende o 12/06/2025, ata o 1/07/2025 (ambos os dous incluídos)
Subvencionaranse os gastos derivados da compra de:
a) Libros de texto
b) Material escolar, inclúese neste apartado a adquisición de pendrives, sempre que sexa material solicitado polo centro educativo.
c) Vestiario básico
Non é obxecto de financiamento desta convocatoria o equipamento deportivo para as actividades extraescolares, así como, os gastos derivados da adquisición de dispositivos e material informático (ordenadores, impresoras, tablets, ).
Para máis información poden contactar co Departamento de Servizos Sociais, no telf.: 981 68 60 68.
Listaxe definitivo do alumnado admitido e listaxe agarda da escola infantil municipal Os Pillabáns para o curso 2025/2026
Bases reguladoras das axudas económicas de apoio á natalidade anualidade 2025
Con data 14 de maio de 2025 a Concelleira Delegada aprobou a listaxe proviosional da concesión de prazas da Escola Infantil Municipal Os Pillabáns, asi como a listaxe de agarda, para o curso 2025/2026 .../...
>>> Ver ou descargar documento completo (pdf. 83k)
Con data 14 de maio de 2025 a Concelleira Delegada aprobou a listaxe proviosional da concesión de prazas da Escola Infantil Municipal Os Pillabáns, a´si como a listaxe de agarda, para o curso 2025/2026. Infórmase que se concede un prazo de 10 días hábiles, dende o seguinte á publicación. para a presentación de alegacións ou reclamacións. No caso de non presentarse ningunha no citado prazo, entenderase aceptada a proposta de concesión, que adquirirá carácter definitivo .../...
>>> Ver ou descargar documento completo (pdf, 223K)
O Concello de Cerceda culminou a construción da nova senda peonil e ciclista que conecta os núcleos de Ribasoutas e Xermar, ao longo da estrada AC-400, nun itinerario de case dous quilómetros deseñado para mellorar a seguridade viaria e fomentar os desprazamentos sostibles dentro do municipio. Esta nova infraestrutura foi inaugurada hoxe co gallo dunha visita institucional encabezada polo alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
A obra, que contou cun orzamento de aproximadamente 754.000 euros, foi financiada a través do programa DUS 5000 do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), pertencente ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase da actuación máis relevante en materia de mobilidade peonil acometida polo goberno local neste mandato, tanto pola súa envergadura como polo seu impacto directo na calidade de vida dos habitantes da zona.
O itinerario, de 1.835 metros de lonxitude e dous metros de ancho, discorre pola marxe esquerda da AC-400 e inclúe unha pasarela peonil pilotada de 595 metros, cunha altura máxima de tres metros. A pasarela está equipada con varandas de madeira de cen centímetros en ambos laterais, garantindo así a seguridade dos peóns e ciclistas que a empreguen. Ademais, ao longo de todo o percorrido habilitouse unha rede de recollida de augas pluviais con cincuenta pozos de rexistro e instalouse un tubo para a futura canalización do alumeado público. A actuación completouse coa construción dun muro de pedra de granito de 307 metros de lonxitude, que permite estabilizar o terreo e mellorar a integración paisaxística da senda no contorno natural.
A nova infraestrutura supón un salto cualitativo na estratexia municipal de fomento da mobilidade sostible. Nos últimos anos, o Concello de Cerceda vén desenvolvendo múltiples actuacións para promover desprazamentos a pé seguros entre os diferentes núcleos do municipio, favorecendo así a conectividade, reducindo a dependencia do vehículo privado e mellorando a cohesión territorial.
O rexedor cercedense destacou que “esta senda de Xermar recibe un financiamento do IDAE de máis de 600.000 euros. Conecta a que xa se executara en San Vicenzo e outra en Ribasoutas”. Con estas actuacións estase a lograr unha interconexión peonil “moi importante”. Ademais, esta é xa a sexta senda peonil financiada no concello por parte do IDAE.
Juan Manuel Rodríguez lembrou outras actuacións que o Goberno de España está a desenvolver en Cerceda, que suman investimentos por valor de máis de 25 millóns de euros que afectan a eidos como a mobilidade, obras de rehabilitación ou impulso á industria verde.
Por último, agradeceu ao delegado todo o apoio que o Goberno lle está a brindar a Cerceda tanto en materia de financiamento como en materia de transición xusta.
Pola súa banda, Pedro Blanco afirmou que “Cerceda é un deses concellos que está aproveitar de mellor maneira os fondos do plan de recuperación”. A intención do Goberno é “darlle unha nova vida industrial a Cerceda e, ao mesmo tempo, facelo un lugar máis habitable e amable”.


