
O Concello de Cerceda continúa a executar a súa ambiciosa estratexia de mellora das instalacións deportivas municipais coa vista posta nun obxectivo claro: deixar os espazos deportivos en condicións óptimas para que, durante os próximos anos, o principal esforzo sexa no mantemento.
Precisamente hoxe tivo lugar a sinatura do convenio entre o Concello de Cerceda e a Deputación da Coruña para cofinanciar as obras de renovación do céspede artificial do campo anexo ao Roxo, que teñen un orzamento de arredor de 313.000 euros, dos cales a Deputación achegará 250.000.
Deste xeito, o campo de fútbol anexo ao Roxo mudará o seu céspede artificial, actualmente deteriorado polo uso continuado e o paso do tempo. Esta mellora, que suporá un salto cualitativo na calidade das instalacións, beneficiará a centos de deportistas locais que utilizan o campo para partidos e adestramentos, garantindo unha superficie segura, moderna e adaptada ás esixencias actuais do deporte.
Esta actuación complétase co recente cambio das luminarias no mesmo recinto, xa executado, que permitiu dotar o campo dunha iluminación máis eficiente e potente, facilitando o seu uso en horario nocturno e reducindo ao mesmo tempo o consumo enerxético.
Este esforzo engádese á importante obra que se está a desenvolver no campo do Outeiro, na Silva, e á intervención prevista en Rodís, nun conxunto de proxectos que deixará a práctica totalidade das infraestruturas futbolísticas do municipio plenamente renovadas.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que “este é o mandato dos investimentos nas instalacións futbolísticas. Isto persegue un obxectivo: ter unhas instalacións en boas condicións para a primeira metade do século XXI. Ao que me refiro con isto é que nos próximos anos teremos que encargarnos principalmente do mantemento, non de reformas, pois xa estarán acometidas”.
Rodríguez destacou que “é unha das instalacións deportivas máis importantes de Cerceda, pois é un lugar de adestramento de moitos equipos. Ademais, completa a gran oferta deportiva do Roxo, co pádel, o campo de herba natural e o campo de fútbol sete”.
O rexedor cercedense aproveitou a ocasión para agradecer ao presidente provincial “a gran axuda que a Deputación lle brinda ao Concello de Cerceda, que se exemplifica con esta actuación, pero que está presente en moitas outras, como as obras financiadas a través do Plan Único”.
- Categoría: Noticias

O IMSERSO abre o prazo para novas solicitudes para o Programa de Turismo para a tempada 2025/2026 que comeza o día 1 de xullo e remata o día 23 de xullo de 2025.
Solicitantes:
a) Persoas residentes en España que reúnan calquera dos seguintes requisitos:
- Ser pensionista de xubilación do Sistema Público español de Pensións.
- Ser pensionista de viuvez con 55 ou máis anos de idade.
- Ser pensionista por outros conceptos ou perceptor de prestacións ou subsidios de desemprego, en todos os casos con 60 anos cumpridos.
- Ser titular ou beneficiario do Sistema da Seguridade Social, con 65 ou máis anos cumpridos.
b) Os españois residentes no estranxeiro sempre que reúnan os requisitos esixidos no apartado a) anterior.
c) Os españois de orixe emigrantes que retornasen a España, sempre que sexan pensionistas dos sistemas públicos de seguridade social do país ou países aos que emigrasen.
As persoas usuarias poderán ir acompañadas polo seu cónxuxe, parella de feito ou persoa coa que se constitúa unha unión estable e de convivencia con análoga relación de afectividade á conxugal, sen necesidade de que éstos reúnan os requisitos de idade ou pensión.
Asimesmo poderán ir acompañadas dos fillos con discapacidade en grao igual ou superior ao 45%, sempre que a viaxe a realice cos seus pais e ocupe cama supletoria na mesma habitación do hotel ou, no seu caso, abonen o suplemento establecido para cuartos individuales que estará suxeito á dispoñibilidade de prazas.
Para máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 686 068
- Categoría: Servizos sociais

Onte comezaron os traballos de ampliación das instalacións da Escola Infantil “Os Pillabáns”. Esta obra responde ao incremento constante de matriculacións e as previsións á alza de crecemento de poboación. Onte desprazáronse ata alí o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e os concelleiros Francisco Abuín, Cristina Capelán e Catrina Queijo.
Cabe destacar, como sinalou o alcalde, que Cerceda é un dos municipios que máis medrou o último ano segundo datos do Instituto Nacional de Estatística e que está rexistrando un bo número de nacementos cada ano (máis de 30 nos anos 2023 e 2024), sendo esta unha actuación prevista polo goberno local para o período 2023- 2027.
Para a culminación deste proxecto, que conta cun orzamento de arredor de 183.000 euros, empregarase un espazo vacante na marxe sureste do terreo no que se empraza o actual edificio, o cal permitirá executar unha nova aula que se conectará ao edificio existente a través do comedor.
En total, serán 70 metros cadrados aproximadamente os que se engadan á construción e os espazos quedarán totalmente reorganizados, para favorecer un óptimo desenvolvemento de actividades toda vez que se salvagarda a posibilidade de, no caso de aumentar o número de alumnas e alumnos, este espazo estea dotado de servizos para elo.
Melloraranse as condicións de illamento térmico do edificio, así como da humidade. Tamén se instalará unha nova rede de pluviais, que servirá para dotar dunha maior presión ao servizo, así como se contempla tamén a mellora da iluminación tanto interior como exterior.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou que o Concello “aporta 103.000 euros, que se suman aos 80.000 obtidos a través dunha subvención da Xunta de Galicia”. Lembrou o bo número de nacementos no municipio nos últimos anos e indicou que, se ben se deben a diversos factores, “algúns motivos son, sen dúbida, o apoio que se presta ás actividades culturais e deportivas, ter un bo servizo de Bos Días Cole, ou as axudas que se dan para a compra de material escolar”.
O rexedor lembrou “todo o apoio que se presta aos colexios públicos de Cerceda, con actuacións que incluso superan as competencias municipais”. Para rematar, fixo fincapé “no investimento que fai o Concello para o mantemento da Escola Infantil, pois aporta 139.000 dos 206.000 euros que custa cada ano, máis do 67%”.
- Categoría: Noticias

A Xunta volve poñer en marcha o programa Benestar en Balnearios. Unha experiencia de lecer e saúde destinada aos maiores de Galicia.
Estadías de 10 días en réxime de pensión completa (aloxamento, almorzo, comida e cea) a escoller entre 15 balnearios de Galicia, quendas desde 15 xullo ata o 31 de decembro de 2025.
Dirixido a persoas maiores de 60 anos (ou pensionistas maiores de 55) e un ou dous acompañantes.
Prazo de inscrición: do 17 de xuño ao 16 de xullo de 2025.
Máis información: 981 68 60 68
- Categoría: Noticias
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
ORDE do 2 de xuño de 2025 pola que se determina a época de perigo alto de incendios.
O artigo 9 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece que, en consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto, que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia .../...
- Categoría: Noticias

Con data 11/06/2025 foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña número 110, as bases polas que se rexerá a convocatoria das axudas municipais para a escolarización para o vindeiro curso escolar 2025-2026.
O prazo de solicitude das axudas será dende o 12/06/2025, ata o 1/07/2025 (ambos os dous incluídos)
Subvencionaranse os gastos derivados da compra de:
a) Libros de texto
b) Material escolar, inclúese neste apartado a adquisición de pendrives, sempre que sexa material solicitado polo centro educativo.
c) Vestiario básico
Non é obxecto de financiamento desta convocatoria o equipamento deportivo para as actividades extraescolares, así como, os gastos derivados da adquisición de dispositivos e material informático (ordenadores, impresoras, tablets, ).
Para máis información poden contactar co Departamento de Servizos Sociais, no telf.: 981 68 60 68.
- Categoría: Servizos sociais
Listaxe definitivo do alumnado admitido e listaxe agarda da escola infantil municipal Os Pillabáns para o curso 2025/2026
- Categoría: Noticias