Patrimonio

Patrimonio

O municipio de Cerceda atesoura séculos de historia, como demostran os vestixios arqueolóxicos máis antigos do municipio, que sitúan as primeiras poboacións na época dos asentamentos celtas.

Existen dúas localizacións pertencentes á cultura castrexa: o castro de Coto de Guichar, situado na parroquia das Encrobas, e o castro de Cerceda, no que se atopou un fermoso torques de ouro que na actualidade está exposto no Museo Provincial de Lugo.


A arquitectura relixiosa ocupa un lugar destacado no patrimonio do concello. Son numerosas as capelas e igrexas que se erguen nestas terras, predominando as que posúen características propias do estilo románico. Entre elas hai que destacar as de Santo André de Meirama, San Martiño de Rodís e San Román das Encrobas, a máis antiga e interesante dende o punto de vista artístico e arqueolóxico, construída no século XII e reformada no ano 1720.


En canto ao patrimonio civil, os pazos representan a herdanza da arquitectura tradicional galega da Idade Media en Cerceda. Estas casas fidalgas, construídas entre os séculos XVII e XVIII, constitúen un tesouro arquitectónico da época na que familias descendentes da nobreza e liñaxe, como as de Andrade ou Becerra, atraídas pola serenidade e fertilidade destas terras, deixaron a súa pegada.


Unha das pezas principais deste patrimonio é o Pazo de Boedo, declarado Ben de Interese Cultural en 1994, do que só se conserva un caserón cun par de chemineas e uns brasóns que lembran as súas orixes. Destacan tamén o Pazo-Torre de Gontón (As Encrobas), cuxa torre de orixe medieval alberga na actualidade as oficinas da empresa mineira LIMEISA, e o Pazo das Lavandeiras, de estilo barroco pertencente ao século XVIII, completamente restaurado e integrado no conxunto histórico da liñaxe dos Becerra.


Cerceda conta ademais con numerosos cruceiros, diseminados por todo o territorio, como os de Rodís, Meirama ou Xesteda, que presiden os adros das igrexas, e con algunhas casas tradicionais como o Casal do Igrexario, casa de labranza dos anos vinte construída en pedra, madeira e tella, que constitúen unha boa mostra da nosa arquitectura popular.

Cookies user preferences
We use cookies to ensure you to get the best experience on our website. If you decline the use of cookies, this website may not function as expected.
Accept all
Decline all
Read more
Unknown
Unknown
Accept
Decline
Save