Noticias

A carreira solidaria ‘Os 11 das vías’ consolídase no calendario e visibilizará o cancro infantil o vindeiro 9 de maio

O Concello de Cerceda presentou este venres a IV edición da carreira solidaria ‘Os 11 das vías’, que se celebrará o vindeiro 9 de maio. A proba, organizada polo Concello en colaboración co Club Atlética A Silva, o Albergue da Estación e a Federación Galega de Atletismo, visibilizará o traballo da Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG).

Á presentación acudiron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; María Docampo, de ASANOG; María José Fraga, do Club Atlética A Silva, e Miguel García, responsable do Albergue A Estación.

Ademais de dar a coñecer os detalles da cuarta edición de ‘Os 11 das vías’, tamén se fixo entrega do cheque de doazón da carreira de 2025. Neste caso, a beneficiaria é a Asociación Española contra o Cancro da Coruña, para a que se conseguiron recadar 687 euros.

‘Os 11 das vías’ abrangue tres modalidades co obxectivo de promover a práctica deportiva dun xeito solidario. A principal, de 11 quilómetros, consta de tramos de terra e asfalto e percorrerá parcialmente a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. Os primeiros clasificados recibirán premios en metálico.

Por outra banda, organízase tamén unha andaina non competitiva de 5 quilómetros baixo o lema ‘Un paseo pola vía’, así como diversas probas adaptadas para as categorías de menores de idade.

A inscrición pode efectuarse na pasarela de pagamento Carreiras Galegas (https://www.carreirasgalegas.com/events/iv-edicin-os-11-das-vas-concello-de-cerceda/omrYYWl2) ata as 23:59 horas do 3 de maio. A participación inclúe avituallamento, agasallo conmemorativo, servizo de duchas e xogos tradicionais durante toda a tarde para entreter os máis pequenos, ademais de medallas para nenos e nenas ata a categoría sub-12. Os participantes da andaina poden apuntarse ata o 9 de maio.

Dos 6 euros da inscrición da proba principal, un irá dirixido a ASANOG, mentres que a recadación da andaina (1€ por persoa) será doada integramente á entidade. Os corredores das carreiras de menores non teñen que pagar.

ASANOG é unha entidade sen ánimo de lucro que ofrece apoio integral ás familias con menores diagnosticados de cancro. É a principal causa de morte por enfermidade nesta cohorte de idade. No marco do seu labor altruísta, a asociación ofrece atención psicolóxica, apoio educativo, asesoramento en recursos e pisos de acollida, entre outros.

O concelleiro de Deportes, Óscar Golán, resaltou “o asentamento da carreira na axenda deportiva, unha proba que, ademais, ten unha vocación solidaria” e que “combina actividade física con natureza”. Así mesmo, o edil animou “a todos os veciños, sexan de Cerceda ou doutros concellos, a que participen nesta carreira e gocen do deporte”.

Cookies user preferences
We use cookies to ensure you to get the best experience on our website. If you decline the use of cookies, this website may not function as expected.
Accept all
Decline all
Read more
Unknown
Unknown
Accept
Decline
Save