O Concello de Cerceda puxo en funcionamento a ampliación da Escola Infantil Municipal Os Pillabáns, unha actuación que permite incrementar a capacidade do centro, dar resposta á demanda existente e eliminar a listaxe de agarda nas matrículas.
A intervención consistiu en construír unha nova aula de 70 metros cadrados. Este mesmo luns xa foi empregada polos nenos e nenas de 1 a 3 anos da escola, que fixeron uso dos distintos xogos e entretementos didácticos á súa disposición no novo espazo. Ademais, conta cunha nova e moderna zona de hixiene para o alumnado.
A mellora permite ampliar a oferta do servizo, chegando ata arredor de 60 prazas. O investimento total ascendeu a 103.000 euros achegados polo Concello de Cerceda, aos que se suman 80.000 euros de financiamento da Xunta de Galicia.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; a tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social e Igualdade, Catrina Queijo, e a concelleira de Educación, Cristina Capelán, visitaron as novas instalacións no seu primeiro día en activo.
O rexedor subliñou a importancia dunha actuación que, lembrou, era un dos proxectos máis significativos que se estaban a acometer actualmente. “Estamos enormemente satisfeitos. Fundamentalmente, porque isto cumpre un compromiso importante deste mandato, que era a ampliación da Escola Infantil Municipal”, sinalou.
Rodríguez subliñou a aposta do Concello por manter este servizo básico baixo xestión municipal, dentro das políticas sociais do goberno municipal para favorecer a natalidade e a conciliación.
Neste sentido, recalcou as últimas estatísticas demográficas. “Hai uns datos respecto á natalidade en Cerceda moi positivos no último lustro”, apuntou, engadindo que o Concello traballa “humildemente por favorecer esa dinámica con axudas á natalidade, apoio educativo e medidas de conciliación que van máis alá das competencias propias”.
Entre estas iniciativas citou “o Bos Días Cole ou a ampliación da oferta de campamentos e as actividades culturais e deportivas, con melloras progresivas, máis espazos e maior cantidade”, que contribúen a facilitar a vida das familias do municipio.
O alcalde avanzou ademais que, de continuar esta tendencia demográfica, o Concello estudará novas expansións deste servizo público: “Se a natalidade segue incrementándose, a nosa aposta será a medio prazo crear outro espazo educativo que dea resposta a esa demanda”.
Axudas á natalidade
No marco destas políticas, o Concello mantén aberta a convocatoria de axudas á natalidade, cun importe de 300 euros por unidade familiar. Están destinadas a nacementos, adopcións ou acollementos producidos entre o 1 de novembro do ano pasado e o 30 de outubro deste ano.
O prazo de solicitude permanece aberto ata o 30 de novembro, podendo tramitarse no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica, sede.cerceda.es.


