Noticias

As parroquias de Cerceda volven acoller cursos para empregar o móbil e manexarse coa informática

O Concello de Cerceda, a través da Aula CeMIT situada no Centro Cívico, dá continuidade de cara á vindeira tempada aos cursos gratuítos de uso e manexo do teléfono móbil e de informática. As formacións arrancarán no mes de outubro e diríxense tanto a persoas adultas como a nenos e nenas, con grupos repartidos por distintos puntos do municipio para achegar a formación tecnolóxica a todas as parroquias.

Os cursos de manexo do teléfono móbil desenvolveranse en horario de mañá. Os luns haberá dous grupos en Cerceda, de 10:15 a 11:15 e de 11:30 a 12:30 horas. Os martes será a quenda da Silva, de 11:15 a 12:15 horas, mentres que os mércores as clases trasladaranse á Baixa, de 10:00 a 11:00 horas, e a Meirama, de 11:15 a 12:15 horas. Os venres, a formación chegará a Queixas, de 10:00 a 11:00 horas.

No caso da informática para adultos, as sesións tamén se impartirán pola mañá. Os martes terán lugar na Silva, de 10:00 a 11:00 horas, e os xoves en Cerceda, con dous grupos de 10:00 a 11:00 e de 11:30 a 12:30 horas. Pola súa banda, o curso de informática para nenos e nenas celebrarase os luns pola tarde en Cerceda, de 16:30 a 18:00 horas.

As persoas interesadas poden solicitar praza presencialmente no rexistro do Concello, situado na planta baixa, ou ben de xeito telemático a través da sede electrónica. Para calquera dúbida, tamén poden achegarse polas mañás ao Centro Cívico, onde se atopa a Aula de Informática, e solicitar máis información.

A iniciativa enmárcase na aposta do goberno municipal por reducir a fenda dixital e facilitar que a veciñanza de todas as idades adquira destrezas cada vez máis necesarias no día a día, desde a realización de xestións en liña ata a comunicación coas familias.

Cookies user preferences
We use cookies to ensure you to get the best experience on our website. If you decline the use of cookies, this website may not function as expected.
Accept all
Decline all
Read more
Unknown
Unknown
Accept
Decline
Save