Noticias

Cerceda avanza: 1,88 millóns de euros en obras recentes e próximas

O elevado ritmo inversor municipal fai que todas as parroquias se beneficien de melloras de camiños, saneamento ou infraestruturas deportivas.

Ademais de infraestruturas básicas, tamén se contemplan proxectos puntuais como a ampliación da Escola Infantil Municipal, que terá unha nova aula grazas a un investimento de máis de 180.000 euros.

As infraestruturas deportivas levan boa parte do total deste lote de investimentos, pois prevense actuacións no Outeiro, no campo de Rodís e no complexo do Roxo.

O Concello de Cerceda está a desenvolver un amplo programa de obras e melloras que abrangue
todas as parroquias do municipio, cunha planificación que combina actuacións en servizos básicos, infraestruturas viarias, equipamentos deportivos e recursos educativos. Trátase dun esforzo inversor que supera os 1,88 millóns de euros e que materializa o compromiso municipal cunha modernización continua do territorio, garantindo que cada núcleo veciñal conte con mellores condicións de vida e servizos máis eficientes.

Cada proxecto —que neste momento están en execución, recentemente rematadas ou que están nos últimos trámites de contratación — responde a necesidades detectadas no día a día e avanza na liña dun concello cohesionado, ben comunicado e dotado de instalacións modernas e sostibles.


Entre as actuacións executadas e previstas destaca o proxecto de accesos a Abelleira e Boedo (Queixas) e a mellora das pluviais no Brazal de Abaixo, cun investimento global de 127.283,62 euros, que abrangue labores de pavimentación, instalación dunha nova rede de abastecemento, execución dun muro de contención e melloras no sistema de recollida de augas pluviais.

No ámbito da mobilidade rural, o Plan Camiña Rural 2025–2026 permitirá a mellora da pista de Campo Xesteda ao cruce da Brea e doutros camiños en Xesteda, cun investimento total de 82.567,98 euros, destinado a reforzar firmes, acondicionar marxes e asegurar unha circulación máis cómoda para residentes e vehículos agrícolas.

Nesta mesma liña trabállase tamén na ampliación e mellora dun importante acceso ao núcleo urbano de Cerceda, como é o caso de Sobredafonte, cun importe de 102.077,23 euros, que inclúe
movementos de terra, melloras estruturais, novos sistemas de drenaxe e reposicións de pavimento. Pola súa banda, o proxecto de mellora do camiño das Encrobas, a pista de Piñeiro a Sandián (Rodís) e o muro de Picardel (Meirama) -xa contratado para o próximo inicio- supón un investimento conxunto de 38.013,67 euros, destinado á pavimentación, á mellora da drenaxe e á execución dunha nova estrutura de contención.

Tamén se inclúe o proxecto de abastecemento en Vilamarta (Rodís), cun investimento de 34.119,91 euros, que permitirá renovar a rede de distribución de auga potable mediante nova canalización, instalación de válvulas e reposición de pavimentos.

A ampliación da Escola Infantil Municipal supón outro dos proxectos destacados, cun investimento de 183.358,87 euros, orientado a crear unha nova aula de 1-2 anos e mellorar a funcionalidade do centro, dando resposta á demanda crecente de prazas e reforzando os servizos educativos municipais.

O ámbito deportivo tamén concentra unha parte moi relevante do esforzo inversor. No campo de fútbol do Outeiro, prevese a instalación de novas gradas cubertas con vestiarios, almacén, cantina e aseos, cun investimento de 496.818,58 euros, modernizando por completo este equipamento. Ademais, no campo de Rodís, un recinto fundamental para a formación de fútbol do
Concello, executarase unha ampliación e mellora integral do terreo de xogo, cun importe de 184.548,68 euros, mentres que no complexo deportivo do Roxo vaise acometer a substitución total do céspede artificial, cun investimento de 312.781,94 euros, co obxectivo de ofrecer unha superficie máis segura, sostible e de mellor calidade para clubs, xogadores e usuarios.No conxunto do termo municipal tamén se están executando outras melloras viarias como as actuacións na pista da Capela a Parada -contratada desde este pasado xoves-, o acceso a Coence, o camiño a Lavandeiras e o ramal da avenida da Coruña, que supoñen un investimento de 46.674,47 euros, centrado no reforzo da capa de rodaxe e na mellora da drenaxe. A estas intervencións súmanse as obras de pluviais en Sandián (Rodís) -contratadas recentemente-, as
melloras en Cova das Andes, Vilarvello e a rúa da Gardería, cun investimento total de 73.884,78  euros, dirixido a reforzar infraestruturas hidráulicas, mellorar firmes e optimizar a seguridade
viaria. Ademais, a nova depuradora de Meirama e o saneamento en Ribasoutas están xa en execución contan cun investimento conxunto de 201.266,67 euros, que permitirá avanzar no tratamento de augas residuais e na eficiencia ambiental dos sistemas de saneamento municipal.

O Concello de Cerceda mantén así un ritmo de actuacións intenso e constante, cunha planificación que garante que cada parroquia reciba investimentos e melloras estruturais, reflectindo unha visión de crecemento equilibrado e sostible. Este conxunto de intervencións
confirma o compromiso municipal cun territorio máis moderno, accesible e preparado para afrontar os desafíos futuros, reforzando a calidade de vida da veciñanza e consolidando o avance continuo de Cerceda como un concello dinámico e en permanente evolución.

Attachments:
File
 Obras Cerceda 1.jpeg
Cookies user preferences
We use cookies to ensure you to get the best experience on our website. If you decline the use of cookies, this website may not function as expected.
Accept all
Decline all
Read more
Unknown
Unknown
Accept
Decline
Save